Man Xornal.vigo.orgXornal.vigo.org Concello de Vigo Contacto
Discurso
Subscribirse


 
martes, 03 de abril 2018

Imprimir | Enviar

Discurso do Alcalde Reconquista 2018

Por Abel Caballero (Alcalde de Vigo)

Discurso pronunciado 3 de abril na cerimonia de entrega de premios dos Vigueses Distinguidos.

Medalla da Cidade, Pregoeiro, Viguesas e Vigueses de honra, presidenta da Deputación, concelleiras, concelleiros, autoridades, miñas donas e meus señores,

28 de marzo, Día da Reconquista. 28 de marzo de 1809, Día da Reconquista, día da chamada da liberdade, día das xentes que querían preservar a súa dignidade. Foi Vigo. Foi esta cidade, que quixo sentar o seu futuro, que quixo decidir o seu camiño, que quixo cantar quen é; que quixo, do lado dos poetas, lanzar os versos da liberdade.

E tanta historia. E tantos séculos de historia de Vigo. A que nos leva ao Vigo castrexo. E ao Vigo romano, seguramente unha inmensa cidade que se estendía desde as terras de Praia América ata os areais da cidade. Ou o Vigo visigótico, que foi deixándonos tanta idiosincrasia. O Vigo da arte románica, da igrexa de Castrelos, da igrexa de Bembrive, da igrexa de Santa Mariña de Cabral; foi o Vigo das xentes que quixeron os seus templos para orar ou para admirar.

Ou o Vigo do Casco Vello, que desde as praias do Berbés, desde aquela praia de pescadores, lanzouse ao ascenso da montaña, para subir ao Castro, ao lugar desde onde os romanos, séculos antes, observaban a cidade.

Arrincaba o Vigo da idade moderna, arrincaba Vigo da igrexa de Santa María, na zona alta do Berbés, e desde alí, rodeada de oliveiras, Vigo ía facer o seu paso cara á modernidade. É o Vigo da pesca, o Vigo da agricultura, o Vigo dos mercados, o Vigo das xentes que debuxaban e trazaban o seu futuro. O Vigo da modernidade iniciaba a súa andaina, que continuaría imparable.

Houbo tanto que empuxar, houbo moito que resolver. Vigo houbo de trazar con fortaleza o seu destino. E así, no ano 1809, a liberdade lanzou o seu gran grito contra o invasor. Era o Vigo que quería sinalar o futuro de Europa, que quería sinalar as rutas da liberdade, que quería valorar os sentimentos das persoas por encima das conveniencias das grandes potencias.

Arrincaba un Vigo novo nunha Galicia que aínda non tiña estrutura. Era aquel Vigo que, desde as xuntas de defensa de Galicia, participaba con entusiasmo.

E chegaba o Vigo da unidade ante a reconquista. Xentes chegadas desde tantos lugares converxían no Vigo da liberdade, dos sentimentos dun pobo, na querenza dunha cidade. Dicían non aos xugos, non á imposición, non aos ocupantes. Reclamaban desde a unidade o seu destino e a súa liberdade. Querían elixir a súa senda, o seu camiño, o noso camiño.

E aí iniciamos o Vigo da identidade dun pobo, o que xa nunca había de deterse. O Vigo da economía, o do progreso compartido. O Vigo que arrincaría da salazón, da conserva, da pesca, dos estaleiros, do comercio.
Era o Vigo que se estendía á Praza da Constitución, onde se reunían xentes para mercadear e atoparse. Para estreitarse as mans, mirarse aos ollos e chegar a acordos. Apreciábase o xesto amigo.

E pronto, xa avanzado o século XIX, aquel espazo entre murallas quedou pequeno. Había que saír cara ao campo de Granada, avanzar cara ao areal. E xurdiu aquela marabillosa arquitectura que ía asombrar a todos. A Porta do sol, a rúa do Príncipe, Policarpo Sanz e García Barbón, a baixada de Colón, a Alameda.

