Escoitar

Santi Domínguez afirma que o convenio con Asime permitirá promocionar o sector naval a través do Convention Bureau

O tenente de alcalde e presidente do comité executivo do Vigo Convention Bureau, Santi Domínguez, asinou hoxe un convenio co presidente da Asociación de Industriais Metalúrxicos (Asime), Julio Gómez. O nacionalista destacou que a sinatura do documento ten o obxectivo de promocionar a industria e a economía viguesas, e en concreto o sector naval, nas accións organizadas polo Vigo Convention Bureau.

venres, 4 feb 2011
1296827473Asime.JPG
Santi Domínguez afirmou que a sinatura do convenio enmárcase nos obxectivos marcados coa constitución do Vigo Convention Bureau, como son captar visitantes para a cidade e promocionala como referente no mundo dos negocios e as reunións de empresas. Segundo manifestou o tenente de alcalde, "para nós é moi importante abrir o abano de institucións, asociacións e colectivos que teñan tamén este obxectivo", polo que asegurou que co acto de hoxe, o "Convention Bureau enriquécese cualitativamente".

O nacionalista explicou que a partir de agora o Vigo Convention Bureau e Asime levarán a cabo accións promocionais conxuntas do sector naval vigués, ofrecendo a posibilidade de dar a coñecer os estaleiros, como produto industrial, pero tamén como produto turístico", precisou. Ampliarase a oferta para dar coñecer tamén a historia industrial e naval da cidade. "Engadimos un apartado máis que se suma aos convenios que temos con outras institucións, como a Fundación Celta de Vigo", dixo.

Preguntado polo xeito como se organizarán as visitas aos estaleiros, Santi Domínguez explicou que nos congresos organízanse programas paralelos culturais fóra da reflexión congresual, polo que os responsables dos eventos solicitan os diversos elementos culturais e de interese que se poden visitar nas cidade. No caso de Vigo indicou que a Ría e as viaxes a Cíes son dous dos atractivos que se ofrecen habitualmente para que os organizadores decidan como completar o programa cultural.

"A través deste convenio ofreceremos que existe a posibilidade de visitar os estaleiros e contactar coas empresas do sector", destacou o tenente de alcalde. Ademais, engadiu que nas feiras de turismo se indicará que é posible realizar congresos que teñan que ver co mar, co porto e co mundo naval. "Para iso contamos coa disposición que Asime nos acaba de manifestar", concluíu.

O presidente da Asociación de Industriais Metalúrxicos, Julio Gómez, agradeceu a Santi Domínguez "que tivera a ben pensar en Asime para un tema tan importante como a promoción da cidade". Segundo considerou, "todo aquilo que se faga para dar a coñecer Vigo é pouco" e todo o traballo que se faga nesta liña "benvido sexa".
Descargar todas as imaxes