Man Xornal.vigo.orgXornal.vigo.org Concello de Vigo Contacto
Discurso
Subscribirse


 
sábado, 17 de maio 2014

Imprimir | Enviar

BANDO DIA DAS LETRAS GALEGAS (2014)
Dedicado a Xosé María Díaz Castro


Por Uxía Blanco (actriz)

Cidadadanía de Vigo:

Hoxe celebramos a forza do galego, o idioma que nos permite comunicación, negocios e amor con 235 millóns de persoas espalladas polo mundo. O coñecemento do galego e do castelán dános a chave da comunicación con toda Iberoamárica. Pero tamén con países lusófonos noutros continentes.


Vigo abandeirou o orgullo galego dende o berce. Na imprenta de Juan Campañel, na rúa Real , viu a luz Cantares Gallegos de Rosalía de Castro, un lóstrego na noite da nosa lingua.

E foi un vigués. Fernández del Riego, quen lle propuxo á Real Academia celebrar o Día das Letras Galegas en conmemoración do centenario da publicación deste poemario de Rosalía. Por iso dende 1963 vimos celebrando o 17 de maio.

A nosa cidade continuou sendo punta de lanza con empresas imprescindibles: Editorial Galaxia, Edicións Xerais, A Nosa Terra, Ir Indo... que publicaron sempre en galego.

A sociedade viguesa, inmersa hoxe nunha dramática crise de traballo , sanidade, educación.... pode presumir dunha solidariedade acubillante. E neste caldo de cultivo estase producindo un interesantísimo rexurdimento cultural.

A nosa pertenza a unha terra oceánica e cunha lingua propia identifícanos e proxéctanos ao universo.

Sabíao moi ben Xosé María Díaz Castro, lugués, poeta telúrico, pertencente á nosa tribu, que con só un libro Nimbos, foi capaz de transitar polo ser humano, os sentimentos, a vida, o amor e a morte, cunha selección de léxico elegante e sinxelo no que non desbota dialectalismos e ruralismos:

Un paso adiante e outro atrás Galiza/
Sede de xustiza que nos queima/
sede de lus.
Longa rúa de mar/

Hoxe Vigo ferve. Se os 80 foron anos da Movida viguesa, agora estamos no alboreo dunha nova ceifa. Grupos de mozos e mozas están a traballar na música, na imaxe, na literatura, na pintura, no cine...

A forza do propio, do auténtico é o que "vende". Unha marca propia. Non podemos competir con outras culturas tratando de imitalas. Pero si podemos sorprender dende a nosa diferenza, a nosa paisaxe, as nosas historias e a nosa lingua.

Lembremos outro vigués, pioneiro do galego no audiovisual: Chano Piñeiro. A súa película Mamasunción en galego e rodada nuha aldea, obtivo o primeiro premio en festivais de España, Francia, Australia, América…
Vigo foi tamén pioneira en celebrar a estrea, hai 25 anos, das tres primeiras longametraxes en galego: Urxa, Continental e Sempre Xonxa, no inesquecible cine Fraga de Vigo.

Dicídelles aos vosos fillos e fillas que van polo mundo que poñan no seu curriculum o idioma galego porque sabemos de enxeñeiros en Alemaña que están a traballar en temas internacionais : Alemaña-Brasil, grazas ao coñecemento do galego.

Hoxe tamén celebramos o día internacional de Internet.
É ben curioso que coincida co Día das Letras Galegas. Invítovos a botar as redes tecidas con palabras galegas.
Usemos a rede para afirmar e espallar a creatividade da nosa poesía, ensaio, novela, cómic, música, cine, todas as artes....en galego.
A proposta é inundar o facebook. Que chovan palabras galegas sobre as pantallas de todo o mundo coma un maná alimenticio.
Whatsappeemos na nosa lingoa.
Que arda internet ao son dos aturuxos galegos!

Un paso adiante e outro atrás Galiza, dicía Xosé Maria Díaz Castro.
Fagamos entre todos que se sinta orgulloso de nós e que poidamos abreviar o seu verso:
un paso adiante Galiza


Uxía Blanco


Outros discursos
Día da Constitución Española

DISCURSO GALA VIGUESES DISTINGUIDOS 2015

DÍA DAS LETRAS GALEGAS 2015
Dedicado a Xosé Filgueira Valverde


Bando da Reconquista 2015

XXXVI ANIVERSARIO DA CONSTITUCIÓN ESPAÑOLA
(2014)


DIA DE GALICIA 2014


Ver todos


Volver á portada

© Gabinete de Prensa - Concello de Vigo 2003