Man Xornal.vigo.orgXornal.vigo.org Concello de Vigo Contacto
Discurso
Subscribirse


 
mércores, 28 de marzo 2012

Imprimir | Enviar

Discurso do alcalde con motivo da entrega dos galardóns de Vigueses Distinguidos e Medalla da Cidade 2012

Por Abel Caballero (Alcalde de Vigo)



É a ría a que nos une. E o mar o que nos da a vida. Son as ondas do mar de Vigo, a poesía e a música do poeta, de Martín Códax que poñen vida onde está a vida, que sinala cercanía, onde hai lembranzas, que marca a ruta nos tempos de bonanaza e tamén nos tempos de bruma.

Ondas do mar de Vigo, se viste o meu amigo, ai! Se verra cedo...
Son a cidade e o territorio cercano, aos que cantara o poeta. O norte e o sur da ría, e aí estará o noso futuro. Nestes tempos difíciles, a área metropolitana segue a ser o espazo de referencia vigués.

E tempo de unidade, de cooperación, de marcha conxunta. E o tempo de poñer por diante os intereses xerais e de antepoñelos a calquera interese particular, por moi lexítimo que poida ser. Son tempos de altura de miras, de horizontes amplos.

É o tempo dun novo estilo. O de confrontar co verdadeiro e único inimigo, a crise, a crise voraz e maligna que nos asola. A crise que como un leviatán asolador está a calcinar o presente e o futuro.

Porque as baleas de ferro xa non saen dos asteleiros do borde do mar de Vigo. Porque os novos automóviles que sustituíran a aqueles carros da antigüidade están a ser fabricados con maior cadencia e en menor número. Porque aqueles e estes traballadores e traballadoras tan capaces que asombraran ó mundo coa sua laboura, non atopan agora tarefa. E a pesca que sempre estivo connosco, a través da historia, segue no Vigo do presente, sendo a base que aguanta a singladura.

E o mundo, o mundo de Europa, o mundo das américas e o mundo da Asia, non adiviña o final da crise asasina e teimuda na súa tarefa destructiva. Por iso son tempos novos, tempos de unidade, de cooperación, de traballo conxunto. Son tempos de cooperación de administracións, de cooperación de todas as forzas políticas, de cooperación coas institucións privadas. É tempo dunha nova reconquista que aúne os esforzos de todos. A reconquista da saída da crise.
Todos xuntos na procura de solución para o naval. Unión para que desde a vella e nova Europa entendan que o Tax lease é un paso de xustiza. E todos xuntos o temos que reclamar.
E é tempo de seguir no apoio ao Porto de Vigo, grande motor de crecemento e prosperidade do mesmo Vigo, pero tamén de toda Galicia. E forma parte do acervo cultural e económico da vella e da nova Galicia, que foi este porto, este grande porto o que fixou as rutas da tristeza da emigración, certo é, pero tamén das rutas da prosperidade. E todos xuntos temos que dicir que é o porto europeo máis importante da pesca, do automóvil, do granito.

E xuntos para apoiar ao automóvil que desde Vigo atende tantos mercados do mundo. De automóviles fabricados e de compoñentes coa maior tecnoloxía que se incorporan a tantos e tantos automóviles do mundo. O automóvil vigués que fixo o grande prodixio, milagre para uns, de que pezas ou mesmo automóviles enteiros, en todo o mundo leven a marca de Vigo.

E xuntos para apoiar as modernas pousadeirías, núcleo dun sector hostaleiro e turístico preparado para dar acomodo a todos os nosos visitantes ou todos os vigueses, que modernos cidadáns, o demanden.

Esa é a nova reconquista. Antes contra os invasores do exército do Napoleón, hoxe unha máis importante, se cadra, e igualmente urxente. Unha nova reconquista contra a crise. E igual que fai dous séculos, hoxe, todos unidos, ao modo de Carolo, de Cachamuiña, do Abade de Valladares....

O 28 de marzo de 1809 os vigueses fomos quen de mostrar o moito que somos capaces de facer como pobo. Hoxe, o 28 de marzo de 2012, o estamos demostrando de novo. Porque sairemos da crise, fabricaremos novos buques, manteremos a nosa pesca e máis e máis automóviles percorrerán as rutas deste novo e globalizado mundo.

Temos forza, capacidade e tesón. E temos que sumar a unidade. Unidade para a recuperación, unidade en Vigo, unidade dos territorios da ría que cantara Mendiño.

Vigo foi a primeira cidade española que gañou a súa independencia permanente sobre as tropas napoleónicas. Pero a Reconquista é para nós moito máis. Centos de vigueses e viguesas saíron á rúa aquel día con moitas ilusións e poucas armas para combatir unha situación política inxusta. E deron mostra de que Vigo é imparable.

O paso dos anos e dos séculos cambiou moitas cousas nas nosas vidas, pero non mudou aquel espíritu. O espíritu e orgullo de cidade. Dun territorio que é capaz de crecerse cando as circunstancias llo esixen.

Aí, paseando Vigo, saíndo das vellas murallas, na confluencia de Urzáiz e da Gran Vía, a obra dun grande artista descríbenos aos vigueses. Sete mariñeiros coa forza do seu carácter e coa unión da vontade, todos xuntos, pulan da rede do sustento. Son a forza da unión, a robustez do tesón. E aí seguen, ano tras ano, para alzar a súa voz muda, inmensamente sonora, nunha chamada á unión, á solidariedade, á cooperación.

