Man Xornal.vigo.orgXornal.vigo.org Concello de Vigo Contacto
Discurso
Subscribirse


 
venres, 28 de marzo 2014

Imprimir | Enviar

BANDO RECONQUISTA 2014

Por Juan Antonio Muñoz Codina (Director del Centro de Vigo de PSA Peugeot Citroën)

Queridos concidadáns,

Síntome enormemente honrado de ler este bando nun día tan sinalado para os vigueses, con motivo da celebración da Reconquista. E síntome así, porque son un orgulloso cidadán vigués e isto lévoo a gala onde queira que vaia. Como lle digo ás persoas máis próximas: "eu son vigués militante"


E é verdade que nacín aquí, no Calvario, e que estudei aquí, nos Maristas e despois na Universidade de Vigo, na primeira promoción de enxeñeiros. E que tamén traballo aquí, nunha fábrica que é emblema da industrialización e o progreso de Vigo.

Con todo isto, non exclúo aos que non naceron aquí, porque " o boi e de onde pace" e Vigo é unha cidade de aluvión, que creceu moi rapidamente nos últimos 60 anos, acollendo a todo aquel que chegaba atraído pola súa puxante industria, e estas son precisamente as xentes que fixeron posible, ao abandonar os seus lugares de orixe, o milagre da eclosión de Vigo, un pouco caótico, é verdade, pero iso, para os que amamos Vigo, é parte do seu encanto.

E isto non é a primeira vez que acontece na nosa cidade; non en van, hai 200 anos, na época que hoxe rememoramos, gornecía a entón Vila de Vigo o batallón da Milicia Provincial de Ourense, comandada polo brigadier Marqués de Valladares. E din as crónicas que "de todas as partes de Galicia concorrían voluntarios en considerable número, poñendo de manifesto o seu patriotismo, alentando o espírito público do paisanaje dos arredores de Vigo, atacando sen descanso as partidas que saían a forrajear, distinguíndose nestas sorpresas os patriotas do Val Fragoso, que levantara o seu Alcalde Don Cayetano de Limia. Unha das figuras que máis resaltan polo seu entusiasmo nesta heroica loita, é a de Fray Andrés de Villagelín, relixioso franciscano, do convento de Vigo".

A resistencia popular protagonizada entre outros por Pablo Morillo, o Tenente Almeida e Bernardo González del Valle, alcumado Cachamuiña, provoca un levantamento que remata coa expulsión dos militares galos. Este episodio motivou a concesión á, ata entón, Vila de Vigo do título de "Leal e Valorosa", honra concedida por Fernando VII.






Noventa anos máis tarde, en 1899, o porto de Vigo recibía os soldados malferidos procedentes da guerra de Cuba, acolléndoos e prestándolles a axuda necesaria. Este feito outorgoulle o título de "Sempre Benéfica", polo que dende entón o escudo da cidade garda o lema "Cidade Fiel, Leal, Valorosa e sempre Benéfica". Como non se sentir orgulloso dunha cidade con estes valores!

Dende entón, Vigo foise transformado na actual metrópole que é, de preto de 500.000 habitantes, con visibilidade europea, que representa, sen dúbida ningunha, o motor económico de Galicia.

Audaz e responsable, a nosa cidade é emprendedora e os nosos empresarios persoas tenaces e esforzadas, que se baten por conseguir que as familias que dependen deles afiancen o seu futuro. Vigo mellora día a día, ao longo da historia, porque todos sumamos os nosos particulares retos de progreso nun empeño común. E así, unha tras outra, superamos as adversidades: as pasadas, as presentes... e as que, sen dúbida, están por vir.

Paso a paso, con audacia e responsabilidade, reconquistamos o noso futuro. No sector da automoción, ao que dou voz, témolo moi interiorizado.

Dende PSA Peugeot Citröen, dende CEAGA, dende o Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia... dende todos e cada un dos fitos que nos permitiron ser un referente mundial no noso sector.

Hoxe, na efeméride do pasado, quero reivindicar o futuro. Estou convencido de que se trata da mellor homenaxe que se pode render a todos aqueles que con tan pouco fixeron tanto. Leal e Valorosa, si, pero tamén audaz e responsable... Vigo avanza detrás do seu destino. E nós, descendentes daqueles loitadores, temos a obriga de xestionar todo este patrimonio coa dignidade e o rigor que demandan as xeracións futuras.

Reconquistamos a cidade aos franceses, reconquistamos o noso futuro como grande urbe con axuda dos franceses e agora, máis expostos ca nunca a unha competitividade global, reconquistamos o porvir grazas á constante busca da excelencia. Ao fío desta reflexión e para rematar cun aceno irónico, non podo evitar pensar o paradoxo que supón que hai 200 anos, casualidades do destino, se loitaba en Vigo para expulsar os franceses. E hoxe, nós, todos os días, 7.000 homes e mulleres desta terra, poñemos o mellor de nós para que queden nela e poidamos seguir construíndo un Vigo mellor. Dígoo alto e claro: Vigo pode facelo. Vigo vai volver facelo.


Moitas grazas



Juan Antonio Muñoz Codina
Director del Centro de Vigo de PSA Peugeot Citroën


Outros discursos
Día da Constitución Española

DISCURSO GALA VIGUESES DISTINGUIDOS 2015

DÍA DAS LETRAS GALEGAS 2015
Dedicado a Xosé Filgueira Valverde


Bando da Reconquista 2015

XXXVI ANIVERSARIO DA CONSTITUCIÓN ESPAÑOLA
(2014)


DIA DE GALICIA 2014


Ver todos


Volver á portada

© Gabinete de Prensa - Concello de Vigo 2003