Man Xornal.vigo.orgXornal.vigo.org Concello de Vigo Contacto
Discurso
Subscribirse


 
mércores, 25 de xullo 2018

Imprimir | Enviar

Discurso DIA DE GALICIA

Por Abel Caballero (Alcalde de Vigo)



Presidenta da Deputación, delegado de Zona Franca, pregoeiro, concelleiras e concelleiros, obispo, presidente de ASIME, autoridades, miñas donas e meus señores,

É a nosa marca de sentimentos, o día de Galicia en Vigo. Porque queremos honrar a Galicia, nai e señora. Na nosa visión da Galicia do século XXI onde tantas e tantas cousas cambiaron. Desde aquí o noso saúdo a toda Galicia. Á Galicia do mar Cantábrico, á Galicia do inmenso mar océano, a das terras do interior. Á nosa Galicia, a que queremos e a que amamos.

E hoxe, neste Pazo de Castrelos, estamos na tradición de tantos séculos construíndo o Vigo que quere lanzar a toda Galicia ao lugar que lle corresponde. Desde o Vigo que máis forte que nunca ten por primeira vez a conciencia da nosa auto identificación. Do noso papel, da nosa ambición.

Desde o Vigo da economía, da industria, do turismo, do I+D, da tecnoloxía; desde o Vigo que queremos do comercio, xogando o pequeno e mediano comercio o seu papel vertebrador social. Porque somos economía. Porque somos industria. Porque somos progreso, oportunidades, emprego e esforzo. Porque queremos ser máis e máis a cidade do emprego e do progreso. Porque cando vemos o mundo, vemos os nosos automóbiles, os nosos barcos, a nosa pesca, os nosos servizos e empezamos a ver o noso turismo, que segue batendo marcas.

E hoxe o noso pregoeiro, Enrique Mallón, secretario xeral de ASIME, enraizado na industria, na tecnoloxía, na formación de novos técnicos, ou mesmo na industria aeroespacial que arrinca. Nunha visión de presente e de futuro. Na modernidade e na querenza a Vigo. Por iso, Enrique, o noso aprecio e o noso respecto. Hónranos o teu pregón e o teu traballo. Con tantas empresas, con tantas e tantos traballadores, con tanto talento colectivo que nos permite estar nos sectores punteiros de Europa e do mundo.

E se está a conformar un novo Vigo. Coa beleza nas rúas, con novos servizos, con máis atención á xente. Para as persoas. Para as viguesas e os vigueses. No deporte, na cultura, no asociacionismo, na música, nas corais e bandas, na música tradicional galega.

Se está a facer un novo Vigo, máis solidario que nunca, máis social que nunca, con máis atención aos que máis o necesitan. E sinto o orgullo de ser o alcalde dun Vigo que quere que ninguén quede tirado nas cunetas da crise.

E a nosa querenza ao desenvolvemento cultural, patrimonio de todos, monopolio de ninguén. A cultura que nace, vive, créase desde a excelencia... Ou desde ter creado unha nova Pinacoteca, ou mesmo transformar despachos en salas de exposicións, e xa van preto de cen.

Este novo Vigo, o que ama o deporte que xa tantos e tantas practican, que emociona cando un neno ou unha nena de poucos anos sente o seu equipo de fútbol, baloncesto, ximnasia, danza... cando os runners cabalgan a cidade, cando os iudocas fan as súas chaves, ou cando Media Punta escenifica as súas interpretacións sublimes. E todos o gozamos, os máis pequenos, os pais, os avós.

E arrincan os grandes proxectos da construción. A estación do AVE xa no seu inicio, naquel gran proxecto de Thom Mayne que xa é imparable; e a nova saída da cidade cara á autoestrada; ou o acordo, agora acelerado, co novo Goberno de España para humanizar a Avenida de Madrid; ou ámbitos comerciais que tirarán e estimularán o pequeno e mediano comercio de Vigo. E non imos deixar que ninguén atente contra un sector tan importante en emprego e en relación social. O pequeno e mediano comercio, a restauración, as cafeterías, son os lugares de encontro, son os vertebradores que dan consistencia ás relacións sociais da cidade.

O Barrio do Cura, que tanto ben fará á cidade, e a Panificadora, que abandonará o seu illamento e camiña, agora a máis velocidade. E a ordenación provisional que retomará unha gran parte do Plan de urbanismo, e Cordelerías Mar, e novo hotel en Samil... É a cidade, que ten máis dinamismo que nunca.

E coas Cíes alá ao fondo, que serán Patrimonio da Humanidade. Onte, un gran concerto nas festas de Vigo. Maná. Ou as luces de Nadal, as que envexan metaforicamente os alcaldes de New York e Tokio, e que tanta graza fan á xente máis xoven. E o concerto de OT. E a diversión co Marisquiño, que traerá cara Vigo a atención de tantos e tantos lugares. E cando acaben as festas, alá para setembro, 750 mozas e mozos sairán cunha beca a conquistar as terras de Inglaterra. Nunha avanzadilla que lles permitirá estudar en inglés.


