Man Xornal.vigo.orgXornal.vigo.org Concello de Vigo Contacto
Discurso
Subscribirse


 
sábado, 06 de decembro 2014

Imprimir | Enviar

XXXVI ANIVERSARIO DA CONSTITUCIÓN ESPAÑOLA
(2014)


Por Carlos Varela García (Fiscal Superior de Galicia)



I. A Constitución e os dereitos da cidadanía

A Constitución de 1978 converteuse xa no segundo texto de máis longa duración na nosa historia contemporánea, só superada pola Constitución de 1876, que estivo vixente durante corenta e sete anos.
Estamos afeitos a vivir baixo o amparo da Constitución. É a Constitución a que dá forma ao terreo político no que nos movemos, a que recoñece e garante os dereitos nos que nos apoiamos e a que nos proporciona o teito e as paredes que nos protexen fronte ao despotismo e a arbitrariedade.
Certamente, a esta Constitución debémoslle a nosa actual convivencia en liberdade, a articulación da nosa pluralidade e diversidade territorial, a garantía dos deberes e dereitos dos cidadáns, a vontade de incluír a todos acollendo as distintas concepcións ideolóxicas e a alternancia no poder de Gobernos de distinto signo.
O balance global destes 36 anos da súa vixencia é abertamente positivo, pois a Constitución mantivo un ríxido compromiso cos Dereitos Fundamentais, propiciando unha innegable moldura xurídica de estabilidade, política, social e económica.
É, pois, a Constitución de todos. Un marco de integración do que ninguén pode ser excluído e que outorga a todos os cidadáns que habitan no noso país os dereitos e deberes imprescindibles para vivir con dignidade. A Constitución é, xa que logo, o noso contrato interno no que repousa a convivencia e o pluralismo propio dunha sociedade complexa.

Non obstante, as constitucións non son inmutables, polo que debe verse como natural que desde distintos ámbitos se pida a súa reforma, non porque os seus logros ata agora non sexan evidentes, senón para adaptala á nova situación na que nos atopamos, moi diferente á dos anos 70 en modos de ser e convivir, e para adaptala, tamén, a unha crecente integración Europea cuxas decisións afectan, cada vez con maior intensidade, aos nosos intereses básicos.
Así ocorreu no ano 2011, coa reforma do artigo 135 cando, por esixencia da Unión Europea e os mercados financeiros, se constitucionaliza o principio de equilibrio orzamentario e a limitación do gasto público.
A apertura dun debate sobre a reforma da Constitución para adecuala ás novas situacións xa creadas e, sobre todo, ás que están por vir, deberá centrarse en buscar as mellores respostas que permitan unha convivencia en harmonía da histórica pluralidade constitutiva de España e un funcionamento máis eficaz do Estado, o que equivale a unha mellor prestación dos servizos ao cidadán para o logro das súas aspiracións individuais e comunitarias.

II. O recoñecemento dos dereitos económicos e sociais

Tense dito con acerto que Estado social constitúe a expresión dun contrato social que se formaliza explicitamente entre os poderes públicos e os cidadáns, que vincula os empresarios e traballadores, co obxecto de satisfacer efectivamente dereitos económicos e sociais de homes e mulleres, e cuxa finalidade é contribuír decididamente á estabilidade e progreso das nosas sociedades.
Por iso, é moi importante que a cidadanía non sinta que os dereitos e principios fundamentais que a Carta Magna protexe e recoñece se poidan converter en papel mollado ou que habitan nun limbo xurídico. Refírome ao dereito a gozar dunha vivenda digna e axeitada, ao dereito ao traballo, ao dereito a unha sanidade axeitada e de calidade, ou á igualdade, ou ao dereito á educación, entre outros.

Correspóndelles, así, aos poderes públicos favoreceren as condicións para que os cidadáns poidan dispoñer dun teito digno baixo o cal poidan desenvolver as súas relacións de convivencia, gozar de todos os seus dereitos e desenvolver en suma a súa personalidade. Ninguén vive dignamente se non conta cun aloxamento decente e axeitado ás súas circunstancias persoais e familiares.
Hai crises de cidadanía cando está en causa a dignidade igual para todos. Sen esta igualdade de dignidade e, consecuentemente de dereitos, non é posible pensar e vivir en democracia.

