Man Xornal.vigo.orgXornal.vigo.org Concello de Vigo Contacto
Discurso
Subscribirse


 
venres, 22 de xullo 2011

Imprimir | Enviar

Día de Galicia 2011

Por Abel Caballero (Alcalde de Vigo)



Galicia vive en Vigo. Hoxe, día de Galicia en Vigo, as mulleres e os homes de Vigo queremos rendir homenaxe a Galicia, Nai e Señora. Hoxe, as ondas do mar de Vigo, desde Martín Códax a Mendiño resbalan sobre a ría ante a mirada complacente dos moradores da cidade que saúdan á súa terra. Hoxe, Vigo nestes xardíns do parque de Castrelos se acrisola con todas as terras de Galicia desde o Mondoñedo de Cunqueiro ata o Rianxo de Castelao, a Pontevedra de Alexandre Bóveda, o Ourense de Curros Enríquez ou a praza do obradoiro do pórtico do Mestre Mateo. Hoxe, todas e todos os vigueses somos Galicia.

Autoridades, miñas donas e meus señores. Permítanme que as miñas primeiras verbas sexan para darlles a benvida a esta celebración. E para mostrar o meu personal e inmedible agradecemento a esta cidade por haberme confiado un segundo mandato consecutivo na Alcaldía. O gran orgullo de repetir mandato como alcalde da miña cidade é a maior honra política que nunca podería haber pensado.

É un sincero pracer para mín poder compartir un ano máis a celebración do Día de Galicia con todos vós, posiblemente no ano máis especial da miña vida profesional.

Ser alcalde desta cidade é o máximo honor ó que un político vigués pode aspirar. E por iso comprométome a volcar toda a miña ilusión, tesón e empeño en desenvolver o proxecto de cidade e non defraudar a confianza vertida en nós. Vigo debe continuar a súa andadura xalonada ano tras ano por este encontro colectivo, na procura dun proxecto máis social, máis igualitario, máis moderno e austero, no que os valores éticos do progreso e da solidariedade sigan asentando as súas raíces na nosa cidade.

Europa enteira, todo o mundo occidental, está a atravesar os procelosos mares da inestabilidade e incertidume económica. A crise internacional é máis profunda e persistente do que ningún experto acertara a adiviñar. Vivimos unha tormenta financeira dunha magnitude tal que a súa superación require dun esforzo conxunto igualmente magno. Porque a recuperación do empego débese convertir nunha meta irrenunciable. Porque milleiros de compatriotas vigueses amanecen na desesperanza e na desolación. Porque unha sociedade que se aprecie a si mesma debe e ten que lanzar os seus aparellos sen parar ata que o emprego volte aos nosos sectores productivos. Debe esforzarse ata que a sociedade comece a sorrir polas consecucións de empregos.

En Vigo, afrontamos o temporal coa confianza que nos outorga ter superado anteriormente momentos de gran complexidade; a experiencia, a formación e a capacidade nos conceden os coñecementos e a fortaleza necesaria para levar o barco, firme e estable, a bo porto. E aínda que a tarefa será dura e difícil, non nos vamos a desalentar.

A nosa historia ensinóunos que a unión no traballo é a clave do éxito na travesía. E nadie debe escatimar esforzo algún para sair desta crise unidos, con austeridade, con rumbo firme e na búsqueda do traballo para todos como bandeira.

Cremos no acordo e o consenso para conseguir estes obxectivos. Cremos na marcha conxunta da cidade como única vía para solventar a crise. Entedemos a unión como a mellor solución, porque a crise é responsabilidade de todos e todos temos que aunar esforzos para resolvela.

E todas as institucións e entidades, ben públicas ben privadas, deben unirse no logro común, mostrar¡ a man tendida para ofrecer xenerosidade e antepoñer os logros comúns aos intereses particulares, por moi lexítimos que estes sexan. E nós seres os primeiros en poñer a Vigo o primeiro, por diante de calquera outro interese, seremos os primeiros en ofrecer acordo, en buscar pactos e en non desmaiar na búsqueda da saída da crise.

Son tempos de economía, de emprego, de industria. Son momentos de emprender as batallas precisas para crear producto, para defender ós sectores estratéxicos da economía de Vigo. Porque Vigo é un referente industrial e innovador. E agora é aínda máis preciso refrendalo e revalidalo. Primeiro, dous anos atrás, foi o automóbil, ata atopar un horizonte ao que temos que dirixirnos. Despois foi a defensa do referente financeiro vigués e agora é a defensa do naval.

O sector naval forma parte do ADN vigués. O crecemento demográfico e económico desta cidade non pode comprenderse sen a industria naval; forma parte da cultura e da tradición dos vigueses; e forma parte inexcusable do noso futuro. O naval é riqueza, é emprego; o naval é irrenunciable porque é o mesmo Vigo. E hoxe queremos unir as nosas voces nesta celebración do día de Galicia para que se escoite en todo o vello continente a nosa lexítima esixencia de continuar a fabricación de buques. Porque sabemos facelos, porque sabemos como facelos e porque sabemos para que facelos. E non aceptaremos mansamente os artificios que pretendan segar a nosa capacidade constructora.

O naval ven singularizar o potencial económico e industrial dun Vigo do comercio e da pesca, dos servizos e da automoción: un Vigo que fala en termos de economía e competitividade en todo o mundo.

Estas son as batallas que hoxe nos toca librar, as batallas contra os elementos que temos que gañar co carácter que nos define como vigueses. Porque queremos e vamos conseguir sair reforzados desta dura crise.

