Concello de Vigo Vigo org
Xornalxornal.vigo.org
  


Noticias da semana

Suscribirse


 
luns, 31 de xaneiro de 2011

Imprimir | Enviar | | Compartir:  


O Pleno aproba por unanimidade a rebaixa nun 70% das taxas das terrazas impulsada polo goberno local

Tras reunirse co sector hosteleiro, o alcalde, Abel Caballero, anunciara o pasado 14 de xaneiro a decisión municipal de rebaixar nun 70% as tarifas de ocupación da via pública para instalar terrazas, e este luns o Pleno da Corporación respaldou por unanimidade esta proposta. Esta medida, tomada para axudar ao emprego na hostelería ante a crise económica, será efectiva con carácter retroactivo desde xaneiro. Dependendo da súa ubicación, unha cafetería pagará 32 euros o metro cadrado, polos 106 que se viñan abonando.




Todos os grupos políticos con representación municipal respaldaron este luns no Pleno da Corporación a decisión do goberno local de rebaixar nun 70% as taxas para instalar terrazas, anunciada fai dúas semanas polo alcalde, Abel Caballero.

Esta medida -adoptada e feita pública o pasado 14 de xaneiro polo rexedor, tras anunciarlla nunha reunión á Federación Provincial de Hostería de Pontevedra- posibilitará que unha cafetería ubicada en categoría un pase a pagar de 106 a 32 euros por metro cadrado de vía pública ocupada.

O obxectivo desta rebaixa é "apoiar" ao sector hosteleiro e ao emprego que xera en Vigo, segundo apuntara o alcalde no momento do seu anuncio, e entrará en vigor desde o 1 de xaneiro con carácter retroactivo.

Na sesión plenaria, o Partido Popular explicou o seu voto favorable afirmando que "imos estar sempre co goberno" cando rebaixe impostos á cidadanía, aínda que valorou que esta decisión -afirmou Jorge Conde- non era "vontade" do Concello, senón que veu obrigada pola normativa que impide fumar nos establecementos hosteleiros.

O voceiro socialista, Carlos López Font, aclarou que a lexislación sobre o tabaco era ben coñecida anteriormente e foi respaldada polo PP en Madrid, criticou o "oportunismo político" da oposición e recordou a rebaixa de impostos xa efectuada polo goberno local e recollida nos orzamentos municipais.

Con respecto ao pasado ano, as tarifas en 2011 baixan de 106 a 32€/m2 na categoría 1, de 56 a 16€/m2 na dúas, de 47,6 a 14€/m2 na tres, de 42 a 12€/m2 na cuarta, de 41 a 12€/m2 na quinta e de 15€/m2 a 4 euros na sexta categoría.
Mais noticias
O Pleno aproba cambios na zona azul que permitirán anular sancións de ata 45 euros con pagos dun máximo de 7 euros
O Concello fai definitivo o descanso semanal para os taxistas vigueses
Educación programa 30 visitas didácticas en inglés da actividade "Coñezamos a cidade/get to know your town"
Conferencia do editor Emilio Sdun no Verbum


Volver á portada

© Gabinete de Prensa - Concello de Vigo 2003