Man Xornal.vigo.orgXornal.vigo.org Concello de Vigo Contacto
Discurso
Subscribirse


 
xoves, 21 de xullo 2016

Imprimir | Enviar

DISCURSO DÍA DE GALICIA 2016

Por Abel Caballero (Alcalde de Vigo)



Presidenta da Deputación, concelleiras e concelleiros, alcaldes e alcaldesas,
autoridades, pregoeiro, miñas donas e meus señores,

De novo aquí, no xardín inglés do parque de Castrelos, á beira do Pazo, no atardecer da cidade. Nun ano máis do camiñar nas singraduras dunha cidade que se atopa a si mesma. Que se recoñece. Que se sabe poderosa. De novo aquí en Vigo, na tarde das palabras, dos encontros da tradición. No Vigo da pintura, dos versos, da música,da cultura, compañeira inseparable do ánimo da cidade.

De novo aquí, no Vigo do día de Galicia. No Vigo que quere ser proa e ronsel da Galicia do século XXI, ofrecendo e recibindo, liderando e disfrutando. No Vigo que sente e entende Galicia na internacionalización, que se sinte na proximidade de tantas terras, no Vigo que naceu para viaxar ao mundo.

No Vigo das festas que agora iniciamos, pero despois de facer o traballo dos
automóbiles, dos barcos, da pesca, da investigación, dos modernos e grandes buques brancos que nos visitan e que tanto apreciamos. De novo aquí, para sentir que estamos xuntos nesta gran aventura de seguir facendo cidade.

E nesa tarefa de sentirnos nós mesmos seguimos, pero agora nunha nova e gran
aventura. A da Área Metropolitana. Esa sensación que nos une con tanta fortaleza aos que vivimos en toda esta terra. A Área Metropolitana é patria común dos nosos sentimentos compartidos.

Os nosos avós, os nosos pais, sentían que todos compartiamos a nosa alma común, a da historia, a de tantas vivencias xuntos, a de vidas paralelas... Proxectos comúns que nos trouxeron ata aquí, espazos, estudos, traballos, diversións que sentimos de todos.

Máis que economía, que tamén. Máis que socioloxía, que tamén. Máis que
antropoloxía, que tamén. É un sentimento compartido, son os valores comúns, é a nosa terra común. A Área Metropolitana, o noso máis importante avance en séculos e séculos.

Foi nosa gran tarefa, o conseguila. Con tantos e tantos a favor, pero tamén con
algúns que non a desexaban, que sempre atopaban as excusas para non afrontala.

Ata que esta cidade dixo ¡Basta! no maio do ano 2015. Vigo mostrou a súa inmensa forza e cos seus votos na democracia deu ordes tallantes. Encargounos que a constituísemos. E así sucedeu. E os que non a desexaban se tiveron que render. E os que nos quixeron enganar tiveron que rectificar. ¿Quenes eran os que querían deter o tempo da Área Metropolitana? The answer my friend is blowing in the wind, cantaba Bob Dylan.

Pero nós, Cangas, Moaña, Soutomaior, Fornelos, Pazos de Borbén, Redondela, Nigrán, Baiona, Gondomar, Mos, Porriño, Salceda, Salvaterra e Vigo, e pronto A Cañiza, A Guarda, As Neves, Mondariz, Ponte Caldelas, Ponteareas, Tomiño, Tui e Vilaboa, aquí estamos.

Aquí estamos os que "cos ollos cansos de ver a terra que non cambia" decidimos non deixarnos furtar o noso proxecto común. E hoxe navegamos, rodeados polas "rosas da nosa patria sonora", que cantara Neruda. E moitas máis cousas sucederon nos tempos modernos. Pola forza de Vigo. Que
certamente grandes aliados sumáronse ao camiño, ao camiño da cidade, e o que
nunca sucedera, ocorreu. E así, aquela institución provincial que sempre considerou que Vigo non era parte real dela, agora por fin, cunha viguesa, Carmela Silva, á fronte, xa fai o camiño en común. Xa forma parte desta marcha de milenios, que agora acelera máis rápido que nunca.

Pero máis cousas habían de suceder, e esta cidade, á que moitos querían convencer de que o seu destino era ser unha ponte dependente doutras cidades, conseguiu co seu esforzo e a súa decisión, naquel 24 do mes de maio do ano 2015, liderar todas as cidades de España. Conseguiu ser respectada e apoiada por miles e miles de municipios de toda España, para ser o seu dirixente. E a súa causa foi a mesma,o seu proxecto compartido por tantos e tantos vigueses e viguesas. E así hoxe Vigo preside a Federación Española de Municipios e Provincias.

Porque isto pasou e está sucedendo, Vigo é un proxecto común que unha inmensa maioría da cidade apoia e comparte. Estamos a facelo entre todos, o vivimos todos e o queremos todos. Seguramente porque os duendes ocultos aquí no Pazo de Castrelos vannos sinalando a senda.

