Man Xornal.vigo.orgXornal.vigo.org Concello de Vigo Contacto
Discurso
Subscribirse


 
venres, 24 de xullo 2009

Imprimir | Enviar

Bando do Día de Galicia 2009

Por Alberto Núñez Feijóo (Presidente da Xunta de Galicia)



Día de Galicia 2009
Bando Institucional: Alberto Núñez Feijóo
Presidente da Xunta de Galicia

Autoridades presentes, amigas e amigos.

Mañá cumpriranse setenta e nove anos dunha conferencia memorable; memorable pola persoa do seu autor, polas ideas nela expostas, e pola fervorosa acollida do público. Nun teatro García Barbón ateigado de vigueses e galegos, Alfonso Rodríguez Castelao falaba da visión galeguista da arte. Facíao con esas verbas engaiolantes que fixeron del un auténtico apóstolo da palabra. Facíao recorrendo a esa técnica sedutora que caracterizou á súa xeración, e que pouco despois produciría a admiración dos cronistas parlamentarios de Madrid.

Nun momento da súa intervención, refírese ao universalismo cunha daquelas analoxías naturalistas inspiradas quizais na súa nenez rianxeira. Cédolle a palabra. <A quenes rifan connosco por razóns de universalismo, é ben dicirlles que endexamais ollamos a ningún paxaro tropezar en ningunha fronteira. E se non tropezan os paxaros, ¿como podían tropezar os nosos sentimentos, e as nosas ideas?>. As crónicas de entón, recollen un enorme aplauso, que vai en aumento cando Castelao engade: <o que queremos é desatrancar o camiño de Europa, aquel camiño branco que unía Galiza co resto do mundo civilizado, no tempo lonxano dos Cancioneiros e do Pórtico da Gloria>.

Tiñan as ideas deste pai da conciencia galega, un público propicio nunha cidade xa daquela puxante, que simbolizaba mellor que ningunha o galeguismo que empezaba a ser urbano. A presentación que facía Castelao do galeguismo como recuperación do vencello europeísta e universal, atopaba terreo axeitado en Vigo. Nun Vigo emprendedor e cosmopolita, afeito a combinar nas súas empresas e industrias, o sentimento galego de orixe rural cos aires modernos que traían ao seu porto pensamentos, homes e mercadorías.

O galeguismo político e cultural puido perecer nese tránsito entre o rural e o urbano. A tentación de ver na cidade unha ameaza para un país de esencias fundamentalmente labregas, foi un trazo común a moitos pobos europeos situados no limiar da industrialización. Galicia non era unha excepción, pero tivo a fortuna de xerar axiña ideas que ollaban a tradición con respecto, sen deixar de teimar pola incorporación do noso país ás correntes europeas e universais. Vigo foi, sen dúbida, o gran berce do galeguismo urbano.

Así se explican aquelas aplausos que resoaron no teatro García Barbón hai case oitenta anos. Podemos imaxinar un auditorio interclasista, composto de vigueses plenamente afeitos á vida urbana, outros recén chegados do entorno rural, e un terceiro grupo asentado na bisbarra campesiña. Todos eles sentíronse aloumiñados pola dialéctica cordial do rianxeiro. Todos eles sentiron vibrar no máis fondo do seu ser, o sentimento de pertenza a unha mesma terra.

Aquel galeguismo que se burlaba das fronteiras era capaz de unilos a todos. A xente que se reuniu aquel día para escoitar a Castelao, non vía nese galeguismo un adubo decorativo, senón unha forza unificadora que tentaba facer de Galicia un faro aceso entre todos os países do mundo. ¿De onde lle viña a súa capacidade de establecer vencellos entre galegos tan diferentes? Da súa cordialidade.

Pensemos por un momento nos persoeiros que quedaron ancorados na nosa memoria colectiva. Rosalía, Castelao, Cunqueiro, Piñeiro, Fernández del Riego... A escolma é cativa e necesariamente arbitraria. Hai moitos máis desde logo, pero abonda con eles para demostrar que o común denominador é o humanismo. Fanse entender por Galicia porque a ven como a Princesa durminte que necesita do bico, e non do berro, para espertar e reinar. Cando se achegan a ela para bicala, Galicia responde e se ergue cumprindo o desexo de Brañas no seu poema.

