Man Xornal.vigo.orgXornal.vigo.org Concello de Vigo Contacto
Discurso
Subscribirse


 
domingo, 17 de maio 2015

Imprimir | Enviar

DÍA DAS LETRAS GALEGAS 2015
Dedicado a Xosé Filgueira Valverde


Por Xabier Romero González (Director Editorial Elvira)



Miñas donas e meus señores:
Hai cincuenta e dous anos que vimos celebrando este 17 de maio, Día das Letras Galegas, lembrando o centenario daquela publicación en 1863 da obra Cantares Gallegos coa que se iniciou o Rexurdimento.

Nesta ocasión a Real Academia Galega considerou dedicar este día a Xosé Filgueira Valverde, destacado historiador, ensaísta, investigador e divulgador da cultura galega.

Xa no ano 1998 houbo unha dedicación conxunta do galardón aos poetas medievais Martín Códax, Xoan de Cangas e Mendinho, e, de novo, este ano, volvemos a lembrar esa importancia da Literatura Medieval Galego-Portuguesa a través da incesante investigación que dela fixo tamén Filgueira Valverde, como reflicten os estudos sobre unha das Cantigas de Santa María, a Cantiga CIII, recompiladas por Alfonso X. Co devandito traballo acadou o grao de Doutor en Filosofía e Letras, pola Universidade de Zaragoza.

E non podemos dubidar da gran pegada de Vigo e a súa ría, dende hai séculos, na creación literaria e a loita activa pola defensa da nosa cultura, que durante tantos anos caeu no esquecemento.

Celebrar o Día das Letras Galegas vai máis alá dun acto festivo. É para moitos de nós unha reivindicación da nosa identidade como pobo. A nosa cultura, tantas veces maltratada, aínda na actualidade, segue tendo un idioma vivo. Lémbrome, agora, dos versos de Eduardo Pondal:
Cand’ é que vos ouzo,
a patria esquecendo,
falar esas duras
palabras de ferro,
non sei o que sufro,
non sei o que peno:
falade, miniñas,
falade gallego.

É por todo iso, que cando celebramos cada 17 de maio, Día das Letras Galegas, hoxe dedicado a Xosé Filgueira Valverde, é como se todos os homenaxeados anteriormente, Rosalía, Castelao, Pondal, Curros, Novoneira, e tantos outros, estivesen a nós lembrar a importancia e o orgullo de pertencer a un pobo que nunca esqueceu a súa orixe e a súa lingua.

Falamos de cincuenta e dous galardoados, o que pon de manifesto a incrible amplitude da cultura galega, a súa diversidade, e a capacidade inesgotable de creación.

Percibimos na nosa cidade a existencia de novas xeracións, de novas ideas e moitas ganas de facer cultura a pé da rúa. Esas rúas de Vigo, que viron pasear importantes defensores da nosa lingua, son as mesmas que hoxe son testemuñas do nacemento de novos creadores nos que recae a responsabilidade de seguir mantendo vivo o noso patrimonio cultural.

Hai cento cincuenta e dous anos que se imprimía Cantares Gallegos en Vigo, e dende entón ata a actualidade, esta cidade, segue a ser o motor económico e industrial do noso país, e a referencia da cultura en todas as súas expresións, protagonizando importantes movementos e constituíndo un sinónimo de progreso.

Hoxe contamos con novos valores pertencentes a diversas artes unidos por un elemento común: o noso idioma.
Nin a globalización actual, nin a reiterada desatención da nosa lingua por parte dos que teñen a obriga de defendela, conseguiron impedir a súa conservación da man dos nosos maiores.

A todos eles debemos ese gran patrimonio cultural, e a esperanza que agora poñemos nas novas xeracións que comprenden a importancia de posuír unha fala propia.


Xabier Romero González
Director Editorial Elvira


Outros discursos
Día da Constitución Española

DISCURSO GALA VIGUESES DISTINGUIDOS 2015

Bando da Reconquista 2015

XXXVI ANIVERSARIO DA CONSTITUCIÓN ESPAÑOLA
(2014)


DIA DE GALICIA 2014

BANDO DIA DAS LETRAS GALEGAS (2014)
Dedicado a Xosé María Díaz Castro



Ver todos


Volver á portada

© Gabinete de Prensa - Concello de Vigo 2003