III. A crise económica e a prohibición do retroceso social
Os dereitos económicos e sociais que recoñece a nosa Constitución son postos a proba no actual contexto de crise económica e financeira. Os dereitos esencialmente máis ameazados son os económicos, os sociais e os asistenciais que consubstancian co núcleo dos dereitos prestacionais.
A efectivización destes dereitos sociais depende de que o Estado dispoña de suficientes recursos públicos para satisfacer as prestacións materiais que constitúen o seu obxecto.
Formúlase así a cuestión da vixencia e inviolabilidade destes dereitos adquiridos no suposto de imposibilidade fáctica de satisfacelos cando se verifica a falta de medios financeiros.
Foi o que expresivamente quixo dicir o ex ministro de finanzas portugués Vítor Gaspar cando, nun Consello de Ministros, respondeu secamente a un colega seu que propugnaba alternativas á súa política de austeridade: Non hai diñeiro! Cal das tres palabras é a que non entendeu?
Deste modo, reducíase un problema político de busqueda doutras opcións a un aparente non problema por falta de alternativas á política de austeridade.
A teoría da "reserva financeira do posible" como aquilo que é razoable esixir do Estado e, en última instancia da propia sociedade, foi enunciada por vez primeira polo Tribunal Constitucional alemán en 1972, quen afirmou a necesidade da observancia do principio de proporcionalidade no reparto dos sacrificios.
Precisamente os dereitos sociais xorden da tentativa de resolver unha profunda crise de desigualdade social que se instalou en España no período da posguerra.
Como é sabido, superada a fase de Estado liberal, asumindo o poder público a súa versión social e democrática, creouse con el un sentimento, inherente a todas as constitucións nacionais, de que as conquistas sociais sempre tenden a avanzar, non admitíndose en ningún caso o seu retroceso.
O principio da "prohibición do retroceso social" pode formularse así: o núcleo dos dereitos sociais xa materializados realízase a través de medidas lexislativas e debe considerarse constitucionalmente garantido, sendo inconstitucional calquera medida que, sen a creación doutros proxectos alternativos ou compensatorios, se traduza na práctica nunha anulación, revogación ou aniquilación pura e simple deste núcleo esencial.
O tema da reversibilidade das conquistas sociais, ou se se quere do Estado social, non sendo novo, volveu a primeira liña da actualidade polas consecuencias e a permanencia da grave crise que estamos a sufrir.

IV. A doutrina do Tribunal Constitucional

O Tribunal Constitucional non abordou directamente o problema, aínda que si fixo pronunciamentos a propósito de situacións concretas e nun sentido en certo modo ambivalente, isto é, unhas veces restritivo da tese da reversibilidade e outras veces máis permisivo, polo menos aparentemente.

Destas declaracións do Tribunal Constitucional puidera sacarse a conclusión de que os dereitos sociais recoñecidos na Constitución quedan sometidos á discrecionalidade do lexislador e non só para configuralos, senón tamén para limitalos con fundamento na imposibilidade de sufragar o seu custo e mantemento.

Inclusive podería pensarse que, como non aparecen establecidos constitucionalmente os límites mínimos das prestacións sociais, poderían ser revisados en sentido restritivo ou sometidos ao requisito da súa propia e autónoma sostibilidade financeira.

É máis: unha vez constitucionalizado o principio de estabilidade orzamentaria (art. 135 CE) nos termos xa analizados, alcanzado o límite do déficit ou da débeda, habería que reducir ou limitar o dereito social de que se tratase sen exercicio ningún de ponderación deste principio co do dereito afectado.

Non é esta, non obstante, a conclusión correcta.

En primeiro lugar, porque o Tribunal Constitucional afirmou a existencia da irreversibilidade cando puido vincular o aseguramento do "status" adquirido coa garantía aplicable a dereitos fundamentais propiamente ditos, os cales son por definición inviolables.

En segundo termo, porque existen claros límites derivados do ordenamento constitucional que unha eventual reversión social nunca podería traspasar.

Estes límites dependerían:

a) da necesidade dun razoamento ou motivación "suficiente" que xustificase a restrición;

b) da invulnerabilidade do "contido esencial" dos dereitos socioeconómicos recoñecidos na Constitución;

c) do tipo ou xerarquía de norma con que se establece a limitación regresiva;

d) da conexión dos dereitos económicos e sociais con dereitos fundamentais ou constitucionais;

e) e, finalmente, dependerían das limitacións a todo o que signifique restricións aos principios constitucionais de seguridade xurídica, confianza lexítima e irretroactividade das disposicións restritivas de dereitos individuais.

Unha eventual animosidade contra estes dereitos e as súas garantías que leve implícito o seu debilitamento e unha redución ao mínimo das funcións sociais do Estado, ou confialas exclusivamente á iniciativa privada, debe ser rexeitada.

