Man Xornal.vigo.orgXornal.vigo.org Concello de Vigo Contacto
Discurso
Subscribirse


 
luns, 03 de decembro 2018

Imprimir | Enviar

Día da Constitución

Por Abel Caballero (Alcalde de Vigo)



DISCURSO DÍA DA CONSTITUCIÓN

Presidenta da Deputación, concelleiras e concelleiros, xuíz decano, fiscal xefe provincial, fiscala xefe de Vigo, bispo, delegado da Zona Franca, autoridades, miñas donas e meus señores,

A Constitución Española, 40 anos. 40 anos de pervivencia dun pacto histórico en España, catro décadas do valor e a fortaleza do acordo.

Un acordo de toda España, plasmado na Constitución. Seguramente porque viñamos da ditadura, porque sabiamos o que significaba o totalitarismo. Todos renunciamos a algo para gañar todos.

40 anos da etapa democrática máis brillante da historia de España, a etapa de maior estabilidade e cos maiores logros. A transición e a Constitución foi unha etapa de xenerosidade política con dirixentes políticos que priorizaron o ben común, a sociedade e os cidadáns; que mantiveron a súa visión de España e acordaron entre todos. Suárez, González, Roca, Carrillo, Fraga, Arzalluz... tiveron a altura de miras para acordar no interese común. Un éxito, un amencer que dura ata o día de hoxe.

Case que costa recordar como era aquela España, pero é un orgullo recordar unha senda de catro décadas. Melloras sociais, económicas, laborais, sanitarias, educativas... A modernización do país. E unha dura crise económica que danou tanto, aínda que a Constitución abría e permitía mellores e máis solidarias solucións.

É o legado vivo da Constitución. O legado de tantos dirixentes, pero tamén de tantos homes e mulleres que sumaron desde o ámbito social, económico, administrativo, político. Un legado de toda España para toda España.

Hoxe celebramos 40 anos. Pode que algúns non, e están no seu dereito, o que lles outogue a Constitución. Pero nós si, nós si a celebramos. Porque a nosa estrutura constitucional, herdeira da Constitución de 1812, das Cortes de Cádiz, esta vez si marca e sinala un período irreversible: o da democracia, o da soberanía cidadá, o das liberdades, das obrigas e dos dereitos dos cidadáns. Seguro que con erros, con deficiencias neste camiñar xuntos, pero coa capacidade de corrixir rumbo, xirar e avanzar, como España, como comunidades autónomas e como municipios.

A Constitución Española require de lealdade. A lealdade de recoñecer o dereito e autonomía de cada quen e dos demais. A lealdade, imprescindible na nosa estrutura política e administrativa. A lealdade que ten que funcionar no social e entre administracións.

A nación española está deseñada sobre os poderes do Estado e a súa autonomía. O Estado central, as Comunidades Autónomas e as Corporacións Locais. Entre elas, e dentro de cada cal, ten que operar a igualdade e lealdade e deben antepor o benestar da cidadanía ao interese político de cada goberno. E preciso coñecer e respectar os dereitos, as obrigas e as competencias de cada cal.

E os que incluso van máis aló da deslealdade e vulneran flagrantemente a Constitución, os da declaración unilateral de independencia en Cataluña, teñen que saber que sempre toparán coa democracia, coa Constitución, co dereito e coas normas.

Nun país coma España, no que o sistema administrativo de Estado, Comunidades Autónomas e Corporacións Locais ofreceu tantos e tantos logros e resultados, é preciso que as administracións, en base á lealdade, coñezan e respecten mutuamente os seus espazos.

Debemos coñecer e respectar a capacidade democrática de cada institución, concellos, comunidades autónomas e Goberno de España, para levar adiante autonomamente as competencias e obrigas que nos asignan as leis e a Constitución.

O Estado central, coas súas competencias; as comunidades autónomas, coas súas competencias; e as cidades, coas nosas competencias. É deslealdade inmiscuírse e arrogarse as competencias dunha administración municipal, intentando facer oposición ao local desde un parlamento autonómico.

Os gobernos responden ante os seus parlamentos, sexa este o Pleno municipal, o Parlamento Autonómico ou o Congreso e o Senado. Facer uso dun parlamento autonómico para erixirse en oposición dun concello é unha grave deslealdade.
E aquí en Vigo estamos asistindo á deslealdade dun Goberno autonómico negando as súas obrigas de atención, as súas inversións e o seu gasto na cidade. A mesma deslealdade, opoñéndose a unha biblioteca do Estado, a Illas Cíes Patrimonio da Humanidade, cando están apoiadas polo Goberno de España. O mandato de lealdade da Constitución é a obriga de atender ás cidades. Pero tamén non converter o Parlamento autonómico en cámara de oposición. Os intereses partidarios en ningún caso poden antepoñerse á autonomía institucional que consagra a Constitución no artigo 140: La Constitución garantiza a autonomía de los municipios. Nunca os intereses partidarios poderán antepoñerse ao interese dos cidadáns.