Pois ben, ese galeguismo humanista que peta forte na alma do pobo, ten nos tempos que corren unha tarefa de importancia semellante á que fixo posible a incorporación dos grandes valores galegos a un mundo urbano que semellaba alleo. Coa súa visión do paxaro que voa por riba das fronteiras, Castelao anticipábase a estes comezos do século XXI. Ese paxaro leva hoxe nas súas ás información, coñecemento, ideas. Hoxe coma onte, a pregunta é se a personalidade cultural e política de Galicia poderá superar esta nova revolución. Hoxe coma onte, a resposta é que si.

A principal razón é que aquí existe un pobo que se sabe herdeiro dunha visión única do mundo, que se plasma en creacións de todo tipo, e se estende por todos os continentes. Ese pobo é libre. Conta coa ferramenta democrática, e non está agretado por conflitos irresolubles. Forma parte da España dona de si que atopou na súa diversidade un novo pulo. Ese pobo xa está na Europa que tanto anceiaba Castelao no seu discurso do 25 de Xullo de 1930.

Oitenta anos mais tarde, o galeguismo humanista e cordial daqueles pioneiros que facían das palabras campás que espertaban as conciencias, volve a ser o camiño. Eles tiveron éxito. Os aplausos que soaron no teatro García Barbón tiveron un longo eco: atravesaron guerras fratricidas, deixaron atrás longas noites de pedra, convertéronse en Vigo en Galaxias cheas de estrelas, prestaron voz á autonomía. Eses aplausos están de novo aquí para celebrar o Día grande dun gran país.

Esa idea fraterna nace nas nosa orixes campesiñas, e medra despois para inserirse na vida da Galicia urbana. A Galicia de hoxe é como somos moitos de nós: homes e mulleres que viron por primeira vez a luz en lugares onde aínda voaban os paxaros de Castelao; homes e mulleres levados despois a cidades que nos parecían hostís, pero que pouco a pouco se converteron nun novo marco para o desenvolvemento da conciencia galega. Hoxe, o noso país é unha rede de pobos e cidades nos que latexa, sen contradición algunha, o espírito galego, español e europeo.

Non esquezamos nunca o papel de Vigo na alborada do galeguismo urbano. Non esquezamos que foi aquí en Vigo onde tradición e modernidade se atoparon para facer unha síntese común. Ese Vigo que fai xermolar a nosa revolución industrial, incorporou á súa identidade o mellor do pasado e do futuro do país. O presidente da Xunta, que é un deses galegos de orixe labrega que atoparon aquí unha terra prometida, sábeo, e por iso vai cumprir escrupulosamente os compromisos con esta cidade. Confirmeinos hai pouco na miña visita oficial ao Concello, e volvo reafirmalos solemnemente neste acto. Vigo vai seguir sendo a proa da Galicia audaz e segura de si mesma. Teñen a miña palabra.

Amigas e amigos. Transcorrido xa este primeiro treito do século XXI, podemos afirmar que o gran soño de Galicia triunfou. Se milagre é a transición democrática española, milagrosa é tamén a transición autonómica galega. Fixémola entre todos, e entre todos faremos que siga a ser a grande expresión da liberdade da nosa xente. Ningún tempo pasado foi mellor, aínda que agora nos falten as palabras cativadoras coas que Castelao emocionou aos vigueses hai oitenta anos.


Moitas grazas.


Outros discursos
Día da Constitución Española

DISCURSO GALA VIGUESES DISTINGUIDOS 2015

DÍA DAS LETRAS GALEGAS 2015
Dedicado a Xosé Filgueira Valverde


Bando da Reconquista 2015

XXXVI ANIVERSARIO DA CONSTITUCIÓN ESPAÑOLA
(2014)


DIA DE GALICIA 2014


Ver todos


Volver á portada

© Gabinete de Prensa - Concello de Vigo 2003