Con convicción, ilusión e moito traballo. É a forza da cidadanía, do colectivo.

Esa foi a mensaxe da Reconquista que ficou impresa na nosa identidade e que vai pasando de pais e fillos.

Falar de Vigo é falar de solidariedade. Ninguén mellor que nós coñece o significado desta palabra.

O día da Reconquista é unha chamada a memoria colectiva, a lembrar que ao longo da nosa centenaria historia xa libramos moitas batallas. O carácter emprendedor de Vigo está cheo de ilusión e de gañas, froito do optimismo da razón e do coñecemento. Un optimismo realista que ven avalado polo devenir da historia nesta cidade. Nestes mimbres cimentou Vigo o seu liderazgo ao longo de décadas e así debe asentar as perspectivas do seu futuro.
En Vigo pódese falar de solidariedade con letras maiores. Tendendo a man a todos e cada un dos vigueses nestes momentos difíciles. Con traballo, se podemos, e con cercanía sempre, e que ninguén quede no camiño. Axuda, respecto e dignidade.
Cada conveciño no paro, cada traballador, cada emprendedor, cada autónomo ou cada empresa son un motivo para seguir camiñando, con sacrificio, pero sen desánimo. Todos xuntos, facendo economía, facendo cidade.
Ese traballo a prol do colectivo foi precisamente, alá por 1988 a orixe dos "Vigueses Distinguidos", uns galardóns que naceron para recoñecer o labor de persoas e institucións que desde distintos ámbitos traballan pola cidade.

Si en 1988, a primeira Medalla da Cidade a recolleu a familia do gran benefactor de Vigo Francisco Fernández del Riego, hoxe, con non menos mérito, recolle o testigo o Museo Quiñones de León, cando cumpre 75 anos de vida. Cunha das mellores coleccións permanentes de pintura galega e salas de arqueoloxía de referencia, está ubicado nun dos pazos arquitectónicamente máis sobresaíntes de Galicia. Este galardón quere poñer en valor a cultura, a aposta decidida desta cidade por manter e preservar a súa historia e a súa riqueza artística. En Vigo cultura e industria conviven en armonía desde o comezo dos tempos.
Traballo solidario e desinteresado que desenvolven en Vigo moitas persoas e institucións.
E se hai algunha acción que non se conciba desde a individualidade é a loita contra a droga. Así naceu Alborada en 1982. Décadas de traballo para mellorar a vida dos pacientes, das súas familias e da sociedade en xeral, inicidindo especialmente no eido da prevención.
E Bertila Fernández Pérez, firme defensora do ensino público de calidade que permita garantir a formación integral en igualdade de condicións. Vinte anos velando pola convivencia e diálogo entre pais, nais e docentes. A súa forza ven de familia, porque vaime permitir recordar que é tataraneta dun participante na defensa da cidade na invasión francesa.
E Enrique Landesa Macías. Soldador de profesión, ponte entre o seu Teis e a súa vida en Coia. Loitador social incansable, o parque da Bouza o lembra cada amañencer.

E de novo a educación, na modernidade, na pedagoxía formadora e igualitaria, anclada na lingua. Escola Rosalía de Castro, con medio século de traxectoria e docencia. Unha fábrica de pensamentos onde a razón e a tolerancia son as bases da aprendizaxe.

O Padre Carlos Olivares Mozo. Adicou grande parte da súa vida as persoas con déficits sensoriais. Home cheo de solidariedade e forza na procura do ben.

E Paulino Freire Gestoso. Anos de adicación a Bouzas, pescador de lumes cheos de luz, cazador de tradicións, vixiante do progreso respectuoso coa ría, industrial de estirpe familiar. Creador de mitoloxías, de ideas, e boucense-vigués de solera. Bo amigo, nadando ao lado do Cristo de Bouzas e do Cabaleiro das Cunchas.

E O Xatcoveo, no mundo das telecomunicacións, que dende o Campus das Lagoas, puxo a Vigo no mundo da vangarda das tecnoloxías. Tres nomes, Javier Comesaña, Alberto González e Alfredo Giménez que, baixo a coordinación de Fernando Aguado, encabezando un equipo de máis de cen investigadores, conseguiron co seu traballo un posto de excepción para a Universidade de Vigo.

E o autor do bando, Borja Oubiña, deportista referencial, exemplo de tesón, traballo, capacidade excepcional e humildade. Home que leva o nome do deporte vigués por todos os campos do mundo.

Todos estes "Vigueses Distinguidos" representan a idiosincrasia da cidade. A fortaleza do traballo individual e colectivo pensando por e para a cidade.
Todas e cada unha destas persoas son a mostra dun Vigo tolerante, diverso e solidario onde todos sumamos.

Este é o camiño que a diario recorremos todos xuntos. O camiño do futuro que todos e cada un de nós temos nas nosas mans.

Grazas a todos e noraboa.


Outros discursos
Día da Constitución Española

DISCURSO GALA VIGUESES DISTINGUIDOS 2015

DÍA DAS LETRAS GALEGAS 2015
Dedicado a Xosé Filgueira Valverde


Bando da Reconquista 2015

XXXVI ANIVERSARIO DA CONSTITUCIÓN ESPAÑOLA
(2014)


DIA DE GALICIA 2014


Ver todos


Volver á portada

© Gabinete de Prensa - Concello de Vigo 2003