Man Xornal.vigo.orgXornal.vigo.org Concello de Vigo Contacto
Discurso
Subscribirse


 
venres, 26 de marzo 2010

Imprimir | Enviar

Discurso do alcalde na Gala Vigueses Distinguidos 2010

Por Abel Caballero (Alcalde de Vigo)

Vigo conmemora este ano o seu segundo centenario como cidade. Desde o seu nacemento, Vigo marchou da man dos seus cidadáns e das súas institucións de referencia, unión sobre a que cimentouse a súa prosperidade.

Esta cidade construíuse a si mesma, elixíu con determinación e liberdade o seu camiño; o camiño que levou á nosa cidade de ser unha pequena vila mariñeira a encabezar o desenvolvemento demográfico, industrial e económico de Galicia.

200 anos despois de ser nomeada Cidade Fiel, Leal, Valerosa e Sempre Benéfica, Vigo continúa coa súa senda imparable, escribindo o seu propio futuro, do puño e letra dos 300.000 vigueses e viguesas, honrando as tradicións e os valores de fortaleza e dignidade, buscando o que nos une, camiñando todos xuntos.

A unión e a determinación de toda a cidadanía viguesa foi a razón de ser do crecemento magnífico de Vigo. Fai dous séculos, Vigo decidiu que o seu futuro non pasaba pola ocupación napoleónica, loitou sen descanso e convertiuse na primeira localidade de España en acadar de xeito permanente a súa liberdade.

Ese espírito de sacrificio, de unión e liberdade determinou o carácter e o comportamento das viguesas e dos vigueses ao longo da historia. Os mesmos argumentos que consolidaron entón a nosa victoria sobre o exército napoleónico definen o noso presente, e deben ser o faro que guie a nosa acción conxunta no futuro.

A cidade puxante e vital na que vivimos é o resultado do traballo de toda unha cidadanía unida, é o froito da vontade inquebrantable de cada un dos 300.000 vigueses e viguesas que nela habitan.

Vigo é un cántico á súa cidadanía, é unha homenaxe viva e permanente aos vigueses e viguesas que a ergueron co seu esforzo, e un grande poema de valores e conviccións.

Os seus cidadáns son o único e auténtico motor do noso Vigo: caracterízanse por saber moi ben qué queren e onde está o seu futuro, unha decisión e capacidade emprendedora que servíu de combustible á marcha imparable da urbe.

Dous séculos de traxectoria como cidade demostran que a unión da cidadanía viguesa, a súa férrea vontade de camiñar unidos, é a maior garantía de éxito nas metas que afronta Vigo, e tamén Galicia.

Vigo ven amosando ao longo das décadas que está capacitado para liderar Galicia en todos os ámbitos, tal e como xa acontece a nivel industrial ou económico. O peso dos vigueses xa traspasou os límites da cidade e exténdese hoxe en día a Galicia e España. A cidadanía de Vigo está en disposición de demandar o seu xusto espazo en Galicia, porque o futuro da nosa terra dilucídase en gran parte aquí.

Esta cidade escribe en maiúsculas a historia, o presente e o futuro de Galicia, e como tal o proxecto de cidade de Vigo será fundamental para o crecemento da nosa comunidade.

Debemos atopar vías de unión que permitan a Vigo e a Galicia conseguir os seus obxectivos, sen friccións nin disputas, e sendo conscientes de que a voz de Galicia ten as súas cordas vocais en Vigo.

A celebración da Reconquista, a designación anual dos Vigueses Distinguidos e da Medalla de Ouro da cidade, significa para a cidadanía viguesa unha homenaxe a aquelas persoas e institucións que cada día fortalecen ao conxunto de Vigo, e supón ademais un chamamento á conciencia colectiva do vigués e da viguesa.

Vigo ocupa o seu lugar porque os seus cidadáns buscan e atopan os seus elementos comunes: traballan a nivel individual e colectivo sempre baixo a bandeira da fidelidade e a lealdade á cidade que os acolle.

Como as entidades e as personalidades que este ano son galardonadas, Vigo sempre marchou coa súa cidadanía e cos seus referentes na defensa de Vigo.

