Escoitar

O alcalde inaugura o aparcadoiro soterrado de Pintor Colmeiro, que reserva o 20% das prazas para residentes

Abel Caballero eloxiou a "estética" e a "funcionalidade" tanto do aparcadoiro soterrado como da praza superior, que "cambia a perspectiva" da zona. O novo parking ábrese este venres ao público cun total de 394 prazas das que 78 -o 20% do total- están reservadas para os residentes. O alcalde eloxiou o traballo da empresa e dos arquitectos no que cualificou de "obra mestra da enxeñería".

venres, 9 out 2009
1255094800pintorcolmeiro.jpg
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, xunto con distintos membros da Corporación Municipal, inaugurou este venres o novo aparcadoiro soterrado de Pintor Colmeiro, que reserva unha quinta parte da súa capacidade para os residentes.

O rexedor socialista cualificou o traballo da empresa e dos arquitectos como unha "obra mestra da enxeñería", tanto pola súa "estética" como pola "funcionalidade" do complexo, que inclúe unha praza superior que "cambia a perspectiva" da zona pasando a ser "unha das máis fermosas" da cidade, segundo expresou Abel Caballero.

O alcalde mostrou a súa "satisfacción absoluta" polo resultado e asegurou que conclúe "un ano de duro traballo" no que definíronse algunhas características técnicas relativas á superficie da praza. Abel Caballero referiuse asemade a que a licenza do aparcadoiro foi concedida este mesmo venres e "inmediatamente o abrimos", "sen perder o tempo", mostra dun funcionamento do goberno local desde a "cooperación para facer as cousas ben".

O novo aparcadoiro soterrado de Pintor Colmeiro é o primeiro en abrirse ao público dos seis proxecados (Areal, Policarpo Sanz, Rosalía de Castro, Castelao e Jenaro de la Fuente), e suma un total de 394 prazas, das que 78 quedaron reservadas para os residentes.
Descargar todas as imaxes