Man Xornal.vigo.orgXornal.vigo.org Concello de Vigo Contacto
Discurso
Subscribirse


 
mércores, 28 de marzo 2012

Imprimir | Enviar

BANDO RECONQUISTA 2012

Por Borja Oubiña (Xogador do Real Club Celta de Vigo)



Excelentísimo señor alcalde, autoridades, viguesas e vigueses,

A celebración da Reconquista simboliza a plasmación dos valores que definen a idiosincrasia desta cidade. Vigo é a suma das súas vontades, o resultado dunha sociedade civil que soubo cimentar a súa autonomía e crecemento exponencial sobre a base da constancia, a esixencia e a unión.

O 28 de marzo evoca a vitoria do colectivo sobre a individualidade. O pobo de Vigo elevou a súa ilusión sobre a razón e constatou ante o ata entón invencible exército napoleónico que non existen dificultades insalvables, senón retos apaixonantes; evidenciou que a historia se nutre de pequenos fitos que, axuntados, conforman lendas; rubricou que o futuro está por escribir e está nas nosas mans.

En 1809, Vigo converteuse na primeira cidade española que gañou a súa independencia permanente sobre as tropas napoleónicas, abrindo o camiño que adoptaron o resto de pobos e urbes de Galicia e España. Miles de vigueses e viguesas deron o máximo das súas posibilidades, deixando ao carón as súas diferenzas puntuais, en favor dunha causa común; e cando un o dá todo non está obrigado a máis. É a forza do equipo, a forza de toda a cidade, a que fai posible alcanzar as metas.


Bernardo González, quen naceu para a historia como "Cachamuíña", capitaneou aquel celebrado acontecemento histórico que nos fixo crer e nos transmitiu os valores do sacrificio e a superación como camiño común cara ao éxito. O seu exemplo de onte debe servirnos para calibrar hoxe as dificultades que volveremos sortear. Sen un indicio de conformismo, temos que esixirnos o máximo para recuperar o esplendor da cidade económica e industrial que somos, vencer e convencer a quen dubida de que a automoción viguesa será novamente líder en Europa, gañar a batalla que nos permita dotar de carga de traballo aos nosos estaleiros. Liderar e reconquistar o noso porvir con valentía e ilusión.

Este é a mensaxe que herdamos dos vigueses e viguesas de 1809, o que levamos impreso no noso carácter e esta é a aprendizaxe que legaremos ás futuras xeracións. Aprendemos que a sociedade engloba as nosas causas persoais, que a unión nos concede a capacidade necesaria para crecer, que o esforzo particular non ten sentido sen unha meta común. E iso ten un nome: solidariedade.

A solidariedade, por definición, significa a adhesión á empresa doutros. Hoxe en día, e ante as dificultades que temos que capear pola crise, a nosa causa é reconquistar o emprego e asegurar a cohesión social de todos os cidadáns. Necesitamos altura de miras e perspectiva, non debemos esquecer que non existe empresa competitiva sen traballadores cualificados. De nada servirá o traballo dun se o estado do benestar non suma enteiros.

É este un chamamento á nosa memoria colectiva como vigueses e viguesas. A que é hoxe a nosa batalla xa a libramos satisfactoriamente en numerosas ocasións ao longo da nosa centenaria historia. A bandeira de Vigo recolle a ilusión e o carácter dos seus cidadáns, forxados durante séculos, e reivindica hoxe a cultura do traballo que nos levou a ser primeira cidade de Galicia, a cultura crítica impulsora da roda do noso desenvolvemento, a cultura emprendedora que converteu a Vigo nun lugar inmellorable para vivir.



A incomparable luz de Vigo, que duplica a súa beleza grazas ao espello da súa ría, exerceu sempre de faro á cidadanía viguesa para orientarnos e guiarnos na nosa travesía, para transformar os imposibles en pasado. A luz, que coa súa ría fan a Vigo inigualable, foi orixe e testemuña da creatividade e a fortaleza deste pobo para reinventarse cando foi necesario, partindo da solidariedade e o esforzo común e arribando nos múltiples éxitos da nosa traxectoria como cidade. Isto simboliza para min a Reconquista.

Vigo, e todas as iniciativas que portan o seu nome, leva consigo os valores da Reconquista. Tamén o Real Club Celta de Vigo, emblema da cidade desde 1923, que se acha inmerso na reconquista da máxima categoría do fútbol español, o lugar que por historia lle corresponde; unha tarefa que afrontamos coa coraxe e ilusión coas que os vigueses encaramos e superamos, sempre unidos, os maiores retos.

Esta é unha das pequenas contendas que Vigo libra cada día baixo o manto do seu carácter e historia, desde logo non a máis transcendente, pero si unha que ofrece esperanza e suma optimismo á cidade. O Celta é un dos grandes embaixadores da cidade no exterior e o seu retorno á cima suporá máis visibilidade, nome e presenza viguesa.


A Reconquista infundiunos o carácter necesario aos vigueses e viguesas para que unha urbe eminentemente obreira como a nosa incorporase o deporte, a educación, a cultura e os servizos imprescindibles para o século XXI, onde a calidade de vida impera. Vigo está levantándose e superará estes tempos difíciles porque a solidariedade, o esforzo e o orgullo de cidade figura por encima de todo: os homes e mulleres de 1809 así o deixaron escrito no noso ADN.

Viva Vigo!


Outros discursos
Discurso do Alcalde Reconquista 2018

Bando Reconquista 2018

Bando Día da Constitución

Discurso do alcalde de Vigo
Día da Constitución 2017


Bando Día de Galicia

DIA DE GALICIA en VIGO


Ver todos


Volver á portada

© Gabinete de Prensa - Concello de Vigo 2003