E hoxe, nalgún lugar de Vigo, un artista pinta un lenzo imaxinario transformando unha parede descoidada nun gran cuadro. E á beira, xentes de ben habitan as alcobas e as cociñas, senten a beleza da cidade. E así xorde a arte que nos acompañará durante séculos. Son as paredes convertidas en museos socializados á luz do sol, que cobran forza cos raios do amencer. E esta é a cidade que queremos. E foi alí onde o Mestre Pulido creou a súa Praza da Aperta no lugar de Peniche, que deixou admirada a toda a cidade.

Pulido, amigo, pintor, músico, poeta, creador, vigués distinguido, que entende e vive o Vigo da creatividade. Hoxe pregoeiro inigualable, buscador de poesía. Laxeiro, Colmeiro, Lugrís, Quesada, Lodeiro... e aquí Pulido, compartindo a excelencia e a súa
querenza a Vigo.

E a forza de tantos e tantos amantes do deporte e dos seus valores. Están aquí, son tempos de olimpíadas, de valores cos que miles e miles de mozos e maiores
impregnan a súa vida, para exercer a deportividade en todos os campos de xogo. O deporte que hoxe é a revolución moderna da cidade. Os mozos máis novos arrincan. Os máis maiores seguen aos seus netos. É a comuñón compartida e a nova meta. Acompañada pola vontade dos que sabemos que esa é a ruta, que ese é o norte, que esa é a estrela polar. Dende os deportes maioritarios ata os mais especializados.

E aí seguirá a nosa vontade do goberno para encabezar esa gran opción do deporte, cos campos de fútbol, os pavillóns, os ámbitos de xogo, as novas instalacións que xorden en tantos lugares da cidade. E en cada campo de xogo, dende os máis notables, encabezados por Balaídos e o Celta, ata os pavillóns de tantos deportes ou mesmo as piscinas da auga onde os máis cativos aprenden a nadar antes que a
camiñar.

E seguimos querendo ser a cidade da gran acción social. Onde os máis necesitados sexan obxecto de atención continua. A nosa gran prioridade, ser a cidade onde non se desafiuza, onde ninguén queda sen luz, onde ninguén queda sen auga, onde ninguén queda sen alimentos, onde cun albergue ninguén dorme na rúa. Donde todos os nenos que o necesitan teñen a súa beca de comedor. Porque o corazón e a solidariedade das viguesas e dos vigueses é inmensamente grande.

E a cidade segue no seu gran cambio. E as humanizacións seguen na súa marcha
mudando a cidade. No rural. Nas parroquias, na periferia, no ámbito urbano. E non vamos a parar ata que se complete todo, todo Vigo.

E recordando o que sucede en Vigo, resonaría a voz do poeta, cos acordes de
Milladoiro, con caligrafía de Manuel María, "as cousas vanse aledando, por onde o meu carro pasa..."

Pero mentres a cidade avanza, seguirán falando os novos/vellos profetas falsos da Política, os que nos sermonean de valores superiores. Son os que aconsellan que Vigo non siga co seu brío, son os que buscan nas parábolas sementar que permanezamos sumisos, coma antes. Son os falsos profetas que obedecen aos que sempre conseguiron facer crer aos bos e xenerosos de Vigo que debían seguir esperando polo
espazo que nos corresponde, e que nunca chega. Sempre esperando a mañá para
Vigo. E son os falsos profetas que, polo seu interese, sempre apoian aos de fóra e sempre seguen as súas razóns.

Son os que usan o nome de Vigo en falso. A eles, a retranca de Rosalía:
"Pasan naquesta vida
Cousiñas tan estrañas
Tan raros fritos vense
Neste mundo de trampa;
Tantos milagres vellos,
Tan novas insinanzas,
E tan revoltos allos
Con nome de ensaladas,
Que non che digo nada...
pero vaia!"

E aquí seguiremos, outro ano máis, na defensa da cidade, coma se o mesmo Eneas nos dedicase a Poliorcética... e nos encargase seguir coidando a cidade coma gardiáns das portas....

Porque "ningún obstáculo nos turbará, non nos deterá", cantan os guerreiros de
Norma, de Bellini. E esa é a nosa consigna. Esa é a nosa consigna.

Mais como dixera Cabanillas:
"Todolos días gañar o pan
Todolos días unha oración
Todolos días un Novo afan
Todolos días unha canción"

Viva Vigo! Viva Galicia!


Outros discursos
Día da Constitución

Discurso DIA DE GALICIA

Discurso do Alcalde Reconquista 2018

Bando Reconquista 2018

Bando Día da Constitución

Discurso do alcalde de Vigo
Día da Constitución 2017



Ver todos


Volver á portada

© Gabinete de Prensa - Concello de Vigo 2003