E cando xa tornara o século XX, desde Lavadores baixaban os tranvías cheos de xente, e desde Bouzas achegábanse a Vigo. E así empezou o Vigo contemporáneo. Chegou a industria do automóbil e os grandes estaleiros; o porto xigante do transporte ocupaba o seu lugar. As empresas crecían, o cable inglés e o cable alemán...

Era a modernidade dunha Galicia que se distanciaba da outra. Era o Vigo que quería seguir o seu propio rumbo. Era a cidade de todos, pero que non atopaba o seu mundo, porque se lanzou ao mundo. "Quero que me leven a Vigo...", dicía o gran poeta Curros Enríquez. E máis adiante, aquel outro autor da Longa noite de pedra, Celso Emilio Ferreiro, elexía Vigo como a súa terra.

En Vigo asentáronse os vangardistas da maior revolución da pintura de Europa: Laxeiro, Colmeiro, Lugrís... En Vigo crecía a teoría da Galicia emanada da modernidade da economía. Con aqueles que a quixeron demócrata e progresista, Martínez Garrido ou Heraclio Botana; os que velaban pola súa economía, Paz Andrade ou Peinador; ou os que a cantaban como a súa tradición, Penzol ou Paco Fernández del Riego. Ou Verne e o capitán Nemo, que século e medio atrás viñeron para quedarse para sempre entre nós. Ou aquel director do Faro, Cunqueiro. Álvaro Cunqueiro, que sinalando ao fronte e mirando ás illas segue camiñado pola rúa de Colón, agora queixándose das costas que, cos seus anos, xa lle van pesando.

Ou os que como Manuel de Castro, "Hándicap", avalaron a fundación do Celta de Vigo, que para a gloria dos seus nomes, xogou nun Balaídos que xurdía do pobo, que un directivo doou para ser campo de xogo. E hoxe Balaídos é o campo do Celta eterno: Pahiño, Padrón, Manolo, Maté, Vicente, Gudelj ou Iago Aspas. Os nosos xogadores, a nosa xente.

Ou aqueles franciscanos que camiñaban polas illas Cíes atopándose co mesmo César, que quizais decidiu quedar para sempre nas illas dos deuses. Serán Patrimonio da Humanidade.

Vigo sempre saúda ás súas xentes, aos que loitaron e traballaron para a cidade. E hoxe aos que son e serán para sempre os nosos amigos.

Diálogos 90, mulleres pioneiras, na cultura, na ciencia, na paixón por Vigo. Nas súas construcións teóricas, no seu deseño dun Vigo en feminino, en simbólica compañía de Concepción Areal. Medalla da Cidade 2018.

O Colexio Fleming, cincuenta anos ao servizo da educación pública en Vigo. Crecendo no ensino, facendo coa educación. Para sempre, Viguesas e Vigueses Distinguidos 2018.

O Colexio Canicouva, cincuenta anos ao servizo da educación pública. A dedicación de tantos profesores e de tantas xeracións facendo Vigo. Tanto amor á natureza no ensino. Vigueses Distinguidos 2018.

Agarimo, Asociación de Consumo, por 21 anos de traballo en favor de familias, de consumidores, de impulso á cidade, de dinamización social, con Pitusa á súa fronte. Viguesa Distinguida 2018.

O Centro Comercial Coia Catro, no corazón de Coia, no corazón de Vigo durante catro décadas. Atendendo a tanta xente, co seu traballo honrado e cercano, repartindo o pan para gañar o pan. Comerciantes e amigos. Vigueses Distinguidos 2018.

Club Montañeros Celtas. 75 anos de lenda viva do montañismo desde Vigo. Na defensa do deporte da natureza, das montañas que subir e que amar. Vigueses Distinguidos 2018.

Ledicia Costas, Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil 2015, nos soños de Escarlatina, na narrativa desde a cidade de Vigo. Viguesa Distinguida 2018.

Antonio García Teijeiro, Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil 2017. A narrativa viva, dos máis pequenos, na visión excelente. Con Vigo no seu corazón. Vigués Distinguido 2018.

Asociación Veciñal da Miñoca, 20 anos no corazón da cidade, abrindo horizontes a todos os veciños, desde a atención ás súas necesidades. E desde o seu sorriso cidadá, Elena. Vigueses Distinguidos 2018.

