Man Xornal.vigo.orgXornal.vigo.org Concello de Vigo Contacto
Discurso
Subscribirse


 
venres, 24 de xullo 2009

Imprimir | Enviar

Discurso do alcalde con motivo do Día de Galicia 2009

Por Abel Caballero Alvarez (Alcalde de Vigo)



Día de Galicia 2009
Discurso do Alcalde de Vigo: Abel Caballero Álvarez

Sr. Presidente da Xunta, Tenente alcalde, concelleiras e concelleiros, autoridades, amigas e amigos.

Sexan as miñas primeiras palabras para darlles a todos a benvida a este acto institucional do Día de Galicia en Vigo. Unha benvida que é aínda mais sentida para o Presidente da Xunta de Galicia. É para esta cidade unha honra a visita do primeiro presidente da Xunta que elexiu, como tantos outros de nós, ser cidadán de Vigo.

Iniciamos hoxe, neste solemne acto do día de Galicia a andadura dun treito de tempo no que se enmarcan os actos máis entrañables da cidade. Hoxe o día de Galicia, pronto o Cristo da Vitoria, ao lado das grandes festas da cidade de Vigo e máis tarde a honra ao patrono. Son as manifestacións da nosa cidade que elexía como quere celebrar os seus tempos.

En Vigo, unha cidade que progresa e que traballa, que sinala o seu norte, que opta polos camiños do seu futuro. Unha cidade de valores e principios, de ética e posicionamentos. Como fai dous séculos, cando primeiro que ninguén na Europa napoleónica optamos pola nosa liberdade. Arriscando e sufrindo, pero dicindo en voz alta que a liberdade, o noso carácter e os principios, non teñen prezo. Cidade sempre nobre, leal e valerosa. Dende o orgullo de labrar o noso presente e o futuro, pero tamén dende a humildade dos que saben que nada é agasallado, que todo ten que ser conseguido. Dende o empeño e o empuxe.

Que sabemos que cada mañá embarcámonos no noso proxecto singular, o de cada un de nos, pero que nel afiánzase o enraizamento firme dun proxecto colectivo. En tempos de bonanza e de tormenta. Na cidade na que o tempo conta, a cidade na que as fábricas abren ao alba da esperanza, a os ritmos das sirenas da tradición, e das novas e avanzadas tecnoloxías. A cidade na que os automóbiles, os barcos, o granito, o coñecemento, o estudio, a investigación, o esforzo, e o tesón, únense cada día para lograr o avance, o benestar e o progreso de todos e de toda a cidade.

En bonanza e en tempestades. Na crise, a máis fonda que nunca sufriu a humanidade. A crise na que o noso empeño é dobre e se cadra aínda máis intenso. A nosa grande prioridade, desenvolver unha senda venturosa na automoción, nos estaleiros, na pedra, na química, nos servizos, que nos permita unha saída reforzada destes tempos escuros. Outras crises houbo, e delas saímos. Cecais non tan destrutivas, pero saímos, e desta sairemos tamén. Os esforzos xa están en marcha, pero queremos máis. Queremos que as penalidades que causa esta crise da cobiza e do atesouramento, sexan as menores posibles e oxalá as poideramos eliminar todas. E sobre isto houbo que optar, houbo que tomar decisións. E mostramos todo o noso empeño en contribuír a crear emprego. Puxemos o noso empeño en facer que milleiros de traballadores vigueses e viguesas atopasen emprego nestes tempos, nas obras do Concello e do Plan E. Porque é mellor brindar un emprego que unha cobertura a unha familia parada e becas de comedores de nenos para os máis golpeados por esta lacra de crise que nos persigue. Pero tamén un proxecto de futuro na automoción, acompañando a os que dende a cúpula nos visitaban estes días, mostrándolles a noso empeño conxunto e colectivo acompañando a nosa capacidade de sacar adiante o futuro.

E todo enmarcado nun principio ético e político, de seguro que colectivamente sentido nesta cidade, a crise non a poden pagar os que non a produciron. A crise non pode caer sobre as costas de traballadores que soamente fixeron traballar, e traballar moi ben cada día.

E somos conscientes do que somos, do que facemos como parte de Galicia e de España, e ahí queremos seguir. Na referencia da industria, no comercio, no turismo, nos cruceiros que nos visitan, nos pesqueiros que enviamos a tódolos mares e océanos, nos contedores que chegan de todos os lugares do planeta, na sociedade do coñecemento desde as aulas da universidade, e da sociedade da ensinanza universalizada, desde os centros de ensinanza primaria e secundaria, que educan as cada vez mellores xeracións de mozos.