Referentes como o Faro de Vigo, que simboliza o periodismo vigués, reflexo e impulsor da cidade desde fai máis de 150 anos.

Referentes como la Caja de Aforros Municipal de Vigo, hoxe Caixanova, elemento vertebrador do territorio, garantía inexcusable de futuro, sempre xunto á cidade nos seus grandes pasos, imprescindible por exemplo para que hoxe Vigo conte cunha Universidade de calidade e futuro prometedor. Compañeira irrenunciable de futuro, co seu actual Presidente, don Julio Gayoso, á cabeza. E aquí hoxe queremos reiterar a nosa indesmaiable defensa de Caixanova como entidade viguesa e galega, como toda a cidade manifestou nas rúas o pasado 9 de febreiro.

Referentes como o Porto de Vigo, alma mater e causa da nosa privilexiada posición industrial e económica en Galicia e no mundo, berce da pesca e do sector naval.

Referentes como o Real Club Celta de Vigo, historia viva, entidade deportiva que levou e levará o nome da cidade por España e Europa.

Referentes como a Zona Franca de Vigo, peza chave no emprego e no desenvolvemento socioeconómico do territorio durante máis de sesenta anos.

Referentes como a factoría viguesa de Citroën, que emprega a miles de persoas na cidade, cidadáns que corresponden cada día convertindo á factoría de Balaídos na máis productiva e rendable de España e do grupo PSA no mundo.

Referentes como o astaleiro Hijos de Barreras, que moldea na cidade embarcacións que navegan por todo o mundo baixo a marca de calidade de Vigo.

E tantas outras persoas e entidades imprescindibles na defensa de Vigo e do seu crecemento, tantas que é imposible nomealas. A todas, o noso agradecemento.

Este ano facemos extensivo este recoñecemento a novos referentes de Vigo, referentes como a Cooperativa de Armadores de Pesca, Vigués Distinguido neste ano 2010, nacida da unión das asociacións pesqueiras co obxectivo de defender o seu interese común e, por tanto, o de Vigo.

Novamente, a unión para a defensa de Vigo sentou a base da súa puxanza actual. A Cooperativa de Armadores aglutina hoxe en Vigo algunhas das asociacións máis fortes de España e da Unión Europea.

Este 2010, a cidade recoñece a traxectoria persoal e profesional do vigués don Aurelio Pérez García, incansable traballador principalmente no sector pesqueiro vigués e creador do primeiro secadeiro artificial de peixe de Galicia.
Don Aurelio Pérez, Vigués Distinguido, é ben coñecido pola súa participación no deporte vigués e galego, insignia de ouro do Real Club Celta e organizador nas voltas ciclistas a Galicia e a España.

Vigo suma este ano outro referente individual e colectivo gracias a Diálogos 90, persoas que esfórzanse día tras día en ilustrar á nosa memoria colectiva coas figuras das mulleres que tanto aportaron á nosa sociedade.

Desde 1993, Diálogos 90, Vigués Distinguido, ven recoñecendo a laboura de medio centenar de mulleres, mostra e recordatorio das posibilidades das viguesas e das galegas. Hoxe Vigo quere devolverlle a gratitude.

Escolas Ramón Nieto, referente educativo na cidade, leva máis dun século educando a viguesas e vigueses nos valores do esforzo e a solidariedade.

Vigués Distinguido 2010, este centro é posible gracias á implicación do seu persoal, que supera con creces a súa responsabilidade e amosa o espírito comprometido e emprendedor inherente á toda a cidadanía de Lavadores e viguesa.

Vigo ten outra entidade de referencia no Fogar e Clínica San Rafael, con máis de sesenta anos de atención desinteresada a aqueles que o precisan.

Desde hoxe Vigués Distinguido, o centro mantén sempre abertas as súas portas para todo aquel que o necesite, sen importar a súa condición social ou económica. Un magnífico exemplo da xenerosidade e solidariedade viguesa.

A Sociedade Cultural, Deportiva e Recreativa Helios de Bembrive é outro dos exemplos de entidades referencias en Vigo que enarbolan valores da cidade.