E unha depuradora para coidar a ría. Unha depuradora que pagaron Europa e os cidadáns de Vigo. Ninguén máis. Os fondos da Xunta cóbraos con creces no canon de saneamento na factura da auga que pagamos todos os vigueses. E Vigo está encantada coa súa depuradora. A que Vigo construíu e Vigo pagou, porque quere tanto á ría.

E os montes, e as árbores e o incendio pavoroso do 15 de outubro que arrasou tantos paraxes verdes da cidade. Nós, a cidade, apagámolo nunha noite de comportamento heroico de toda a cidade: dos comuneiros, das xentes que saían de todo Vigo das súas casas para axudar, dos bombeiros que fixeron o imposible, da Policía Local, Nacional, Garda Civil, a Protección Civil... Unha cidade mobilizada para gañarlle a guerra ao lume. A todos quero mostrar o meu respecto, o meu agradecemento e o recoñecemento en nome de todos. Ningunha outra institución nos axudou, só nós. E soubemos loitar xuntos. E gañamos. Grazas, Vigo.

E aquel proxecto, que nos trouxo ata aquí, cada vez é mais forte e cada vez somos máis xente camiñando nel. Porque este novo Vigo estamos a facelo entre todos e todas. É un proxecto compartido de todas as viguesas e todos os vigueses. De todos, calquera que sexa a súa posición política ou ideolóxica. Aquí estamos todo Vigo. E sabemos que a política local é unha cuestión de persoas e menos de partidos. Por iso camiñamos xuntos e cada vez somos máis. Esta é unha nova forma de entender a política, de entender a convivencia. É a política compartida agora en 2018 e o será aínda máis no 2019 ou no 2023...

A forza da cidade é que estamos xuntos, por iso imos a tanta velocidade cando outras cidades están paradas en debates políticos estériles. Vigo esta indo máis e máis rápido que ninguén. E no ano 2015 a Deputación púxose por primeira vez, e grazas ao voto de Vigo, ao noso lado. E así fomos máis rápido. E despois todos os concellos de España decidiron que o seu presidente fose o alcalde de Vigo, e iso deunos forza e visibilidade en toda España. E hai escasamente unha semana a Zona Franca tamén se puxo ao noso lado con forza e convicción, porque o presidente do Goberno de España atendeu a miña demanda. Carmela Silva e David Regades.

E ao noso lado, o novo Goberno de España, que xa decidiu arrancar coa Declaración de Impacto Ambiental, detida durante sete anos polo anterior goberno. Imos conseguir o AVE directo Vigo-Madrid. Ao noso lado o novo Goberno de España, que xa puxo encima da mesa unha solución ao problema da auga en caso de seca, e comprometeu o túnel para a autovía Vigo-Porriño-Madrid. E así o noso novo Vigo cobra máis forza e máis brío.

Estamos ante unha ocasión histórica para esta cidade que imos aproveitar con toda a forza, con toda a determinación e con toda a intelixencia. E en plena crise e sen ningunha axuda, e con tantos atrancos doutras institucións, fomos capaces de facer a gran transformación conseguida nesta cidade, en Vigo. Pero agora, cando a crise xa amainou e cando contamos con aliados, coa Deputación, coa Zona Franca, co Goberno de España, cando os cidadáns estamos todos xuntos, cando tantos remamos na mesma dirección, Vigo vai ser capaz de conseguilo todo e de ir aínda máis rápido.

Este é o ano do 150 aniversario da chegada de Verne a Vigo, que fixo o seu relato do progreso. Este é o ano do centenario de Mandela, que alzou a súa voz na defensa da súa xente:

Son o amo do meu destino
Son o capitán da miña alma,
dicía con versos de Henley.

Este é o ano da revolución da igualdade, da voz das mulleres en toda España e en Vigo na procura dunha sociedade igualitaria.

Este é o ano do 155 aniversario de Cantares Gallegos,


Branca aurora
ven chegando
ás portiñas
van chamando
dos que dormen
esperando o teu folgor!...,
que versaba Rosalía.

Este é o ano de seguir alzando a voz en Vigo, para seguir aínda máis rápido que nunca. E o noso relato irá sempre, como ata agora, acompañado cos feitos, cos logros, cos avances, e sempre, sempre, coas vigueses e vigueses.

Esta é a nosa realidade, este é o noso relato, estes son os nosos feitos, esta é a nosa emoción, esta é a nosa ambición, a dunha cidade que marcha xunta, a dunhas institucións que xuntas traballan por Vigo.

É a supremacía da xente. Porque en Vigo, o pobo é quen máis ordena. Porque compartimos unha cidade e porque querémola profundamente.

Viva Vigo,
Viva Galicia.


Outros discursos
Discurso do Alcalde Reconquista 2018

Bando Reconquista 2018

Bando Día da Constitución

Discurso do alcalde de Vigo
Día da Constitución 2017


Bando Día de Galicia

DIA DE GALICIA en VIGO


Ver todos


Volver á portada

© Gabinete de Prensa - Concello de Vigo 2003