E a sociedade civil, a que se organiza desde a autonomía e a liberdade, como esta Banda Sinfónica que nos acaba de ofrecer un grande concerto. Ou os que se organizan para dar paso a solidariedade, emblema perenne da cidade de Vigo, ou os que se unen para dar corpo a tantos e tantos proxectos de cidade. Ou aos que colaboran nestas festas tan sonadas en todo o entorno, ou aos que dende a súa sensibilidade empuxan e crean unha cada vez máis fonda e enraizada cultura, tradicional ou moderna, secular ou vangardista.

E seguimos na senda dos nosos proxectos demandados desde a distancia de tanto e tanto tempo, pero que cada vez cobran máis e máis forza, debuxanse, cobran figura e pálpanse. E a senda da alta velocidade ferroviaria, das autovías, do aeroporto, da biblioteca estatal, do rexistro mercantil, da cidade do mar, da mellora imparable do casco vello, dos pavillóns deportivos, do novo grande hospital, Presidente, da area metropolitana... son patrimonio de todos, mérito da cidade, logro colectivo, orgullo compartido, e recoñecemento a os que dan pasos, abren horizontes e cumpren compromisos. Mérito global dunha cidade que cada mañá labra o seu futuro, de centos de miles de vigueses que sabemos dicir cando nos gusta e cando non nos gusta. E aquí, Presidente, o que antonte se perfilou en Compostela co ministro de Fomento e onte aquí en Vigo contigo, nos fai ver horizontes máis claros e esperanzadores.

Nunha cidade que queremos igualitaria, onde a beleza das rúas humanizadas, dos parque infantís e a vida máis agradábel se estendan polo centro, polos barrios e polas parroquias, sen que ninguén quede excluído do progreso do século XXI.

Nesta cidade, con pulso e con tesón, non queremos choques, liortas nin confrontacións cos nosos. Queremos e desexamos a colaboración, a cooperación, a marcha conxunta, a harmonía e o acordo. Non queremos un Vigo instalado no victimismo. Nos sabemos de competir con éxito, temos razóns e desexamos que sexan coñecidas. Porque confiamos na fortaleza das nosas ideas. E esa conxunción de esforzos é posible, é necesaria e é a que debe marcar o futuro. Porque se Vigo vai, Galicia vai. E así queremos ver o futuro, con tódalas institucións e con empuxe da cidade, da Xunta de Galicia e do Goberno de España.

Pero tamén nos temos que asumir as nosas propias responsabilidades nos acordos. Porque é chegado o tempo de marcar acordos sociais, tendo presente que no pacto social está o futuro. O futuro das industrias, o futuro das relacións laborais, o futuro da produción. É imprescindible cambiar a senda e retomar con inmediatez a senda do acordo. Seguro que todos creemos que é chegado o tempo de mover esforzos e capacidades para no perder o norte, a estrela polar. Todos o sabemos, que o relevante non é quen gaña, o relevante é que gañemos todos. E esa é a maxia das relacións laborais, se poñemos o mellor de todos nós, todos gañamos, a cidade gaña, e o futuro sigue vivo. Outras veces, moitas outras veces, foi posible. E esta a máis importante, tamén.

Pero non podemos pedir acordos a outros e manternos nós sen eles. Creo que definitivamente en Vigo é tamén chegada a hora de que sexamos capaces de alcanzar grandes consensos nos temas centrais, nos temas estratéxicos da cidade. Igual que sucedeu estes días entre o Goberno Municipal, a Xunta de Galicia e o Goberno de España, este é o momento de que en Vigo sexamos capaces de alcanzar acordos naquelas cuestións que todos sabemos que son capitais para a nosa cidade.

Estamos na nosa ruta, témolo rumbo marcado, seguimos a nosa senda, a que nosoutros decidimos, e a que con outras institucións abrimos. Sabemos que o traxecto está cheo de riscos ¿onde non os hai? pero, esta vez, e non sempre foi así, queremos, e estou seguro, de que podemos contar con outras institucións, Presidente, para facer xuntos o camiño.

Viva Vigo.


Outros discursos
Día da Constitución Española

DISCURSO GALA VIGUESES DISTINGUIDOS 2015

DÍA DAS LETRAS GALEGAS 2015
Dedicado a Xosé Filgueira Valverde


Bando da Reconquista 2015

XXXVI ANIVERSARIO DA CONSTITUCIÓN ESPAÑOLA
(2014)


DIA DE GALICIA 2014


Ver todos


Volver á portada

© Gabinete de Prensa - Concello de Vigo 2003