Rosario Pérez, trazando co seu traballo no albergue municipal a mellor solidariedade da cidade. Viguesa distinguida 2018.

O Coruxo, club de fútbol e patinaxe, con tanta historia e a súa traxectoria futbolística, desde a proximidade aos afeccionados, na mellor forma de entender o deporte. Case un século construíndo desde a base, o deporte de verdade, o fútbol de verdade. Vigueses Distinguidos 2018.

E o pregoeiro, don Julio Picatoste, ilustre xurista, na atención ás leis e ao lado da xustiza. Sempre en Vigo, na divulgación, no avance coa cidade, sempre do lado das causas xustas. Entendendo o social, a dimensión humana da sociedade e da cidade. Unha honra compartir voz con Julio Picatoste nun día tan importante.

Todas elas e eles, na defensa de Vigo. É para nós, para Vigo, unha honra compartir sempre defensa e aprecio a Vigo e ás súas xentes, unidos. É o Vigo da nosa identidade.

E sempre é tempo de Reconquista. E sempre é tempo de estar unidos. Agora tamén. Agora, se cabe, aínda moito máis. É o momento preciso, o momento da saída da crise, con forza, con ganas. É tempo de avanzar máis rápido que ningunha outra cidade, e avanzar xuntos. Como xa está a suceder.

Outras moitas cidades, en tantos lugares de Galicia e España, paradas, detidas na confusión da política da paralización, da división. Outras en marcha atrás, en debates internos estériles.

E Vigo, sabendo moi ben cal é o noso destino, cal é o noso obxectivo. Coa marcha imprimida nas últimas eleccións municipais, a cidade está a marcar un exemplo en toda España. E así, por primeira vez, Vigo encabeza todas, todas as cidades de España. É mérito desta cidade, da nosa nova reconquista. De saber onde queremos ir. E unidos, camiñaremos.

É a nosa identidade. E ten que ser a nosa mensaxe, a da unidade da cidadanía, a da marcha conxunta, o camiño compartido. Todas e todos, ese é o noso éxito, esa é a nosa forza. E isto é o que desespera aos que poñen atrancos ao noso avance.

E desde a unidade, a nosa man tendida aos que a estreitan. Por primeira vez na historia, coa Deputación en camiño amigable. E xuntos, qué fortes somos.

Esta reconquista actual é a máis importante. Foi a que os nosos pais e nais encargáronnos facer e será a que os nosos fillos e fillas reciban. E farémola xuntos, porque compartimos cidade, porque compartimos sentimentos, porque cando nos cruzamos nas rúas, nas festas e nos concertos, ou nos pavillóns deportivos vendo aos máis pequenos, sabemos que somos o mesmo. Por iso seguiremos xuntos, na unidade.


E sabemos que algúns prefiren a súa obediencia aos que teñen outras preferencias e outros obxectivos. Alá eles! Pero nós non: o primeiro é a cidade, o primeiro é Vigo, que sempre estará por diante dos intereses particulares. O primeiro son as xentes de Vigo. E despois os partidos, as estratexias. O primeiro é a sinceridade, a unidade que conforma a nosa identidade.

A nosa reconquista é a dunha cidade con calidade de vida, habitable, humana e humanizada, co desenvolvemento do deporte, da cultura. E a economía, e o aeroporto... E todo. E este é o momento. Esto é Vigo.

Esto é o que nos importa: os nosos sentimentos compartidos, a nosa cidade común. E por iso, Viguesas e Vigueses Distinguidos, Medalla da Cidade, amigas e amigos, no nome de Vigo, estaremos todos eternamente recoñecidos á cidade e á súa reconsquista.

Viva Vigo. Viva Galicia. Viva España.


Outros discursos
Discurso DIA DE GALICIA

Bando Reconquista 2018

Bando Día da Constitución

Discurso do alcalde de Vigo
Día da Constitución 2017


Bando Día de Galicia

DIA DE GALICIA en VIGO


Ver todos


Volver á portada

© Gabinete de Prensa - Concello de Vigo 2003