Cómpre ofrecer solucións para que, fundamentalmente en situacións de crise económica como a actual, non se incorra na contradición que significa manter a afirmación e vixencia do Estado social, e, ao propio tempo, abrir o camiño á súa restrición, ou mesmo eliminación, mediante solucións de recorte lineal no gasto feitas sen os oportunos xuízos de ponderación e proporcionalidade que son de todo punto esixibles.

Estas solucións pasan, en primeiro lugar, pola equitativa asignación dos recursos públicos e á súa programación e execución baixo os criterios constitucionais de eficiencia e economía. (Art. 31.2)

En segundo lugar, pola realización efectiva do dereito a un bo goberno ou a unha boa administración con criterios de transparencia, información, publicidade e de bo manexo dos fondos públicos.

En terceiro lugar, pola loita contra a corrupción, a fraude e a elusión fiscal, para dar cobertura ao gasto social que o noso Estado de benestar esixe. Que isto non poida lograrse é algo moi difícil de entender para o conxunto da cidadanía a espera dunha recuperación económica que trascenda do nivel meramente estatístico e penetre na realidade social.

En definitiva, o que non pode xustificarse nun Estado Social e Democrático de Dereito, como o que a Constitución recoñece, é unha visión puramente subsidiaria dos dereitos sociais, que practicamente os reconvirte a un mero produto negocial, degradando a posición do cidadán a un mero consumidor de bens e servizos mercantís.


V. A loita contra a corrupción


A Comisión Europea, no informe emitido en Bruxelas o 3 de febreiro de 2014, tras definir a corrupción como "abuso de poder para obter réditos privados", destaca que a maioría dos membros da Unión dispoñen dos instrumentos xurídicos e institucións necesarias para previr e loitar contra a corrupción, pero os resultados non poden cualificarse de satisfactorios porque as normas pertinentes non sempre se aplican enerxicamente, os problemas sistémicos non se abordan coa suficiente eficacia e as institucións non sempre teñen a necesaria capacidade para facelas cumprir, ata o punto de concluír que "a miúdo parece faltar unha verdadeira vontade política para erradicar a corrupción".

A loita contra este flaxelo social non debe descansar exclusivamente na vía penal. A prevención ten un papel fundamental e prioritario. En efecto, a decisión dun axente potencialmente corrupto vese influenciada pola probabilidade que asigne a ser detectado e sancionado. Así, canto maior sexa a probabilidade de que unha actividade corrupta sexa detectada e castigada tanto menor será a posibilidade de oportunidades para a súa ocorrencia.

Para iso é fundamental que as entidades públicas desenvolvan e perfeccionen mecanismos preventivos propios, de autoavaliación e autocontrol, dos riscos da súa xestión, no ámbito da contratación pública.

Igualmente, sería moi importante implicar as empresas privadas nesta cultura de transparencia, pois as organizacións con prácticas éticas e íntegras resultan máis atractivas para o investimento e a relación cos seus interlocutores e coa comunidade en xeral.
A instauración desta boas prácticas nos procedementos de contratación pública, a escala autonómica e local, constituiría un importante avance na promoción dos valores de integridade, responsabilidade e transparencia. Valores que a cidadanía esixe incondicionalmente os responsables públicos para facer fronte aos escándalos derivados da corrupción.


Epílogo

A Constitución de 1978 foi un berro de modernidade oído despois dun réxime ditatorial do cal España se liberou. É un texto asentado sobre os principios da democracia representativa, garante dos dereitos fundamentais e que serviu para dar respostas á vida en sociedade. Os desencantos que pode haber non son debidos a ela. Os problemas están na rúa, ou na falta de iniciativa para resolvelos non nos artigos da Constitución.
Para afrontalos será imprescindible botar man da receita que tan bos resultados deu en 1978: o acordo entre todas as forzas políticas e sociais, e agora tamén entre territorios autonómicos, que permitan actualizar unhas regras de xogo democráticas e un sistema de garantías xurídicas aceptadas por todos.
Unha Constitución é, en definitiva, a "carta de navegación dun país" e, como tal, ten que ser un instrumento vivo, con rumbo certo e adaptado á evolución dos tempos.

Vigo 6 decembro 2014

Carlos Varela García
Fiscal Superior de Galicia


Outros discursos
Día da Constitución Española

DISCURSO GALA VIGUESES DISTINGUIDOS 2015

DÍA DAS LETRAS GALEGAS 2015
Dedicado a Xosé Filgueira Valverde


Bando da Reconquista 2015

DIA DE GALICIA 2014

BANDO DIA DAS LETRAS GALEGAS (2014)
Dedicado a Xosé María Díaz Castro



Ver todos


Volver á portada

© Gabinete de Prensa - Concello de Vigo 2003