Helios, Vigués Distinguido 2010, encarna a xenerosidade de quenes procuran achegar sen ánimo de lucro a cultura, o deporte e as actividades sociais á cidadanía, integrando todas as propostas e dando cabida a todas as opcións.

Teo Cardalda simboliza hoxe aquel movemento cultural e musical dos 80, no que Madrid escribíase con uve de Vigo. Simboliza a inquedanza creativa viguesa que abriu novos camiños á cultura do século XXI na cidade.

Teo Cardalda, Vigués Distinguido, imprime a marca Vigo en cada composición, en cada letra; exerce como vigués comprometido coa súa cidade desde dentro e fóra das nosas fronteiras.

Finalmente, a cidade de Vigo distingue este ano 2010 coa súa Medalla de Ouro á Universidade de Vigo.

A Universidade cumpre en 2010 vinte anos, e xa conseguíu consolidarse no panorama académico de grao superior. Suma preto de 23.000 estudantes, decenas de titulacións e máis de 1.600 profesores cualificados que desempeñan a súa actividade.

A súa madurez vai encamiñada á investigación, área na que a Universidade de Vigo ocupa xa un lugar destacado no panorama estatal e que está a ser potenciada como elemento de diferenciación.

Gracias á súa Universidade, Vigo conta con titulados en ramas de investigación, tecnoloxías e innovación preparados para competir en todo o mundo, o que sen dúbida repercute e mellora o sistema productivo vigués e a competitividade do territorio a nivel internacional.

A especialización na investigación da Universidade pon a Vigo e á cidadanía viguesa e galega no camiño que ven percorrendo esta cidade durante dous séculos: no camiño da excelencia, da innovación e do emprendemento; recolle o testigo da historia viguesa e aposta pola formación, a internacionalización e a visión e proxección transfronteiriza.

Por ter recollida a esencia desta cidade e cultivala para que medre con máis forza, a Universidade de Vigo é claramente merecedora da máxima distinción que pode outorgar esta cidade, a súa Medalla de Ouro, que recoñece a súa breve andadura co obxectivo de ampliar as súas metas e fortalecela na consecución dos seus retos venideros, que son tamén os de toda a cidade.

A Universidade de Vigo, igual que as sete entidades e personalidades merecedoras este ano do Vigués Distinguido, contan méritos máis que suficientes para ser acreedores da gratitude unánime de Vigo, no ano no que cumpre 200 anos como cidade. Todos eles suman vontades, constrúen cidade, desde a unión e na defensa de Vigo e dos seus habitantes.

Fai dous séculos, esta defensa exercéuse desde a revolución cidadá que supuxo a loita pola Reconquista. Hoxe, 200 anos despois, lévase a efecto desde o diálogo e os acordos, desde a lealdade e os consensos.

Vigo decidirá o seu propio camiño nos próximos 200 anos, exactamente igual que o ven facendo ata o de agora. E o fará da man dos 300.000 vigueses e viguesas, desde a unión e o consenso, e vencellada aos seus valores comúns e referentes históricos.

Inmersos como estamos nunha profunda crise internacional, nunca como agora cobra tanto valor a unión e o acordo, para conseguir dobregar as dificultades e continuar crecendo como cidade. Así o entendemos no Concello de Vigo e así traballamos. Sumando vontades, na defensa da cidade.

O máximo consenso e responsabilidade coas que, un ano máis, definimos estes galardóns representa o espírito dunha cidade libre e independente, que ten posta a súa mirada no futuro, e que continuará crecendo coa base e os valores do diálogo, a solidariedade, o esforzo e a súa firmeza inquebrantable dun Vigo e unha Galicia mellores e máis fortes.


Outros discursos
Día da Constitución Española

DISCURSO GALA VIGUESES DISTINGUIDOS 2015

DÍA DAS LETRAS GALEGAS 2015
Dedicado a Xosé Filgueira Valverde


Bando da Reconquista 2015

XXXVI ANIVERSARIO DA CONSTITUCIÓN ESPAÑOLA
(2014)


DIA DE GALICIA 2014


Ver todos


Volver á portada

© Gabinete de Prensa - Concello de Vigo 2003