Man Xornal.vigo.orgXornal.vigo.org Concello de Vigo Contacto
Discurso
Subscribirse


 
mércores, 06 de decembro 2017

Imprimir | Enviar

Discurso do alcalde de Vigo
Día da Constitución 2017


Por ()



Pregoeiro, concelleiras e concelleiros, autoridades, miñas donas e meus señores,

Recordar a Manuel Marín, gran político, gran demócrata, que deixou entre nós o mellor da súa vida. DEP

Son tempos de Constitución. Son tempos da Constitución de 1978. Naceu desde o acordo e mostrou que estaba deseñada para abrir España á democracia. A súa vida foi o período máis próspero e democrático da historia de España. Marcou un tempo de convivencia con pleno desenvolvemento de dereitos e liberdades mais tamén de obrigas.

Naceu coa transición da ditadura á democracia, naceu con cesións de todos e significou un inmenso avance para o país, para os cidadáns, para o pobo español, soberano.

A Constitución do 78 naceu dotada de fortaleza. Os asasinos de ETA tentaron impedila, os fascistas tentaron o golpe de estado do 81. As dereitas do réxime anterior agardaban o seu momento. Pero o desexo de democracia e paz dos cidadáns de España impregnaban e fortalecían aquela Constitución, esta Constitución, a nosa.

Durante case corenta anos, seis presidentes de goberno foron investidos democraticamente e souberon ceder con normalidade a presidencia ao seguinte, avalados sempre polos votos cidadáns. Cederon democraticamente a presidencia ao seu sucesor tras as sesións de investidura do Congreso dos Deputados.


Tras 39 anos, o xefe do estado, o Rey Juan Carlos I, abdicou en favor do Príncipe de Asturias, o Rey Felipe VI.

Nas Comunidades Autónomas, ducias de presidentes autonómicos de tantas cores políticas sucedéronse democraticamente en todos os territorios de España.

Nos 8.125 concellos de toda España, desde os máis pequenos ata Barcelona e Madrid, pasando por Vigo, Sevilla, Santander, Valencia... máis de 30.000 alcaldes e alcaldesas sucedéronse coa normalidade da democracia, sen que ninguén puxese en cuestión o resultado das decisións dos cidadáns. Era o funcionamento da democracia, da normalidade da democracia.

A Constitución deu sempre cobertura á democracia e aos gobernos emanados da soberanía dos cidadáns.

O artigo 1.1 da Constitución establece que "España se constitúe nun Estado social e democrático de Dereito, que propugna como valores superiores do seu ordenamento xurídico a liberdade, a xustiza, a igualdade e o pluralismo político".

O artigo 1.2 sinala que "a soberanía nacional reside no pobo español, do que emanan os poderes do Estado".

O artigo 2 asegura que "a Constitución se fundamenta na indisoluble unidade da Nación española, patria común e indivisible de todos os españois, e recoñece e garante o dereito á autonomía das nacionalidades e rexións que a integran e a solidariedade entre todas elas".

Claro e diáfano mandato avalado polo apoio masivo dos españois.
Pero tamén polo mandato da Constitución asentouse durante este tempo a separación de poderes, o executivo, o lexislativo e o xudicial, con total autonomía no exercicio da independencia do poder xudicial. Aquí mesmo, en Vigo, dentro do xogo da democracia defendemos a presenza da administración de xustiza na cidade. E gañamos. Retirouse aquel proxecto. E seguiu a normalidade.

E esta Constitución foi testemuña e permitiu a nosa integración na Europa da democracia e da UE, a Europa do Euro.

Pero tamén, no desenvolvemento do estado do benestar, a Constitución mostrou que acomoda as políticas que dan cobertura á educación pública gratuíta, á sanidade pública e gratuíta, á dependencia. Moitos demandamos máis e máis política de benestar que a Constitución garante e permite.

E as crises económicas do ano 82, do ano 92 e agora a terrible crise do 2007, marcaron fondamente á sociedade española. O desemprego, a insuficiente cobertura social, os recortes impostos por unha Europa temerosa, xeraron inseguridade e unha enorme contestación. Pero a Constitución foi capaz de permitir unha recuperación incipiente da crise.

Pero a Constitución marcou tamén as súas liñas de defensa contra os fascismos e os separatismos. Porque a Constitución tiña que garantir e asegurar a unidade de España e a soberanía dos cidadáns de España. E o fixo. Co artigo 155, que asegura a lealdade, concepto clave na marcha dunha nación.

E houbo que facer fronte a unha disparatada declaración de independencia unilateral. En Cataluña. E a Constitución mostrou a súa enorme fortaleza. A fortaleza do Estado. A fortaleza da democracia, que funcionou e freou aquela parodia democrática dun referendo ilegal no que só participaron os dun lado, os mesmos que á súa vez contaron os votos e decidiron o resultado. É bo que algúns entendan que Cataluña nunca será independente, porque os españois queremos masivamente seguir con este proxecto, a nación española.
E niso estamos. En que todos saiban que as leis se cumpren, e que non hai excepcións. Esa é a grandeza da Constitución. Pobre democracia sería a que fixese distincións.

E reformarase. Como non, tras 40 anos nos que tantas e tantas cousas cambiaron, debemos afrontar a reforma da Constitución. Do estado das autonomías, do fortalecemento dos concellos, das garantías firmes do estado de benestar e de dereitos cidadáns, do concepto de igualdade de xénero na sucesión á xefatura do Estado, da modernización dalgúns conceptos...

Pero sen tocar as liñas vermellas do cadro mestre que mostrou unha gran sintonía coas españolas e españois; sen deixarse levar por aqueles que, imbuídos de estrañas simetrías políticas con réximes fracasados, tentan a deslexitimación da transición democrática e da propia democracia española.

E aquí con vostedes, connosco, o redactor do bando da Constitución, Juan Carlos Aladro, fiscal xefe de Pontevedra, home de leis, defensor do cumprimento das leis, home docto e xusto. Na xustiza. En Vigo, tantas veces defendendo as causas xustas, mirando a babor e a estribor asomado á ría, ou facendo o deporte nas rúas. Home volcado nesta cidade. A el o noso recoñecemento, a nosa cercanía e o noso agradecemento.

Pero debemos repensar melloras da Constitución, e recalquémolo, sen tocar o seu núcleo duro. E niso sería tan bo que camiñásemos xuntos. Que non permitamos que ninguén nos desvíe. E deixemos oír a nosa voz firme na defensa dos nosos principios sen ceder por falsos progresismos ou modas territoriais.

Algúns, por idade, sabemos o que é unha ditadura. Sabemos do logro extraordinario dos españois de asentar a democracia. Votamos a Constitución do 78, vivímola, respirámola e fixemos política, economía, sindicalismo e sociedade ao seu amparo.

E modificarémola, como xa se fixo, seguindo as súas propias normas. Pero viviremos a democracia e non nola deixaremos arrebatar polos que nunca ofrecen solucións e que pretenden deslexitimar o seu recorrido.

A Constitución do 78 reformarase sempre que os cidadáns queiramos. Pronto cumprirá 40 anos, pero chegará a cumprir os 100, porque así o queremos, e a Nación Española seguirá sendo o noso proxecto colectivo.

Viva a Constitución,
Viva Vigo,
Viva Galicia,
Viva España.


Outros discursos
Discurso do Alcalde Reconquista 2018

Bando Reconquista 2018

Bando Día da Constitución

Bando Día de Galicia

DIA DE GALICIA en VIGO

Bando do Día das Letras Galegas


Ver todos


Volver á portada

© Gabinete de Prensa - Concello de Vigo 2003