A sociedade evolucionou nestas catro décadas e as cidades son hoxe o lugar paradigmático onde todo acontece, os avances e o progreso.

As cidades de 1978 pouco se asemellan ás cidades de 2018; os cidadáns do 78 vían un mundo distinto do que ven os de 2018; as demandas de 1978 nada teñen que ver coas de 2018. Hoxe as cidades son o centro neurálxico do avance cidadá e os concellos cada día somos máis e máis a referencia e ocupamos máis e máis espazo. Como debe ser.

A nova política, a que demanda a España de 2018, canalízase a través dos concellos, dos seus alcaldes e das súas alcaldesas. Os cidadáns buscan nos seus alcaldes a satisfacción das súas necesidades; as empresas presentan aos alcaldes as súas propostas de mellora e desenvolvemento. E as demandas sociais, a política social, a imprescindible atención social ante a crise, tamén se vehicula e obtén resposta nos alcaldes progresistas que se comprometen, como facemos en Vigo, a loitar contra a brecha social, dando o máximo apoio a quen máis o necesita.

Pero tamén a sanidade e a educación acoden aos seus concellos, aos seus alcaldes. Tamén as novas tecnoloxías, o medio ambiente, a cultura e o deporte. Sempre os alcaldes, sempre os gobernos municipais.

Porque efectivamente, 2018 non é 1978. E a Constitución Española escribiríase hoxe recollendo e amparando esta realidade social, a dos concellos, a das grandes cidades. E cando a Constitución se reforme, que tarde ou cedo acontecerá, será preciso recoñecer esta realidade con competencias. As novas demandas, os novos valores, a modernidade, en definitiva, deben obter o seu espazo na Constitución Española a través das cidades. Será o mellor que lle poida suceder á xente, porque aquí, nas cidades, se celebran os grandes pactos. Como en Vigo, cun gran pacto entre o goberno que presido e os vigueses e as viguesas.

Novas demandas deben ter acomodo, deben ser amparadas polo máximo texto, pola Constitución. As pensións e a súa garantía; a vivenda, tras miles de familias desafiuzadas; a imprescindible cobertura do desemprego; a igualdade, a gran revolución pendente do século XXI.

E quero desde aquí recoñecer a presencia de Carmela Silva, primeira tenente de alcalde do Concello de Vigo, presidenta da Deputación, muller volcada na igualdade e defensora dunha nova sociedade comprometida, xusta e igualitaria. Tamén valedora da nosa cidade, de Vigo, na atención a Vigo no que Vigo merece e lle corresponde. Sucede hoxe o que nunca sucedera: a Deputación apoia Vigo porque vive Vigo. Tantas e tantas obras na nosa cidade levan o cuño da Deputación de Pontevedra.

A Constitución Española de 1978 revolucionou o panorama social, dando cobertura a un Goberno de España que, nos anos 80, lanzou o sistema público de pensións, as universidades, a modernización da educación, os novos modelos transporte, as novas tecnoloxías...

Esta é a liña a seguir, agora que estamos saíndo da crise, para curar os danos e tomar medidas para que nunca máis volva acontecer.

Tamén Europa, que debe cambiar a súa receita ante as dificultades para promover a cohesión entre os países. A actual debilidade de Europa emana do erro de non ter enfocado a crise desde a solidariedade e desde a atención ás persoas, en lugar de en termos de capital. Tería sido mellor para a cidadanía e tamén para as empresas e a economía.

A Constitución de 1978 da cabida a todo e a todos, e ten que seguir desenvolvéndose, porque a carta magna delimita o campo democrático no que debe seguir e seguirá dándose o xogo da política.

Ese é o seu espírito fundacional, esa é a nosa garantía, presente e futura. A democracia, os dereitos e liberdades dos que nos dotamos en 1978.

Viva a Constitución!
Viva Vigo, Viva Galicia e Viva España!


Outros discursos
Discurso DIA DE GALICIA

Discurso do Alcalde Reconquista 2018

Bando Reconquista 2018

Bando Día da Constitución

Discurso do alcalde de Vigo
Día da Constitución 2017


Bando Día de Galicia


Ver todos


Volver á portada

© Gabinete de Prensa - Concello de Vigo 2003