Man Xornal.vigo.orgXornal.vigo.org Concello de Vigo Contacto
Discurso
Subscribirse


 
domingo, 28 de abril 2013

Imprimir | Enviar

BANDO DA RECONQUISTA 2013

Por Carmen Navarro Fernández –Balbuena (Directora Científica do Instituto de Investigación Biomédica de Vigo ‘IBIV’ Emérito Clínico Consultor de Neuropatoloxía (CHU. de Vigo))



Viguesas, Vigueses,

Celebramos hoxe unha festa tradicional en Vigo, o día da Reconquista, en conmemoración da primeira cidade española que gañou, en 1809, a súa independencia sobre as tropas napoleónicas que invadían tamén outros territorios nacionais. Había dous meses que o exército napoleónico ocupara a praza.

Esta festa remóntase ao ano 1997, e ben seguro que a maioría de vostedes a celebran dende hai moito, ano tras ano, primeiro da man dos vosos pais ou avós, hoxe dando a man aos vosos fillos e netos.

Pero hoxe, no ano 2013, máis de douscentos anos despois da loita contra os franceses, gustaríame facer con vós algunhas reflexións.

Como dixo o Excmo. Alcalde de Vigo o ano pasado, "O 28 de Marzo evoca a vitoria do colectivo sobre a individualidade". E esta frase ten un grandísimo contido, é moi significativa. A loita colectiva é a única forma de loita se queremos obter unha vitoria. Non valen consideracións persoais, coas que só se poden chegar a obter pequenas cousas, e a niveis moi individuais. Se perseguimos unha gran causa, a forma de vencer na súa consecución é indo unidos, xuntos, en equipo.

Hai só 38 anos liberámonos dun réxime ditatorial, pasamos unha época de intensa loita do pobo durante a transición, conseguimos liberdades que nos foran acernadas durante moitos anos.

Xuntos, igualámonos a unha velocidade incríbel, tan só nuns poucos anos, a outros países europeos democráticos, en varios aspectos fundamentais: liberdade relixiosa, liberdades sociais, liberdades de elección política coa posibilidade de voto...

Xuntos, conseguimos a liberación das mulleres coa súa introdución igualitaria no mundo laboral, deixando de depender sempre do "home da casa"; aportando o noso salario e conseguindo a capacidade de ser, verdadeiramente, unha persoa libre, sen ataduras artificiais. Unha persoa como calquera outra, independentemente do sexo.

Xuntos, construímos pois un país libre, democrático, cunha educación e sanidade públicas e de calidade.

Agora, douscentos anos despois da Reconquista, atravesamos unha época de profunda crise económica, de incerteza política, onde, ás veces, parece que perigan as consecucións democráticas que tanto nos custou obter. A sanidade pública, que sempre ten sido un dos nosos maiores e mellores logros, está baixo ameaza. Sanidade Pública significa que a relación do persoal médico co paciente é limpa e directa, que non está condicionada nin mediada por determinates económicos, que , de existir, romperían a balanza en detrimento da atención sanitaria. Pasamos por unha crise non soamente económica, senón tamén unha crise de valores.

Agora non se trata de guerras. Xa non loitamos contra Napoleón, contra o coronel Chalot ou o xeneral Limousin, pero si debemos facer fronte á realidade complexa do noso tempo.
No ano 1800 o nivel de analfabetismo en Galicia era do 68% e na actualidade é case do 0%. E cando falo de analfabetismo non me refiro a saber ler e escribir, senón tamén a entender que pasa no noso país, cales son os dereitos dos cidadáns, cales son as nosas oportunidades, cales son as maneiras lícitas para conseguir que os nosos dereitos sexan unha realidade.

Como sabedes, eu non son viguesa de nacemento, pero levo nesta cidade máis de 20 anos e xa me considero parte dela. Nestes anos, con perseveranza e rodeada dun excelente equipo, loitamos pola calidade na investigación e na atención sanitaria, para que Vigo teña un renome a nivel Galego, Nacional e Internacional. E estamos no camiño. Aínda que parecía imposible hai uns anos, conseguimos crear o Instituto de Investigación Biomédica de Vigo, que recentemente e tras moito traballo, recibiu unha forte achega económica da Unión Europea que favorecerá a nosa visibilidade internacional, colocando á investigación biomédica de Vigo no Espazo Europeo de Investigación.

En todo este tempo, afrontamos momentos difíciles, nos que os nosos folgos fraquearon e os nosos obxectivos parecían afastarse de nós. Pero perseveramos na nosa loita e conseguimos chegar a onde estamos hoxe.
Por iso quero dicirvos, cidadáns, que non desfalezades, pois as causas xustas merecen o tesón, entusiasmo e o esforzo de todos.

Debemos seguir loitando polas cousas fundamentais, polas que temos loitado e que son xustas: máis oportunidades para todos nós, máis educación ao alcance de todos (gratuíta e non para elites) mellor calidade na sanidade, gratuíta e para todos. E por unha investigación de calidade.

Por tanto, cidadáns, celebremos a festa da Reconquista pero reflexionemos sobre nós, os nosos dereitos, e loitemos por eles tamén!!!

POR VIGO!


Outros discursos
Día da Constitución Española

DISCURSO GALA VIGUESES DISTINGUIDOS 2015

DÍA DAS LETRAS GALEGAS 2015
Dedicado a Xosé Filgueira Valverde


Bando da Reconquista 2015

XXXVI ANIVERSARIO DA CONSTITUCIÓN ESPAÑOLA
(2014)


DIA DE GALICIA 2014


Ver todos


Volver á portada

© Gabinete de Prensa - Concello de Vigo 2003