Escoitar

O tenente de alcalde inaugura a mostra "Vigo, cidade do mar amado" como presentación da cidade para os visitantes

O tenente de alcalde, Santi Domínguez, participou este venres na inauguración da exposición "Vigo, cidade do mar amado", que durante os vindeiros seis meses poderase contemplar na Praza dos Fundadores (anexa a A Pedra). O tenente de alcalde salientou que a mostra forma parte do proxecto "Recursos turísticos para cruceiristas: exposición e itinerarios", do Plan de Competitividade Turística, e que está concebida como unha presentación da cidade aos visitantes.

venres, 22 out 2010
1287753506maramado.JPG
"En Vigo temos que aprender a querernos máis e a visualizar que esta é unha cidade impresionante chea de paraxes paradisiacos, innovación, dinamismo e modernidade, e que temos que ser quen de transmitirllo a quenes nos visitan", afirmou o nacionalista. Santi Domínguez explicou que "Vigo, cidade do mar amado" está integrada por 30 paneis que amosan diferentes perspectivas da cidade. Neles é posible atopar unha ollada de etapas ou acontecementos relevantes da historia de Vigo, como as súas raíces na prehistoria ou o Vicus romano, o episodio da Reconquista, a batalla de Rande ou o compromiso dos seus cidadáns e cidadás coas libertades, a democracia ou o autogoberno de Galiza.

Os paneis tamén fan referencia á biografía de persoeiros relevantes na historia da cidade, que ademais dan nome a algunha das principais rúas, e permiten ilustrar momentos significativos de Vigo, como Elduayen, Urzaiz, García Barbón o Policarpo Sanz. Ademais, dan conta do vencello e achega da nosa cidade coa cultura de Galiza a través de figuras como Martín Codax, Rosalía de Castro, Concepción Arenal ou Álvaro Cunqueiro, así como a potencia das súas industrias editoriais e xornalísticas, "importantes no espallamento da nosa cultura", apuntou Santi Domínguez.

Por outra banda, a exposición fai un achegamento aos fitos escultóricos e os estilos arquitectónicos presentes na trama urbana de Vigo e describen a súa conformación como cidade portuaria, mercantil e industrial. Inclúe cinco paneis que ofrecen aos visitantes itinerarios polas principais rúas e prazas da cidade, que se deteñen na súa arquitectura, espazos verdes e elementos escultóricos.

"Dende o Plan de Competitividade Turística queriamos adornar este espazo emblemático da cidade e poñelo a disposición dos vigueses e viguesas, pero tamén das persoas que nos visitan", manifestou Santi Domínguez respecto á ubicación da mostra na Praza dos Fundadores. Comentou que a excelencia que acabamos de celebrar porque xa a ten a nosa Universidade "ten que chegar a toda a cidade, para que todos os vigueses e viguesas se sintan orgullosos".

A mostra foi organizada polo grupo Merlín da editorial Galaxia, o seu editor,Vítor Freixanes asegurou que é unha "iniciativa didáctica e cívica moi querida por nós", xa dende que Santi Domínguez e Eudosio Álvarez lle transmitiron que querían converter este espazo nun "ágora para a descrición de nós mesmos". Salientou a importancia de que distintas forzas políticas arroupen esta iniciativa e como "vigués de nación consciente", destacou que a grandeza de Vigo radica na súa capacidade de "acoller a xente de toda procedencia". Ao seu xuízo trátase dunha característica fundamental que fai da cidade "o pulmón e o corazón de Galiza".
Descargar todas as imaxes