E estamos no momento de decidir qué Vigo queremos. E defendemos o Vigo da economía e do emprego, apostamos polo Vigo moderno que ocupe o seu lugar na Galicia do século vinteún.

Apostamos polo Vigo fermoso y igualitario. Un Vigo humano, con rúas humanizadas para o disfrute das persoas, con zonas verdes e parques para os máis pequenos e os maiores. Un Vigo debuxado cos pinceis da cultura e do deporte, iluminado polas cores da modernidade e do benestar.

Así imaxinamos o Vigo presente e futuro, impulsado polo tesón e a capacidade que emana da unión da cidadanía viguesa, empeñada en construir o noso propio camiño para refrendarnos como unha cidade europea de referencia.

E neste Día de Galicia, que a todos nos une e nos representa, que a todos nos emociona e nos fai partícipes desta terra, é preciso recordar o papel que quere e debe xogar a nosa cidade na Galicia de hoxe e de mañá.

Vigo quere ser protagonista neste novo capítulo de Galicia. Desde Vigo ofertamos diálogo e cooperación a todas aquelas voces, entidades e institucións que percorran con nós a senda da Galicia do novo século.

Porque queremos completar o camiño da modernidade da man de todos, tendo en conta que Galicia non progresará de costas a Vigo.

Porque co paso do tempo, unha realidade administrativa de Galicia ficou superada e é chegado o momento de entender o novo escenario que afrontamos no século XXI da globalización, da gran Unión Europea. É chegado o momento de remarcar o papel que Vigo debe desempeñar.

Galicia debe desterrar un modelo territorial decimonónico anclado no norte e ignorante do sur. Galicia debe articular o seu futuro sobre as grandes cidades, impulsoras do crecemento, e debe permitir que Vigo atope o seu espacio vital para desenvolver as nosas propias capacidades. Galicia seguirá a súa senda no século XXI cando Vigo non vexa cercenado o seu dinamismo e as súas potencialidades.

A senda do éxito de Galicia neste novo modelo que impón a propia realidade social, demográfica e económica do mundo da post/crise, pasa necesariamente polo refrendo da importancia da nosa cidade e da súa economía.

Porque Vigo non é un verso libre, é o tronco común de Galicia. E o tronco común require de seguir enraizando e afirmando as súas bases. Economía, industria, servicios, AVE, novas autovías, aeroporto, liñas aéreas internacionais, o porto, a ponte de Rande, depuradora, a base financeira do novo banco das caixas, area metropolitana operativa, recibir os investimentos que se acrediten na nosa contribución impositiva e económica...

E con este obxectivo debemos abrir unha nova etapa, un novo estadio que se ancle nunha sincera oferta de cooperación a todas as administracións públicas. Desde a lealdade e o respeto mutuo.

Unha colaboración que se encamiñe a que Galicia amplíe o seu espectro de obxectivos, axuste o seu rumbo e comprenda finalmente que a nova realidade xa non se encaixa en aquel superado modelo territorial e administrativo co que arrancamos hai agora trinta anos.

Unha oferta a todos aqueles que comprenden que un gran centro de gravidade de Galicia está asentado en Vigo; unha colaboración para todos os que comprenden que a loita é contra a tormenta, non unha reierta dentro do barco.

A celebración do Día de Galicia é o momento óptimo para tender a man a todos os axentes sociais, económicos, veciñais e políticos de Vigo, nestes ilustres xardíns do Pazo Museo Quiñones de León, onde durante anos invitamos e compartimos este marco festivo con persoeiros de todos os signos políticos, sociais e culturais. Porque a amplitude de miras, e o respeto a unha sociedade plural, está na base das nosas decisións. E hoxe quixemos que estivera Luis Espada, primeiro reitor da Universidade de Vigo, Valedor do Cidadá e presidente dos Vigueses Distinguidos. Gran loitador por Vigo, que simboliza a sociedade de este novo Vigo que desexamos nunha nova e máis aberta Galicia.

Queremos afrontar esta nova travesía co vento a favor, alzando a bandeira da solidariedade cos menos favorecidos, traballando por unha saída social da crise, unha saída social, quero repetir, da crise. Desde a maior xenerosidade no esforzo e maior austeridade no gasto.

A austeridade debe presidir e encamiñar a acción do Concello de Vigo. Unha austeridade real, con menor gasto en dedicacións dos membros do goberno, servindo de exemplo ao resto das cidades de Galicia e España.

Os tempos reclaman responsabilidade e austeridade na xestión, aforro no prescindible para reforzar o investimento produtivo, nos sectores económicos e o gasto social.

E quero desculparme ante vostedes porque é a primeira vez que suprímese o catering nesta celebración, pero estou convencido de que o supliremos coa cordialidade dos presentes e a fluidez dunha cálida conversa.

Os retos da Galicia do século vinteún teñen en Vigo boa parte das súas respostas. Coa convicción e o carácter de Vigo, Galicia avanzará.

Somos moitos os que así o entendemos. As nosas portas están abertas para a unión de todos, con humildade e con sinceridade; por Vigo, por Galicia.
¡Viva Vigo!
¡Viva Galicia!


Outros discursos
Día da Constitución Española

DISCURSO GALA VIGUESES DISTINGUIDOS 2015

DÍA DAS LETRAS GALEGAS 2015
Dedicado a Xosé Filgueira Valverde


Bando da Reconquista 2015

XXXVI ANIVERSARIO DA CONSTITUCIÓN ESPAÑOLA
(2014)


DIA DE GALICIA 2014


Ver todos


Volver á portada

© Gabinete de Prensa - Concello de Vigo 2003