Man Xornal.vigo.orgXornal.vigo.org Concello de Vigo Contacto
Discurso
Subscribirse


 
mércores, 27 de outubro 2010

Imprimir | Enviar

Discurso do alcalde polo Bicentenario da Cidade de Vigo

Por Abel Caballero (Alcalde de Vigo)

200 anos de cidade, 200 anos de camiño, 200 anos de estelas na mar. Hoxe Vigo cumple 200 anos. Fai 200 anos o Rei Fernando VII concedía a Vigo o título de Cidade Fiel, Leal e Valorosa. Era o recoñecemento á coraxe, a valentía a o caracter das vigueses e viguesas. Aqueles que foron quen de converter a Vigo na primeira poboación de España en liberarse das tropas napoleónicas.

Neste ano 2010, a carón do noso Bicentenario lembramos que nalgún lugar de España celebrábase enton tamen a primeira sesión democrática dun parlamento, e que os pobos amigos, Arxentina, Chile, Venezuela, México e Colombia, acadaban a súa independencia, sumandose a Ecuador e Bolivia, países amigos que iniciaban a súa nova senda. Hoxe todos seguimos camiñando xuntos.

Foi aquela, 1810, unha data que marcou un novo rumbo no compás da historia viguesa. Aqueles albores de prosperidade transformáronse nesta realidade de gran cidade.

A actual puxanza económica, industrial e comercial viguesa ten tras de si, baixo a historia das súas rúas, o Vicus romano, as non moi coñecidas e incipientes relacións marítimas posteriores ao medievo, asentandose fondamente coa apertura comercial con América, a mediados do século XVIII.

E todo se apresuraba coa revolución económica que supuxo a chegada da industria catalá do salazón.

Foron 200 anos que balizaron con luces de destellos o salto de xigante que deu esta cidade. O camiño a Madrid, o remate da Concatedral e o Banco de España, na metade do século XIX, apuntalan a cidade.

As liñas marítimas periódicas con Cuba, Arxentina e Porto Rico, as ampliacións das instalacións portuarias e a inauguración da liña férrea Vigo-Ourense en 1881 seguen a marcar o rumbo; pero foi no século XX, e co apoio da Caixa de Aforros de Vigo, nacida en 1880, cando Vigo profundiza no seu potencial industrial e comercial vencellado ao mar, engadido á tradicional fortaleza pesqueira.

A cidade suma o tranvía e o novo aeroporto as súas comunicacións, mellora as infraestruturas viarias e ferroviarias, e Vigo asiste á implantación da factoría de PSA Peugeot Citroën nos terreos da Zona Franca de Vigo.

A segunda metade do século vinte supuxo o gran salto demográfico e económico da cidade, consolidándose como a máis poboada de Galicia, pero tamen continúa o seu percorrido ascendente como urbe económica e exportadora. O automóbil o naval, a conserva e a pesca afondan as súas raíces e fondean con sabiduria.
A capacidade do naval para reconvertirse, superar a crise e rexurdir con renovadas forzas ata chegar a liderar ao país neste sector, e a creación da Universidade de Vigo da man de Caixanova, seguen a marcar a senda da cidade.

Pero a forza que permitiu á cidade de Vigo percorrer este camiño atópase nos seus moradores, nas viguesas e nos vigueses de entón, de hoxe e de mañán.

Porque esta cidade é moito máis que dinamismo económico e empresarial; é servizos, é deporte, é cultura, é vida. E sempre grazas ao impulso dos vigueses.
Nomes de vigueses ilustres e emprendedores fixeron desta cidade a urbe actual.

E botando a vista atrás divisamos nomes imprescindibles, Álvaro Cunqueiro e Laxeiro, referenciais no arte galego; Celso Emilio Ferreiro e Concepción Areal, faros da cultura en Galicia; Heraclio Botana ou Martínez Garrido, políticos loitadores pola liberdade executados no franquismo.

García Barbón e Policarpo Sanz, benefactores da nosa cidade. Sanjurjo Badía e Ricardo Mella emprendedores que deron pulso a súa marcha.
Estes nomes só son un verso daquel poema de homes e mulleres que acuñaron os valores que encarna toda a cidade: a solidariedade, a constancia e a creatividade.

