Man Xornal.vigo.orgXornal.vigo.org Concello de Vigo Contacto
Discurso
Subscribirse


 
venres, 25 de marzo 2011

Imprimir | Enviar


Discurso da gala Vigueses Distinguidos con motivo do Día da Reconquista 2011

Por Abel Caballero Álvarez (Alcalde de Vigo)




O orgullo, a ilusión e o carácter moveron esta cidade desde os seus albores como pequena vila de mar. Eses foron tamén os valores do Vigo da Reconquista, aquel pobo empeñado en continuar coa súa andadura independente, sen imposicións; o primeiro pobo de España que botou ó exército napoleónico, e de ahí ser recoñecidos como Cidade.

O orgullo, a ilusión e o carácter das xentes de Vigo nos dous últimos séculos levaron á cidade a encabezar Galicia, en economía, na industria, en emprego no peso financeiro, e mesmo en poboación. Vigo, nacida cara aos océanos, pronto convertiuse na cidade de acollida de mulleres e homes chegados de tódolos lugares da rosa dos ventos de galicia. E dende ahí có traballo de todos, exportando a todo o mundo, e sendo cidade da innovación e do talento.

O orgullo, a ilusión e o carácter marcaron durante décadas o rumbo de Vigo para escoller o seu futuro, que resultou ser unha historia fructífera, un presente vivo do que nos enorgullece e un futuro apaixoante que construiremos entre todos.

Os logros, a nosa fortaleza como cidade da economía e dos servizos, nos sitúa nunha favorable posición para debuxar o Vigo do século XXI, o Vigo da cultura, do deporte, dos barrios e das parroquias, da solidariedade, do benestar, da creación artística. O Vigo das luces.

E ese futuro pasa por superar o reto inmediato que nos plantexa a crise profunda, que feriu a economía e as persoas. E é agora cando debemos volver a sacar todo o noso orgullo, a nosa ilusión e, sobre todo, a forza. Detrás a experiencia señala a senda.
A crise supérase partindo da forza de cada un e da forza conxunta de toda a cidade, a fortaleza que nos concede a nosa historia como cidade libre e emprendedora.

O futuro inmediato de Vigo atópase na nosa unión. Debemos aunar esforzos e entablar alianzas que nos permitan camiñar xuntos, dando pasos firmes cara ó emprego, á atención social, á economía, á industria, ó benestar. Son tempos de sumar e de crear, non de destruír, e de restar.

Así cimentou Vigo o seu liderazgo ó longo das décadas e así debe asentar as bases para a saída da crise, para a consolidación do futuro prometedor que encaramos.

O orgullo é a nosa carta de presentación ante a crise e ante o futuro, a ilusión é a nosa enerxía, e o carácter, o noso aval.
Coñecemos a nosa exitosa historia de autonomía e independencia, definida polo empeño dos vigueses e das viguesas. Hoxe máis que nunca é vital rescatar estes valores e tirar da nosa economía hacia adiante. Sabemos facelo. Xa o fixemos.

E neste traxecto está o Vigo de 2011, un Vigo fermoso, máis humano e sostible, máis verde e plural, máis social e solidario.

Esta transformación tamén impulsa a economía, xerando emprego, apostando polos nosos sectores económicos estratéxicos, facendo cidade para os que aquí vivimos e para os que nos visitan.
Porque agora, os emprendedores e as empresas amosan esta nova cidade aos seus clientes; e os cidadáns estamos orgullosos de amosala aos nosos familiares e aos visitantes.

Este gran cambio da cidade nos últimos anos só foi posible pola acción e a convicción dos vigueses e das viguesas, polo seu tesón e pola súa unión, pola coraxe e paixón que demostrades cada día.

Eses son os mimbres que temos que empregar para recuperar a nosa economía, para crear emprego, para aferrarnos ao futuro que decidamos.

Cada persoa no paro, cada traballador e traballadora, cada autónomo, cada comercio, cada pequena, mediana ou gran empresa, é unha chamada ao orgullo, a ilusión e ao carácter para seguir facendo camiño ao andar. Con sacrificio pero sen caer no desánimo, facendo economía, facendo Vigo. Así está e estará descrito nas páxinas da historia.

Froito desta conciencia común naceron, fai máis de vinte anos, as distincións aos Vigueses Distinguidos, persoas e institucións que traballaron a prol da cidade, encarnando os valores históricos de Vigo en toda a súa dimensión, cidadáns que son exemplo para todos e todas.
Desde 1988, tal e como reza o texto, o Vigués Distinguido é "sobresaínte ao longo das súas vidas polas virtudes urbanas ou polo seu quefacer profesional". Por entón, a Medalla da Cidade foi concedida á familia de Francisco Fernández del Riego, gran benefactor de Vigo e Galicia, virtuoso exemplo no persoal e no profesional, que faleceu recentemente.

Hoxe, en 2011, temos o privilexio de distinguir coa Medalla da Cidade á Federación de Comercio de Vigo, entidade que reúne a preto dun milleiro de pequenos e medianos comercios que impulsan có seu esforzo a cidade de servizos.

É de recoñecer o sacrificio e a ilusión destes emprendedores para adaptarse aos tempos, capear a crise e seguir xerando actividade económica e postos de traballo.

