Man Xornal.vigo.orgXornal.vigo.org Concello de Vigo Contacto
Discurso
Subscribirse


 
luns, 28 de marzo 2011

Imprimir | Enviar



Bando Día da Reconquista 2011

Por Carlos Mouriño (Director Real Clube Celta de Vigo)





Boas tardes viguesas e vigueses, boas tardes amigos e amigas.

Vivimos nunha cidade plasmada de actos heroicos. Moitos deles recoñecidos, plasmados en placas e estatuas, xacentes en libros e museos, e outros moitos anónimos, descoñecidos, pero igual de meritorios e valiosos.

Heroicos, Heroica, foi a loita pola liberdade que se librou hai máis de dous séculos e que hoxe conmemoramos. Esa loita dunha cidade e da súa veciñanza contra un poderoso invasor que acabou cun triunfo do pobo que nos enche de orgullo. E desta importancia, inmensa, radica o que nos permitiu elixir o que queriamos ser.

Pero heroica é tamén a loita coa mar que esta cidade librou desde o seu mesmo nacemento e que, moldeada polo carácter emprendedor das súas xentes, é hoxe un fértil diálogo entre aliados: Vigo e o mar.

E heroicas foron as incertas andainas desde os nosos peiraos de centos de vigueses que buscaban, moi lonxe da súa terra, unha vida mellor para as súas familias. Heroico é, en definitiva, o empeño, a determinación dunha cidadanía que aprendeu desde hai dous séculos a mirar cara a adiante, a non renderse, a loitar e a crear.

Son moitas as referencias, os exemplos, que as e os vigueses puideron seguir ao longo da súa historia. Permítanme que lles lembre un, inesquecible para todas as persoas que amamos esta cidade e a un dos seus grandes símbolos, o Real Club Celta de Vigo. Cachamuíña antepuxo a liberdade á súa propia vida, que a punto estivo de perder cando tomou a machada do caido Carolo na Porta de Gamboa. Joaquín Fernández Santomé, Quinocho, perdeu a súa porque o seu corazón celeste lle levou a defender o seu club ata as últimas consecuencias, máis aló do esixible.

Quinocho é xa unha lenda indeleble nesta cidade porque no seu gran corazón reunía todas e cada unha das calidades que recolle a lema de Vigo: fidelidade, lealdade e valor.

Estas calidades impediron que as adversidades, os contratempos, dobregasen a esta cidade, en aparencia dispersa, inconexa, pero que cando resulta ferida mostra en todo o seu esplendor a forza da unidade. Os vigueses e viguesas unen as súas mans cando a cidade os require, e xuntos, sen fisuras nin egoísmos, avanzan. As nosas rúas sábeno, elas notaron o peso desta cidadanía en moitas ocasións. E o resoar deses pasos, o eco das voces, chegan sempre ao seu destino.

E volvo á historia do Celta, xa que o seu nacemento é mostra e exemplo de empeño e unión. Manuel de Castro, Hándicap e Juan Baliño Ledo propugnaron a fusión do Vigo e a Fortuna, loitaron contra as adversidades, os individualismos e buscaron o mellor para a cidade, un gran club que nos representase en Galicia, España e en Europa. O Celta naceu como símbolo de unión, un valor que fomentou ao longo da súa vida.

Moitas xeracións de afeccionados, moitas celebracións multitudinarias, pero tamén moitas tardes de pesar e sufrimento. Unidos nos festexos, e máis aínda na dor. Unha unión inquebrantable que non se entendería sen a que propiciou e determinou a orixe deste club, e máis aló, a orixe desta cidade.

Orgullosos sentímonos todos os vigueses e viguesas dos nosos heroes da reconquista, que derramaron o seu sangue para darnos a liberdade. E orgullosos temos que sentirnos desoutros heroes que co seu traballo e sacrificio levantaron unha cidade viva, dinámica, rica, pero tamén aberta, solidaria, humana, unha cidade para todos e todas.

Moitos e moitas daqueles heroes que expulsaron as forzas napoleónicas non eran vigueses de nacemento, pero si de corazón. Esa é unha das grandes virtudes desta cidade, a súa capacidade para aniñar na alma dos que chegan.

Vigo foi creando os seus acenos de identidade sempre como unha urbe solidaria e aberta, que acollía a xentes emprendedoras chegadas de moitos lugares, que lles daba a todos a oportunidade de establecerse e prosperar. A cidade soubo dar e recibiu, creou unha puxante industria que marcou o seu crecemento e a súa personalidade.

Vigo é unha cidade de acollida, que se enrosca no corazón dos seus visitantes cunha forza inusitada. Quizais sexa pola súa peculiar orografía, a súa particular paisaxe, o perfil das súas naves e edificios ou simplemente o carácter da súa cidadanía, animosa, activa, inqueda e amable.

A nosa tarefa, a de todos e todas nós, é seguir mellorando esta cidade. O mellor tributo que podemos renderlles a aquelas persoas que loitaron pola liberdade é avanzar sen descanso para crear unha cidade máis viva, próspera e humana. Vigo crece tan rápido que apenas dá tempo a moldeala, pero iso é o que a fai distinta, única. Cambia a súa maquillaxe cada día, pero mantén a súa mirada, amable, optimista e sempre directa. Vigo mira aos ollos de quen chega. E conquístao.

Viva Vigo!


Outros discursos
Día da Constitución Española

DISCURSO GALA VIGUESES DISTINGUIDOS 2015

DÍA DAS LETRAS GALEGAS 2015
Dedicado a Xosé Filgueira Valverde


Bando da Reconquista 2015

XXXVI ANIVERSARIO DA CONSTITUCIÓN ESPAÑOLA
(2014)


DIA DE GALICIA 2014


Ver todos


Volver á portada

© Gabinete de Prensa - Concello de Vigo 2003