E para emprender a traxectoria de Vigo xorden numerosas entidades que desempeñaron e desempeñan un papel clave na configuración do Vigo heteroxéneo do século XXI, institucións que teñen boa parte do futuro da cidade que queremos nas súas mans.

Vigo pivota sobre un eixo vertebrador do noso territorio, un baluarte impulsor dos proxectos emprendedores da cidade, un brazo financeiro: a caixa de Aforros de Vigo, que creceu para ser a de todo o sur de Galicia con Caixanova e continúa medrando para ser, dende Vigo, a caixa de toda Galicia.

Nos Medios de comunicación da cidade temos outro dos piares do Vigo moderno. A información, que simbolizo en particular no Faro de Vigo fundado en 1853 o taller tipográfico de Don Ángel de Lema y Marina na rúa Oliva. Decano da prensa nacional por méritos propios, aportou ao crecemento urbano a independencia e capacidade crítica, e foi sempre firme defensor da autonomía viguesa para elixir o seu propio destino.

Unha defensa dos intereses da cidade, na que dende 1934 se viu acompañado dunha entón modesta radio, Radio Vigo, que hoxe se ten convertido nun auténtico Grupo de Comunicación ofrecendo a maior oferta radiofónica do sur de Galicia.

No deporte, a cidade de Vigo ten o seu emblema no Celta de Vigo, un dos exemplos que caracterizan o carácter loitador dos vigueses.

Un equipo que, sen as fortunas dos grandes clubes, foi capaz de consolidarse como símbolo de Vigo. Un eixo vertebrador de sensaciónes e emociónes.

Canteira do deporte local, o Celta estuvo aberto aos rapaces e rapazas da cidade, que ven no deporte unha manifestación vital.

E ao seu carón, distintas disciplinas deportivas, balonmano, basquet, ximnasia, e un longo etcétera, que involucran a todo o noso entorno nun impulso común e solidario digno dos máis laudeados apoios.

E Vigo é unha auténtica porta aberta ó Atlántico, unha cidade que se explica en torno ao mar e que, da man da vocación mariñeira dos nosos cidadáns, permite sinalar con orgullo ao Porto de Vigo como un factor clave da nosa cidade.
Vigo respira polo Porto e nel encádranse grande parte das nosas potencialidades.

E o seu corazón, os asteleiros. O sector naval, un dos elementos claves da cidade, pulmón da industria, cunha fonda capacidade para remontar as dificultades ao longo da historia. De aquí, unha peza do caracter dos vigueses e viguesas.

E esa capacidade de adaptación e o seu liderado no coñecemento dos buques son a garantía de éxito que o levará de novo a superar as dificultades actuais.

A pesca é unha marca imprescindible da nosa cidade. A capacidade pesqueira de Vigo, representada nos esforzos da Cooperativa de Armadores de Vigo, é un referente mundial en capturas, en capacidade de xerar emprego e desenvolver novos de sistemas de pesca e acuicultura, e no respecto ao medioambiente. O amor a mar.

Falar de pesca en Vigo é falar do mesmo Vigo, é falar dos homes e as mulleres que gañaron co seu traballo o prestixio que hoxe temos no resto do mundo.

PSA Peugeot Citröen foi un impulso capital na nosa cidade. O principal motor de Vigo. Aquela decisión pioneira e atrevida, alá pola década dos anos sesenta, de montar o seu primeiro taller nos almacens da Aduana en Montero Ríos, foi devolta con coraxe pola nosa cidade. E asi PSA-Citroen Vigo é actualmente unha das mellores factorías do mundo.

A Zona Franca é un dos eixos principais do desenvolvemento estrutural da cidade. Dende a súa fundación na segunda década do século vinte, participou directamente na mellora constante das nosas infraestruturas.

Ao seu apoio á creación de emprego e ao establecemento e consolidación de empresas, temos que sumar a complicidade que todos os seus Delegados tiveron no impulso e mellora constante da súa relación coa cidade.
E a Universidade. Unha universidade xoven que foi capaz de dinamizar e consolidar os seus diferentes campus ata convertirse nunha das apostas fundamentais na triple hélice local.