Enmarcados en Fecovi, as asociacións de Travesas, Bouzas, Teis e Calvario, o sector ten visibilidade, atención e protección ás súas necesidades, e iniciativas e proxectos para mellorar o negocio e o servizo que ofrecen aos veciños e veciñas. A través da Federación de Comercio de Vigo, Medalla da Cidade 2011, os comerciantes afrontan con nobleza e viguismo a atención a cada cliente, a cada persoa. Ahí si que importan as persoas.

O Club Maniotas, Vigués Distinguido en 2011, leva 25 anos formando á elite galega e española de ximnastas, cunha decidida aposta polo deporte de base vigués. Centos de nenas e xóvenes aprenderon e aprenden alí os valores da deportividade, da constancia e o necesario esforzo para acadar os retos que se propoñan.

A Agrupación de Centros Deportivos e Culturais, Vigués Distinguido en 2011, suma a forza de cada un para o colectivo, aunando aos federados. Cultura, ocio e deporte danse cita en Vigo a través da Agrupación, que os aglutina e difunde en favor dos vigueses e das viguesas.

O Banco de Alimentos de Vigo, Vigués Distinguido en 2011, encarna a solidariedade e xenerosidade da cidadanía viguesa. Cubre necesidades básicas daqueles que o necesitan. O fan realidade, voluntarios e voluntarias sen máis material que o seu tempo nin máis recursos que a súa ilusión por construír un Vigo mellor e máis igualitario.

Cipriano Jiménez Casas, Vigués Distinguido 2011, ofrece a súa formación, coñecementos e profesión á disposición da cidadanía viguesa. Jiménez da voz ao sector da psiquiatría e amplifica as demandas dos que máis o precisan, hoxe presidindo Autismo Galicia, pero moito antes en diversas institucións relacionadas cós máis necesitados; e sempre coa solidariedade, paixón e constancia inquebrantables.

A Asociación de Directores de Colexios Públicos de Vigo, Vigués Distinguido en 2011, congrega aos responsables na cidade dun dos símbolos do noso estado do benestar: a educación pública, a educación de todos. Os directores/as públicos velan pola igualdade que entraña unha educación de calidade, pública, gratuíta, que defende con firmeza o público, para que tódolos nenos/as afronten a autorrealización persoal e a inserción laboral coas garantías dunha ensinanza de calidade e igualitaria.

A Plataforma en Defensa da Sanidade Pública en Vigo, Vigués Distinguido en 2011, leva anos loitando por un gran pilar do benestar: a sanidade pública e de calidade para todos. Colectivos sanitarios, veciñais ou de consumidores uníronse para que a asistencia sanitaria de Vigo sexa de calidade, pública e cós estandars sanitarios que a cidade demanda, permaneza intacta a súa universalidade e para que a saúde, só entenda de persoas e non de outras razóns.

A Unión Musical de Valadares, Vigués Distinguido en 2011, leva máis de 100 anos achegando a música á cidadanía, levándoa ás rúas, ás prazas, ás persoas de Vigo.
A banda perpetúa e enriquece a cultura musical viguesa, é un grande signo de identidade, e difúndea máis aló das nosas fronteiras. A súa ilusión e bo facer durante décadas levoulles a ser merecedores do Premio Nacional de Bandas de Música de 2010. Realidade de talento e de dirección.

Os Vigueses Distinguidos son exemplos vivos da fortaleza e de carácter, a forza do individuo e da colectividade, o poder de definir a senda, e de percorrela.

Todos eles recollen o legado das máis dun centear de persoas, colectivos e entidades que, desde fai décadas, foron merecedoras dunhas distincións coas que a cidade quere homenaxear traxectorias persoais e profesionais que teñen a Vigo como denominador común.
Un Vigo diverso e capaz, un Vigo global e internacionalizado, un Vigo da economía e da calidade de vida, un Vigo de solidariedade.

Un Vigo que, como os seus cidadáns, ten diversidade de paisaxes e infinitas posibilidades. O Vigo da economía produce cultura e deporte, o Vigo do comercio propaga innovación e valor engadido, o Vigo dos idiomas fala de automóbiles e barcos, o Vigo da industria fabrica turismo e sostenibilidade; o Vigo verde de hoxe ofrécenos unha paisaxe de traballo, esforzo e ilusión. O Vigo laborioso enraiza a cultura.
Dende os albores do pobo vigués ata a actualidade, esta paisaxe nos sinala como unha cidade, con capacidade para superar dificultades, embarcada na travesía cara un futuro mellor, máis próspero e igualitario.

Precisamos do máximo esforzo individual e colectivo de todo Vigo para seguir avanzando. Temos sentadas as bases para superar o bache da crise e progresar na boa dirección, para saír fortalecidos.

Reclamamos hoxe dos vigueses e das viguesas aquelo que nos convertíu nunha gran cidade: o orgullo que nos levou a escribir algunhas das mellores páxinas da historia, a ilusión coa que emprendemos todos os retos e esperanzas, e o carácter que nos garantiu alcanzar as nosas metas.


Outros discursos
Día da Constitución Española

DISCURSO GALA VIGUESES DISTINGUIDOS 2015

DÍA DAS LETRAS GALEGAS 2015
Dedicado a Xosé Filgueira Valverde


Bando da Reconquista 2015

XXXVI ANIVERSARIO DA CONSTITUCIÓN ESPAÑOLA
(2014)


DIA DE GALICIA 2014


Ver todos


Volver á portada

© Gabinete de Prensa - Concello de Vigo 2003