Man Xornal.vigo.orgXornal.vigo.org Concello de Vigo Contacto
Discurso
Subscribirse


 
martes, 25 de xullo 2017

Imprimir | Enviar

DIA DE GALICIA en VIGO

Por Abel Caballero (Discurso do alcalde de Vigo)



Presidenta da Deputación, concelleiras e concelleiros, alcaldes e alcaldesas, autoridades, pregoeiro, miñas donas e meus señores,

"Son o dono do meu destino
Son o capitán de miña alma".
Willian Henley. Invictus

Ordena o carácter, sinala a forza, importa a decisión. Manda a vontade. Versos do poeta, guía de experiencias, de xentes e aínda de países. Porque algúns só dependen das súas decisións. Cidades, territorios, o destino que nos manda; a vida mesma, que traza a súa senda de modo distinto. Vigo erixiuse desde o principio en dona do seu destino, en capitá da súa alma.

E Vigo, esta cidade, esta fermosa e brava cidade, elixiu a súa propia senda. Decidiu non depender de ninguén. Sentou o seu propio modo de ser como quere ser.

Esta gran cidade que non naceu de conquistas militares nin de asentamentos relixiosos. Nacemos da nosa propia historia, das nosas decisións, da nosa economía. Da nosa forza, do noso saber para facer. Para pescar primeiro, para as salazóns despois, dos carpinteiros de ribeira no seu momento, da mar, do porto dunhas barcas de pesca. E pronto as barcas de pesca mutaron en grandes e arriscados buques que dobregaban os temporais, na pesca en todos os mares e oceános.

E aqueles estaleiros foron metamorfoseándose en grandes lugares de traballo que botaban buques brancos e grandes como as baleas xigantes das historias que contaban os mariñeiros, que terían marabillado ao mesmo capitán Ahab, cazador eterno da Moby Dick que imaxinara Herman Melville.

E enseguida xurdiron uns poucos e pequenos, ainda que marabillosos, Citroëns que, desconcertados ao ser fabricados en reducidos galpóns cerca do porto, se converteron enseguida en millóns de modernos e eficientes automóbiles que, fabricados en Vigo, son recoñecibles en todas as estradas do planeta. Ou aqueles minisatélites que, ideados desde a Universidade de Vigo, lanzan guiños amistosos á mesma NASA ou á Axencia Espacial Europea.

Ou tantas traballadoras e traballadores que na hostalería, chamando ao turismo que por fin acode á nosa cidade, lanzan destellos de luz para seguir nesa senda.

E entón pensamos na nosa propia revolución cidadá, a que estamos a facer. Entón pensamos e deseñamos esta forma colectiva da nosa propia construción do Vigo contemporáneo. Facéndoo todos xuntos. Pero sabendo que queremos e estamos a construir unha cidade habitable, humana, acolledora, na que vivir con agrado, na que criar aos nosos nenos, na que os maiores atopen a súa dignidade de tanto esforzo anterior.

Vigo unha vez máis decidiu o modo no que se quería comportar e a súa propia vía, o seu propio camiño. Vigo esta a marcar o seu rumbo, o que a cidade está a querer. E así, cando tantas cidades e territorios de España permanecen inmóbiles e atrapadas no seu propio estupor, Vigo está a seguir un proxecto deseñado por todos os cidadáns, dirixido polos cidadáns. Vigo segue a súa senda, toda máquina avante e rumbo firme.

Hai moitos anos eran outras as cidades que apuraban o paso, e o Vigo público latexaba lento ou aínda camiñaba cara atrás. Agora son outras as cidades que permanecen paradas, se consumen no seu propio estancamento e está a ser Vigo a que se transforma, a que mellora, a que se agranda, a que se erixe en modelo a seguir. E así imos continuar.

Pero tamén esta cidade foi elixindo a súa propia e gran solidariedade e o seu propio modelo de aplicar as políticas sociais. Porque nunha cidade na que os traballadores desde as súas organizacións reclamaron sempre os seus dereitos, nunca se ía a deixar a ninguén tirado nas cunetas da crise.

A Hard Rain's A-Gonna Fall, cantara Bob Dylan. No século XXI, o dragón apareceu en forma de crise moderna e asasina. A crise que desataron os especuladores, os que se enriqueceron a costa dos traballadores. E esta cidade mobilizouse, sen depender de ninguén, sen facer caso dos que dicían que nas crises non se podían facer políticas sociais, que ían ser a ruína.

E non, non lles fixemos caso, e non quixemos nin queremos a ninguén sen a atención que se merece. Política social activa, cheques sociais, alugueres para evitar desafiuzamentos, medidas contra a pobreza enerxética. E máis aínda, Vigo capitaneando as medidas contra a pobreza enerxética en toda España. "É dura, é dura a chuvia que vai caer", porque algúns seguen aínda sen entender que hai que estar cos deherdados da terra, seguramente os que dormen no albergue de Vigo. E cando se lles pregunta aos que fixeron os recortes sociais, the answer my friend is blowing in the wind, que cantara o premio Nobel da modernidade.

