Man Xornal.vigo.orgXornal.vigo.org Concello de Vigo Contacto
Discurso
Subscribirse


 
venres, 04 de decembro 2015

Imprimir | Enviar

Día da Constitución Española

Por Abel Caballero (Alcalde de Vigo)



Pregoeira, Presidenta da Deputación de Pontevedra, Concelleiros e Concelleiras, autoridades, miñas donas e meus señores,

No antigo Concello de Vigo, xunto á Praza da Constitución, esta cidade reúnese e celebra un ano máis os valores do respecto e da convivencia, o valor común da democracia que camiña con madurez aos seus 37 anos.

Aquí, na casa e na praza dos demócratas, onde exerceron con paixón tantos defensores das liberdades, Martínez Garrido, Bilbatúa, Heraclio Botana... Aquí, onde a Constitución do 78 recolle e abraza o legado de todos aqueles demócratas, homes e mulleres segados pola intolerancia do fascismo no 36, aquí, os vigueses e as viguesas enarboramos hoxe a bandeira da democracia, da humanidade, da xustiza, da solidariedade, do respecto e da convivencia.

A Constitución simboliza estes valores, represéntaos, protéxeos. É a Constitución quen garante hoxe, e dende hai case catro décadas, os nosos dereitos e liberdades. Unha Constitución que sentou as bases da modernidade pola que este país clamaba; unha Constitución que esixiu un esforzo sostido e constante, que requiriu no seu nacemento da xenerosidade de tanta xente.

Unha Constitución composta polo que nos une e que ampara o que nos diferencia. Unha Constitución froito dun clima político e social de negociación e pacto, de altura de miras, de renuncias de todos polo beneficio de todos. A Constitución máis brillante da historia de España.

Na transición democrática, a política estivo á altura do que dela se agardaba. Negalo é negar a historia. Negalo é querer reescribir a historia con liñas de falsidade.

A Constitución Española de 1978 segue vixente e segue sendo válida. Continúa dando respostas ao país e á cidadanía, ás súas demandas e ás súas necesidades.

Pero, tras 37 anos, seguramente algúns aspectos teñen que ser matizados. Un deles, sen lugar a dúbidas, ten que ser a política local.

A política local non está contemplada na Constitución coa importancia que realmente ten, atendendo ao papel que desempeña e debe desempeñar.

Entón, en 1978, os municipios españois non estaban á altura das grandes cidades europeas. Eran municipios da posditadura nun país feble, con alcaldes ao servizo do poder que non eran quen de dar resposta aos cidadáns. E así, a Constitución adícalles unha atención menor.


Sen embargo, durante toda a democracia e singularmente nos últimos anos, inmersos nunha crise cruel, os concellos son os que xogan o papel principal de proximidade ante a cidadanía. E prodúcese un feito da maior relevancia, a lexitimación da política a través dos concellos, debo dicir para ser rigoroso, a través dalgúns concellos; os que fixeron proxectos cidade, atendendo a todos os cidadáns.

Estas cidades lexitimamos a política; os cidadáns séntense próximos a elas. Estamos nun momento no que o centro da dinámica política de relación cos cidadáns o ocupan algúns concellos.

Os concellos canalizaban o desexo cidadá de participación na vida pública. Somos algúns concellos os que damos saída a esta demanda e abrimos as canles á participación en política, unhas vías que a cidadanía non atopa noutros ámbitos administrativos.

Especialmente durante esta crise, moitos concellos exerceron como un elemento central, básico e imprescindible, na conexión e cohesión cidadá. Conexión e cohesión cidadá a través das políticas municipais de creación de emprego; conexión e cohesión cidadá mediante as políticas municipais de benestar social; transformación das cidades compartida coa maioría das xentes.

Porque no século XXI todo sucede nas cidades. Os movementos sociais e tecnolóxicos máis significativos acontecen nas cidades. As políticas smart, as políticas sociais e de emprego... son as cidades as que as aplican, son as que propician o desenvolvemento deportivo, as que exercen de interlocutoras coas grandes empresas. O cambio climático prodúcese maioritariamente nas grandes urbes; tamén as cidades temos que estar nas solucións medioambientais.

Existe unha forte demanda, amparada en sólidas razóns, dunha maior consideración, de maiores competencias e capacidade de actuación desde os concellos, sobre todo nas grandes cidades.

Pola contra, a lexislación en España camiña na dirección oposta. En lugar de dar pauta e cobertura legal ao que xa está a acontecer nos concellos, á atención cidadá que efectivamente se presta, estase a restrinxir e incluso suprimir a capacidade de actuación dos concellos para outorgar as competencias ás Comunidades Autónomas. Séguese a senda perversa de desenvolvemento macrocefálico das Comunidades Autónomas a costa dos concellos.

E as Comunidades Autónomas non resultan ser precisamente a administración pública máis próxima e con maior conexión cidadá.

