Man Xornal.vigo.orgXornal.vigo.org Concello de Vigo Contacto
Discurso
Subscribirse


 
xoves, 21 de xullo 2016

Imprimir | Enviar

BANDO DÍA DE GALICIA 2016

Por Antón Pulido Novoa (pintor, gravador e xestor cultural)



Señor Alcalde, Corporación Municipal, autoridades, señoras e señores.

Síntome moi honrado de ler este bando aquí, en Vigo, fermosísima cidade que eu
escollín para vivir, nesta data tan especial na que celebramos o Día de Galicia.

Esta Galicia, pétrea, labrega, mariñeira, aberta, hospitalaria e solidaria, creativa, florida, bela, viva, moderna. Terra de nós.

Algo ten esta terra, cando milleiros de peregrinos, relixiosos e laicos camiñaron e camiñan cara a ela dende todo o mundo.

Algo ten esta terra, cando fomos os primeiros europeos en saber da existencia comprobada da América e os primeiros en cultivar o millo, as patacas e outros moitos produtos.

Algo ten esta terra, cando unha das tres carabelas que descubriron o Novo Mundo era galega e cando os barcos nosos navegan polos mares todos do planeta ata o punto de ser o galego unha das linguas máis faladas no mar.

Algo ten esta terra, cando os nosos mariñeiros trouxeron do mar alimento para millóns de seres humanos e cando aprendemos a conxelar o peixe para levalo a onde nunca antes houbera.

Algo ten esta terra, cando soubemos darnos maña para entrar con bo pé no requintado mundo da moda.

Algo ten esta terra, cando a súa paisaxe e cor son unha regalía e un estímulo da sensibilidade ou cando se albiscan as primeiras ou as últimas luces, as lúas das noites de invernío, os infindos e peneirados matices do outono, o agromar fero da natureza,
os vermellos de Seoane, os amarelos de Souto, os azuis de Colmeiro, os ocres de
Laxeiro ou os lilas de Prego.

Algo ten esta terra, cando nos miran as pedras feridas polos séculos, as labradas polos canteiros nas encrucilladas, as do mellor románico, as dos pazos, mosteiros, castelos e catedrais, as ben traballadas polos escultores nosos.

Algo ten esta terra, cando se escoitan os lurbións, as campás repenicando a festío, as melodías de Soutullo, Veiga, Montes, Gaos ou Bal y Gay.

Algo ten esta terra, cando foi quen de dar seres humanos excepcionais coma
Sarmiento, Rosalía, Pondal, Curros, Castelao, Pedrayo ou Cunqueiro.

Algo ten esta terra, cando tanto poder e tantos séculos non deron impedido que a lingua galega corra de norte a sur, de ricos a pobres e de vellos a novos.

Esta lingua que foi símbolo de cultura nos versos con que Martín Códax e Mendiño cantaron ó mar de Vigo e foi símbolo de fe nos versos do rei Alfonso Décimo a Santa María. Despois foi, é certo, símbolo de marxinación e pobreza. Pero hoxe, máis alá das diferenzas políticas, concordamos en que foi esta lingua, e as aspiracións e a cultura que nela se vehicularon, as que nos trouxeron á democracia e á autonomía, as que nos levaron a a Europa.

Por iso a lingua galega non é un símbolo galego máis. É un dos símbolos esenciais de Galicia. É o noso tesouro. Nós non agochamos a condición lingüística, senón que a erguemos con garbo entre as linguas do mundo como unha máis, e como condición inescusable dun progreso que merece ese nome.

No cerne de Galicia, Vigo, unha cidade erixida para aloumiñar o vento, ollando o mar e a terra, estas verdes terras, a mansa ría, erguida para dar apousento ós mariñeiros, ós obreiros, á industria, ás artes de escribir e ler, á música e ás artes plásticas en
todas as súas facetas. Unha cidade no epicentro, no nexo da unión das xentes e dos pobos, un folión de sentimentos, camiñando polo vieiro da solidariedade, como a nosa tradición foi. O motor de Galicia.

Unha cidade cada vez máis humana, máis fermosa, máis moderna e máis colorista.

Quédanos moito por sentir.
Na vida imos de susto en soño onde a meta está no partir.
Somos o que soñamos, di Ángel Valente.
Un soño de xente solidaria cunha mellora global de toda a sociedade.
Os soños non teñen que desaparecer porque veña a mañá.
Temos recursos, enxeño, terra, mar, historia, arte, lingua.
Somos un pobo ben definido.
Orgullo de ser galegos.

A min xa me encanta recordar o que está por vir, o moito e bo que está por vir.

Viva Galicia!!


Outros discursos
Discurso DIA DE GALICIA

Discurso do Alcalde Reconquista 2018

Bando Reconquista 2018

Bando Día da Constitución

Discurso do alcalde de Vigo
Día da Constitución 2017


Bando Día de Galicia


Ver todos


Volver á portada

© Gabinete de Prensa - Concello de Vigo 2003