Man Xornal.vigo.orgXornal.vigo.org Concello de Vigo Contacto
Discurso
Subscribirse


 
sábado, 28 de marzo 2015

Imprimir | Enviar

Bando da Reconquista 2015

Por Ventura Pérez Mariño (ex alcalde da cidade de Vigo)



"Vigueses e viguesas, é de persoas intelixentes e educadas, como sodes todos vos, veciñanza desta cidade olívica, acoller con ledicia xentes de procedencias diversas, sabendo que a súa persistencia en vivir en " casa aberta con fumes" e a súa vontade de quedar entre nós halles levar ao xúbilo da pertenza a esta cidade plural, sen máis límites que as costas americanas.

A tod@s vós, vigueses de orixe ou de adopción, diríxome.

Vigo, cidade cosmopolita e cada día máis fermosa, di a Historia que se levantou en armas para impedir que nos dominasen invasores foráneos, hoxe harmoniosos amigos. A esa fazaña denominámola A Reconquista.

Cidadáns e cidadás, non é útil e por iso innecesario, volver a aquela actitude de valentía, forma parte da historia. Así, desculpándome por non facer o habitual nun bando: floridas referencias á cidade que nos acolle, referireime ao contido que, na miña opinión, debe ter A Reconquista nos convulsos tempos en que vivimos.

Hoxe A Reconquista pasa pola expulsión dun inimigo máis perigoso que aquel francés de 1809: o paro, un invasor silencioso e termítico que vai deixando a moitas persoas exhaustas e apartadas do camiño.

Conveciños e conveciñas, o dereito ao traballo, que constitucionalmente se proclama, non é nin pode ser un dereito ilusorio. O dereito ao traballo non é compatible con miles de moz@s que teñen que emigrar para buscar o seu primeiro emprego. O dereito ao traballo, queridos concidadáns, queda malparado cando se lle poñen nomes e apelidos a esa multitude que busca un lugar no mercado laboral.

Por iso, e porque ese dereito non pode evitarse argumentando que non nos afecta, que é un problema de "outros", dende esta tribuna exhórtovos a abrir un paraugas amigo e solidario aos que sofren o desamparo. Un paraugas que lles sirva para resgardarse da chuvia e do vento que os azouta. Que noten a man amiga.

Pero o paro non é o único problema que temos. Outro inimigo, tamén silencioso e termítico aséxanos: a corrupción.
Cidadáns e cidadás, dun tempo a esta parte non pasa un día sen que nos ergamos atónitos ante o anuncio dun novo escándalo de corrupción económica ou política.

A corrupción pon en perigo o sistema democrático e impregna todos os niveis da sociedade, e é especialmente irritante cando se trata de cargos públicos que empregan no seu proveito a confianza neles depositada. Pero tamén se estende aos cidadáns que votan ao político corrupto, aos que pensan que o fin xustifica os medios, aos que gardan un silencio cómplice ante ela, a aqueles que pensan que a política é "así" e non se pode facer doutro xeito…

Conveciñ@s, é normal e non se pode evitar que en democracia existan casos de corrupción porque a propia liberdade do sistema a facilita, pero o que non pode ser normal, e si se pode evitar é a impunidade e que o corrupto non sufra a presión e o rexeitamento social pola súa conduta.

Vigues@s, non todo vale. Debemos reconquistar a honradez e a honorabilidade, o valor das cousas ben feitas, o amor ao traballo e ao esforzo, o desfrute das cousas simples e sinxelas. Deste xeito a cobiza e a corrupción que nos rodean serán expulsadas, como no seu día o foron os invasores franceses.

Veciñ@s de Vigo, non é tempo de indiferenzas. Dende aquí chámovos á tolerancia cero ante a corrupción; a non desmoralizarse ante ela; a non deixarse comprar por menos de nada. Dende aquí, meus veciños, requírovos para alzar un berro indignado ante tanta ignominia.

A batalla pasa hoxe por unha reconquista social e económica da cidade e só a podemos gañar se xuntamos as nosas mans, o noso corazón e a nosa intelixencia.

Foi o pobo indignado e solidario o que expulsou aos franceses; Cachamuíña e Pablo Morillo non poderían existir sen ese pobo. Hoxe, como naquela xesta heroica, o éxito non depende só de elixir uns bos dirixentes políticos para que nos gobernen, senón que pasa tamén por nós; polo noso pobo que se indigna ante as inxustizas e que se compadece ante as súas vítimas; polo noso pobo que non se deixa vencer polo desalento aínda que o vento sopre en contra; polo noso pobo que se sente protagonista da súa propia historia.

Nós podemos vencer se colaboramos con que non se derrube o castelo do benestar que construímos. Nós podemos se non nos resignamos a vivir en silencio. Temos moitas cousas que facer, e moitas que dicir democraticamente.

Parafraseando a Kennedy, no seu discurso de toma de posesión como Presidente dos Estados Unidos, digo: "Non me preguntedes o que Vigo pode facer por vós, senón o que vós podedes facer por Vigo".

Ventura Pérez Mariño, ex alcalde da cidade de Vigo

Vigo a 28 de marzo de 2015.


Outros discursos
Día da Constitución Española

DISCURSO GALA VIGUESES DISTINGUIDOS 2015

DÍA DAS LETRAS GALEGAS 2015
Dedicado a Xosé Filgueira Valverde


XXXVI ANIVERSARIO DA CONSTITUCIÓN ESPAÑOLA
(2014)


DIA DE GALICIA 2014

BANDO DIA DAS LETRAS GALEGAS (2014)
Dedicado a Xosé María Díaz Castro



Ver todos


Volver á portada

© Gabinete de Prensa - Concello de Vigo 2003