No século XXI faise preciso, inescusable, a total aplicación da capacidade das cidades. Aí temos o factor de desenvolvemento do país. Aí está a nova política.

Por estas razóns, na segunda lectura da Constitución Española que se propón por algunhas forzas políticas é imprescindible que a autonomía local, e especialmente a dos grandes municipios, atope o seu espazo. Que se vexa reflectido este principio na relectura da Constitución.

Tense que garantir as competencias das cidades e tense que dar garantías das competencias que xa están a aplicar e deben aplicar as cidades. E teñen que figurar na Constitución. E sempre, un mandato de Lei Orgánica para o seu desenvolvemento. As competencias dos concellos teñen que estar a salvo do desexo absorbente das Comunidades Autónomas ou de propostas demagóxicas dalgún Goberno de España.

Esta delimitación competencial ten que vir acompañada na Constitución Española das pautas de financiamento municipal.

O financiamento das cidades debe atopar o seu espazo acorde ás súas competencias. A cuestión económica municipal non pode quedar supeditada á negociación entre o Goberno de España e as Comunidades Autónomas, senón que debe ser froito da plasmación constitucional dos tres espazos públicos, das tres administracións que estruturan este país.

A autonomía local debe ser un principio constitucional.

É indispensable que os concellos estean representados no Consello de Política Fiscal e Financeira. É neste foro, e coa presenza e participación activa das cidades, onde se ten que dirimir e desenvolver o financiamento autonómica e municipal, tendo presente a do Estado nos seus orzamentos.

Os concellos xogan un papel central na vertebración do país. Temos máis en común Vigo e Barcelona, cidades de desenvolvemento económico e industrial, humano e cultural, que Galicia e Cataluña como comunidades autónomas. A visibilidade constitucional das cidades como piar mestre do Estado afondará na articulación e na cohesión territorial de España.

O principio de lealdade institucional está a ser mantido por todos os concellos do país. Unha lealdade que quedou patente especialmente durante a crise, sendo a local a única administración pública que cumpre cos requisitos de débeda e déficit. Só os concellos. Só o local. Nin as comunidades autónomas nin o Estado poden dicir o mesmo.

Nesta España do século XXI, os concellos teñen que ancorar unha parte central da relación dos cidadáns co Estado, nos seus tres niveis: o central, o autonómico e o local.

É nos concellos onde os cidadáns teñen que ter recoñecida a súa capacidade de participar en toda a política: a local e a global. E este papel nos lexitima como actores da política total, da política na modernidade.

E reclamámolo porque nos asiste a razón, cos argumentos que vivimos no día a día dos concellos, onde os cidadáns buscan e atopan ás administracións, onde se da resposta as necesidades, moi por enriba das competencias e do financiamento que se nos concede.

E reclamámolo con firmeza mais con sosego, sabedores da lexitimidade popular que reunimos, e a través das canles políticas e democráticas establecidas. As canles que nós mesmos nos marcamos, sen imposicións, desde o respecto mutuo.

E aquí, connosco a pregoeira, Lourdes Carballo Fidalgo, muller do mundo das leis, da defensa dos dereitos, da busca da xustiza, muller viguesa na vertebración e impulso desta cidade.

Pero tamén a Constitución debe recoñecer os dereitos dos cidadáns ao estado de benestar. Debe a Constitución garantir educación e sanidade. Debe a Constitución decidir que baixo ningún argumento deben ser recortadas ou minguadas a atención sanitaria e a educación, públicas e gratuítas. Debe a Constitución do 78 afondar no apoio aos dereitos sociais dos cidadáns.

Esta é a grandeza da Constitución: unha xénese desde o respecto e a convivencia; segue vixente e válida, case que catro décadas despois, e cun longo percorrido por diante. É o marco democrático que continúa a dar resposta ás demandas cidadás, a Carta Magna que impulsou e protexe o período máis longo de convivencia democrática na historia deste país.

E nesta praza conmemorámola e celebrámola, co antigo Concello coidando da memoria democrática e popular da cidade de Vigo. Aquí, onde demasiadas veces, en décadas escuras, a intransixencia e o fanatismo perseguiron tristemente o nome e a vida de tantos cidadáns libres. Nesta praza reivindicamos os vigueses e as viguesas, xuntos, o valor común da democracia, o noso proxecto conxunto de presente e futuro.


Outros discursos
DISCURSO GALA VIGUESES DISTINGUIDOS 2015

DÍA DAS LETRAS GALEGAS 2015
Dedicado a Xosé Filgueira Valverde


Bando da Reconquista 2015

XXXVI ANIVERSARIO DA CONSTITUCIÓN ESPAÑOLA
(2014)


DIA DE GALICIA 2014

BANDO DIA DAS LETRAS GALEGAS (2014)
Dedicado a Xosé María Díaz Castro



Ver todos


Volver á portada

© Gabinete de Prensa - Concello de Vigo 2003