Escoitar

Caballero anuncia que "as catro primeiras sentencias" sobre o Plan Xeral de Vigo "son favorables ao Concello"

O alcalde de Vigo informou este xoves da recepción das catro primeiras sentencias relativas a pleitos ao Plan Xeral de Ordenación Municipal, actualmente en vigor, todas "favorables ao Concello". Unha sentencia do Xulgado de Instrucción de Vigo e outras tres do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia resolven a favor do municipio na rebaixa da edificabilidade e no incremento da vivenda protexida, entre outras cuestións. Caballero explicou que o goberno local estaba "dentro da legalidade e da política social" cando decidiu duplicar a vivenda de protección no PXOM

xoves, 3 feb 2011
1296741105Imagen006.jpg
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou hoxe xoves que "as catro primeiras sentencias" relativas ao Plan Xeral de Ordenación Municipal de Vigo "son favorables ao Concello".

O primeiro edil, quen amosou a súa "satisfacción" por esta "boa nova", explicou que tres dos dictames xudiciais foron emitidos polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia e o cuarto por un Xulgado de Instrucción de Vigo.

Nesta última, o demandante reclamaba unha indemnización ao Concello de 6,3 millóns de euros porque o goberno local rebaixou a edificabilidade da súa parcela sobre o avance previsto en anos anteriores, denuncia que foi rexeitada.

Nunha segunda resolución, o demandante solicitaba que unha parcela da súa propiedade fora catalogada como edificable e non como zona verde, e a terceira opónse a consolidar un inmoble definido no PXOM como non consolidado, ambas favorables ao municipio.

A cuarta sentencia, terceira do TSXG, abrangue ao ámbito de Bouzas-Casiano, plantexando tres liñas de recurso, todas desestimadas. Por un lado pedíase cambiar un sistema de expropiación por compensación para a obtención dun terreo privado, por outro solicitaba devolver ao dobre a edificabilidade nunha parcela -o goberno actual rebaixouna á metade-, e a terceira vía abordaba a vivenda protexida.

Neste último punto, o alcalde indicou que o Concello que preside decidiu incrementar a vivenda protexida na zona recurrida do 20% que contemplaba o avance do PXOM co goberno anterior ao 100% actual. O recurso tamén foi desestimado polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, declarando a actuación municipal -afirmou o rexedor- como "legal e válida".

"A primeira sentencia do Tribunal sobre a vivenda protexida dalle a razón a este goberno e consolida que se pode transformar dun 20% ao 100% estando na máis absoluta das legalidades", aseverou Caballero. Esta decisión xudicial expón que "estabamos detro da legalidade e da política social", explicou, ao incrementar a vivenda de protección do 22% anterior ao 43% actual no conxunto do Plan Xeral.
Descargar todas as imaxes