Escoitar

Caballero recoñece a Fomento os 600 millóns de euros para por "definitivamente en marcha" a autovía a Pontevedra e a ampliación de Rande

O alcalde amosouse este mércores satisfeito pola aprobación do trazado da nova autovía gratuita que unirá Vigo e Pontevedra, xa en exposición pública, que suporá un investimento de 427 millóns de euros financiados "na súa totalidade desde o ámbito público". Este investimento de Fomento únese á ratificación da ampliación da ponte de Rande, previsto o seu inicio para abril, co que o Ministerio que dirixe José Blanco inviste sobre 600 millóns de euros nestas dúas infraestruturas, o que "é de xustiza recoñecer", apuntou o alcalde.

mércores, 19 xan 2011
1295444144Imagen010.jpg
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, recoñeceu este mércores ao Ministerio de Fomento que teña "definitivamente en marcha" infraestruturas viarias para Vigo por valor de 600 millóns de euros, como son a autovía gratuita a Pontevedra e a ampliación da ponte de Rande.

O departamento que dirixe o lucense José Blanco informou onte da aprobación do trazado e da saída a información pública da conexión libre de peaxe entre Vigo e Pontevedra, cun investimento que ascende a 427 millóns de euros financiados "na súa totalidade desde o ámbito público", aseverou hoxe Caballero.

"Ao lado desto", indicou o primeiro edil, Fomento tamén ratificou a pasada semana a súa vocación de ampliar a ponte de Rande, con data prevista de inicio de obras para abril deste ano, e que será sufragada ben cun incremento dun céntimo na peaxe ben sendo asumido con aportacións estatais -como prefire o alcalde-, a decidir polo Goberno de España ao remate dos traballos no ano 2014.

Abel Caballero recoñeceu que o Ministerio de Fomento ten aprobados e publicados no Boletín Oficial do Estado investimentos por valor de 600 millóns de euros nestas dúas infraestruturas, o que "é de xustiza recoñecer".
Descargar todas as imaxes