Por iso Vigo marcou o seu destino e se fixo ao seu modo. Na nosa demanda dos nosos dereitos, inflexibles. Pero coa nobreza de recoñecer cando se nos atende. Pero tamén de castigar, agora si, agora si, cando se nos despreza.

Desde aquí, na demora oeste verdadeiro, as Illas Cíes nos observan. Durante miles de anos, defenderon a ría e a Vigo dos temporais e nos deron a vida. Hoxe tócanos a nós defendelas e coidalas a elas co mesmo cariño. Cíes, Patrimonio da Humanidade. E non valen embustes nin mentiras, nin trampas para volver distraer a esta cidade, Vigo, que tan e tan xenerosa foi con outros lugares de Galicia.

Vigo non obxectou e aínda apoiou a capitalidade de Galicia, a delegación do Goberno. Vigo, quizais equivocadamente, non alzou a súa voz cando a outros se lles destinaban as grandes obras. Cíes, as Illas Cíes, serán Patrimonio da Humanidade, porque os seus méritos son sobrados, pero máis aínda, porque se llo debemos ás nosas gardianas eternas.

Por iso Vigo é unha cidade distinta. E algúns mediron mal nosa forza e aínda séguena medindo mal. E non deben. E queren que Vigo sexa a única gran cidade de España sen tren de alta velocidade. E equivócanse. Porque a cidade os castigará por ese empeño. Os tempos nos que se podía maltratar a Vigo e aquí non se alzaba a voz remataron para sempre. Por iso, o día 14 de xuño saímos á rúa a defender o AVE na Porta do Sol.

"Sea forte o galego
Nos combates da vida
Como robusto pino
Que erguendo a excelsa cima,
Da tempestade ao sopro
A poderosa frente non incrina"

Era Pondal o que reclamaba a acción ante o aldraxe. Era o grande poeta o que parecía que nos recoñecera tantos anos antes. E velo ahí o noso lema, "a poderosa frente non incrina".

É Vigo, unha cidade na igualdade, apoiando ás mulleres na súa lexítima loita para ocupar o lugar que lles corresponde. Vigo, cun lema, presidindo o Concello, Contra as Violencias Machistas.

E ahí estamos, no noso propio orgullo de ser vigueses, de defender o noso, os nosos dereitos, e de recoñecer tantos e tantos avances da cidade; dun auditorio para as músicas, dunha depuradora para a natureza, dunha gran estación do tren de alta velocidade, dun rexistro mercantil, dun xuzgado mercantil, do partido xudicial, dunha nova terminal do aeroporto, de centos de humanizacións, xardíns, pinacoteca, UNED, biblioteca do Concello... Vigo avanza a paso de xigante. E vamos a seguir facendo cidade, en tanto no pobo medre un neniño, un vello e un cantar.

E aínda co noso escritor do discurso deste día. É o Presidente da Real Academia Galega. Víctor Freixanes, vigués de alma, escritor, empresario á fronte de Galaxia, que nunha especie de novo Juan Compañel, tan ben traza as liñas da tradición ataviadas de modernidade. A nosa honra á súa palabra, á súa escritura, á súa visión viguesa de Galicia, libre de fronteiras e pechamentos acartonados.

O Día de Galicia en Vigo. Aquí, como cada mes de Xullo, cantando desde Vigo a Galicia. En Castrelos, no parque de Castrelos. Coa Coral Casabranca, sesenta anos de música, de cancións, de presenza na cultura, tantas mulleres e homes que na mellor música e no mellor canto, fan voar a nosa imaxinación. Vigo, terra de música, de corais, de cancións de barrio, de bandas de música e de orquestras sinfónicas, de grupos de música tradicional galega, de música folc.

Aquí hoxe de novo estamos o Vigo que xa se atopou a si mesmo na modernidade e que en Castrelos, na sombra das árbores centenarias, ao lado do pazo, agora, do pobo, dos cidadáns, sente o frescor da tarde de xullo.

"Déixala a túa vida bailar
Suavemente nos
Bordes do tempo
Coma o rocío na
Punta das follas",

que nos deixou escrito Rabindranath Tagore.

E ahí segue esta cidade e as súas xentes, nos bordes do tempo, esta noite cantando nos concertos de Castrelos, mañá, nadando no Mar de Vigo que xa cantara o poeta, e escoitando aos nenos falar en galego, en español e en inglés, entonando a Rianxeira ao Celta nos seus partidos, paseando as rúas cheas de luz e cor co recordo de Laxeiro, e sentíndonos cheos de orgullo, vigueses e viguesas.

Xentes de ben, que queremos tender a man a unha nova Galicia na que cada un ocupe o seu lugar, sen os privilexios de tempos antigos, e coas miradas postas na xentes. Esa é a Galicia que Vigo quere e que o progreso reclama.

Viva Vigo,
Viva Galicia.


Outros discursos
Discurso do Alcalde Reconquista 2018

Bando Reconquista 2018

Bando Día da Constitución

Discurso do alcalde de Vigo
Día da Constitución 2017


Bando Día de Galicia

Bando do Día das Letras Galegas


Ver todos


Volver á portada

© Gabinete de Prensa - Concello de Vigo 2003