A Universidade de Vigo é hoxe en día un impresionante espazo de coñecemento, ensino e desenvolvemento tecnolóxico das distintas áreas da sociedade moderna.

O Campus de Excelencia Internacional ven a ratificar unha traxectoria chea de méritos propios, que abre as portas da nosa Universidade para ser un espazo competitivo e fortemente activo no entorno global, e para garantir futuros éxitos do coñecemento e desenvolvemento da nosa cidade.

A todos eles debemoslles gran parte da nosa historia. Dos seus esforzos aprendimos a encarar as dificultades e a superalas para lograr o desenvolvemento da nosa cidade. Pero neste tempo Vigo foi tamén capaz de crear o seu mundo de servicios, de atención os visitantes, de magníficos aloxamentos, de espazos comerciais, de covertirse en unha cidade acolledora

Estes recoñecementos son aos que os reciben, pero tamen a os cidadáns de Vigo que cada día constrúen co seu esforzo anónimo a nosa cidade.
Porque por enriba das institucións, por enriba de todo están as persoas. Todolos viguesas e vigueses. Todos e cada un. Tantas mulleres e tantos homes que co seu traballo, anónimo a maior parte das veces, recoñecido noutras, ao longo de dous séculos foron facendo Vigo. Nacidos aquí ou chegados de tantos lugares de Galicia, foron forxando a súa familia e a súa cidade, foron ergendo cada barrio e cada parroquia.

Foron construindo conserveiras co esforzo das mulleres e o cheiro da pesca recollida na ría. Foron tornando os ferros que se resistían a ser trasformados en navío. Foron fabricando os automóbiles descendentes dos carros das parroquias... en douscentos anos. En só douscentos anos fumos marcando o cuño do noso carácter, cidade fabril, laboriosa... corazón da economía, lugar de encontro da rosa dos ventos.

E instalámonos na globalización, no mundo, nos cinco continentes, en todos os mares e oceanos. E tendimos a man a todos os irmáns de Galicia, nai e señora, dende o impulso, o avance, a tradición e a modernidade, o respecto ancestral e as novas tecnoloxías, e seguimos coa man tendida, porque nós somos como toda Galicia.

O mar, o campo, a costa e as montañas, o urbano e o rural, as fábricas e os xardíns. O carácter, a independencia, o indómito e a educación e a cercanía. Hai 100 anos a cidade falaba de Morillo, de Reconquista.

Hoxe no Bicentenario, falamos de universalidade, de cultura, de amigos en todo o mundo. Porque Vigo estase a atopar a si mesmo, porque nos sentimos orgullos do que somos. E codo con codo, todos xuntos, somos máis que nós. Todos xuntos, codo con codo, no Bicentenario, somos un gran pobo, unha grande cidade.

E hoxe, douscentos anos despois, plantamos unha árbore de Vigo coas parroquias e os lugares da cidade mirando ao ceo, cunha torre de defensa que só sabe de paz, de querencia á natureza, de cultura, de pobo, de alegria, de cidade, de música, de baile, de luz, de sal e auga. Porque este é o Vigo dos escritores, dos pintores, da música, da danza, do ensino, dos traballadores e dos emprendedores, das fabricas e dos parques, de multiples linguas, da sua propia autoidentificación.

Encontro de culturas, lugar de unión de xóvenes e maiores, este é o Vigo do olivo do Bicentenario, este é o Vigo de Martin Codax, Cunqueiro, Celso Emilio Ferreiro, este é o Vigo que mira ao seu arredor e se sente querido e respectado, é o Vigo que queremos, facendo camiño e estelas na mar.

Ondas do mar de Vigo,
se vistes meu amigo?
E ai Deus! se verra cedo?
Noraboa a todos.


Outros discursos
Día da Constitución Española

DISCURSO GALA VIGUESES DISTINGUIDOS 2015

DÍA DAS LETRAS GALEGAS 2015
Dedicado a Xosé Filgueira Valverde


Bando da Reconquista 2015

XXXVI ANIVERSARIO DA CONSTITUCIÓN ESPAÑOLA
(2014)


DIA DE GALICIA 2014


Ver todos


Volver á portada

© Gabinete de Prensa - Concello de Vigo 2003