Escoitar

Santi Domínguez salienta a calidade do proxecto educativo das galescolas na visita ao centro da rúa Palencia

O tenente de alcalde, Santi Domínguez, salientou este luns a calidade do proxecto educativo das galescolase e a a profesionalidade das persoas que traballan na rede pública de centros destinados a nenos e nenas de 0 a 3 anos. O nacionalista así o subliñou na visita que realizou ás instalacións da galescola ubicada na rúa Palencia, na que tamén participaron María Méndez, concelleira de Benestar Social, e Iolanda Veloso, concelleira de Igualdade.

luns, 23 mar 2009
1237815218galescola1.jpg
"Quixemos comprobar o funcionamento desta escola infantil e marchamos encantados ao comprobar a renovación pedagóxica que supoñen as galescolas", explicou Santi Domínguez. Asemade, o tenente de alcalde e a concelleira de Benestar Social e de Igualdade agasallaron aos cativos e cativas coa obra "O meu primeiro libro", editada pola Tenencia de Alcaldía. Con este libro, que conta con ilustracións de Kiko Dasilva e a colaboración da editorial Galaxia, se quere "achegar aos cativos e cativas desde os primeiros anos da súa vida á nosa lingua e a nosa cidade", explicou o nacionalista.

Preguntado polos xornalistas sobre o futuro das galescolas, o tenente de alcalde sinalou que o futuro goberno "terá que explicar que sistema educativo quere para Galiza". "Convido a calquer responsable do futuro goberno e mesmo a Alberto Nuñez Feijóo a que visiten as galescolas e comproben o funcionamento destas instalacións educativas", indicou. Ao respecto, o tenente de alcalde subliñou que as galescolas ofrecen unha educación aos rapaces e rapazas "da máxima calidade". "Esperemos que se siga primando a educación pública de 0 a 3 anos", manifestou.

A galescola da rúa Palencia, a primeira de Vigo, conta con 41 prazas e funciona a pleno rendemento dende setembro. A ela sumarase a do campus universitario, para cuxa construción foi asinado recentemente o convenio, e a do Parque Tecnolóxico, que xa está licitada, e comenzará a funcionar no curso 2009-2010.
1237815218galescola1.jpg
1237815230galescola2.jpg
Descargar todas as imaxes