Man Xornal.vigo.orgXornal.vigo.org Concello de Vigo Contacto
Discurso
Subscribirse


 
venres, 25 de xullo 2008

Imprimir | Enviar

Discurso do alcalde con motivo do Día de Galicia 2008

Por Abel Caballero (Alcalde de Vigo)

Sra. Presidenta do Parlamento de Galicia, Sra. Conselleira de Política Territorial, Obras Públicas e Transporte, Sra. Conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos, Sr. Tenente Alcalde, Excelentísima Corporación, Sr. Irago, Autoridades, Sras. e Sres.

Benvidos todos a este acto de celebración do Día de Galicia, día que cobra un sentido moi especial na nosa cidade. Porque Galicia cobra en Vigo toda a súa puxanza, todo o seu dinamismo, toda a súa vertente cosmopolita e moderna: Galicia en Vigo é a Galicia que se proxecta fóra das súas fronteiras.

Vigo representa a Galicia emprendedora, a Galicia que afronta o futuro coa fronte erguida e o pulso firme. O 25 de xullo vívese na nosa cidade coma un día grande. Sentímonos en celebración, en cerimonia con todo o pobo.

Celebramos e traballamos. Porque Vigo é onde se traballa arreo día a día. Ese é o noso espírito. Con esa vocación esta cidade tense convertido na capital real de Galicia. Dende Vigo constrúese a Galicia dos feitos, a Galicia da riqueza, a Galicia do emprego.

Pero Vigo é tamén a cidade para vivir. Vigo encarna a Galicia aberta, europea, a Galicia que ocupa o seu lugar na sociedade do coñecemento, e a través de Vigo, Galicia comunícase co Mundo.

Certo é que o desenvolvemento social e económico acadado por Galicia nos últimos anos, ten en Vigo o seu máximo expoñente. A nosa comunidade está conseguindo converxer en termos reais, non só co conxunto do Estado senón tamén cos países da Unión Europea.

Hoxe os galegos viaxamos por Europa en pé de absoluta igualdade cos nosos veciños. Lonxe quedan os tempos nos que os galegos cruzabamos os Perineos na triste verba da inmigración.

Hoxe celebramos que Galicia é un país que xa non pertence á periferia económica da Unión Europea. En 2012 Galicia abandonará o modelo das subvencións, dos subsidios, para abordar o modelo da competitividade.

E xustamente ese é o modelo que representa Vigo. A nosa cidade é a bandeira económica de Galicia. As nosas empresas levan anos demostrando que poden competir de igual a igual no mundo da globalización.

Cuarta cidade exportadora de España. A nosa cidade representa o 60% do comercio exterior da nosa comunidade. Ese é o papel que vén desenvolvendo Vigo. Esa é a nosa achega á construción de Galicia.

E no momento en que nos atopamos, de cambio de ciclo económico, a responsabilidade para a nosa cidade é, se cadra, aínda maior. Vigo seguirá liderando a economía galega, tamén neste tempo. Porque é o tempo das novas oportunidades , dos emprendedores, do carácter. É o tempo da verdade na economía.

As nosas empresas non son alleas ás dificultades polas que está a atravesar a economía mundial. Pero Vigo está en mellores condicións para afrontar esta situación que moitos outros.

A economía de Vigo está solidamente asentada sobre sectores produtivos e industrias pegadas á economía real. O modelo económico da nosa cidade non entende de movementos especulativos. Vigo seguirá a ser, máis ca nunca, o motor económico de Galicia.

A nosa cidade ten dado mostras máis que suficientes na súa historia de que se supera fronte a adversidade. Moitas veces fixémolo desde a soidade. Agora farémolo dende a cooperación dos gobernos de Galicia e España. E nese esforzo colectivo non escatimaremos empeño.

Pero Vigo non é soamente un referente no eido económico. A actual conxuntura económica non vai facer que renunciemos ao noso modelo de cidade. Vigo é unha cidade para traballar, unha cidade para vivir.

E certamente é así. Vigo respira actividade, respira movemento. Vigo respira vida por todos os poros da súa pel. Vigo é unha cidade en marcha. Unha cidade que non se detén. Vigo non se para, nin para traballar nin para vivir.

Este modelo que representa Vigo foi plasmado no seu Plan Xeral de Urbanismo. A esixencia máxima que nos impuxemos á hora de redactar o PXOM foi a de sentar definitivamente as bases dunha cidade contemporánea.

O PXOM é un impulso para permitir que Vigo siga o seu proceso imparable de crecemento. É fonte de actividade económica nun momento de crise na construción. Pero ao mesmo tempo, fará que Vigo sexa unha cidade na que os seus veciños poidan vivir. Novos viais, novos túneles e máis zonas verdes.
Porque o desenvolvemento económico é compatible coa calidade de vida. Ese é o modelo polo que apostamos.

Porque queremos que os vigueses e as viguesas teñan a posibilidade de acceder a unha vivenda digna dentro do seu propio municipio. Sumámonos ás correntes modernas xeneralizadas en tantas cidades de vivenda libre de especulación.

Vigo comeza a ser tamén un referente no social.

En marcha está tamén a execución das máis ambiciosas infraestruturas que se teñen acometido nunca nesta cidade.

A chegada do AVE en túnel nos prazos estipulados, a execución do Plan Integra, a ampliación da Ponte de Rande, as novas autovías a Pontevedra e a Porriño, os novos túneles urbanos, ..., van permitir que os cidadáns melloren a súa calidade de vida e as empresas reduzan os seus custos loxísticos e melloren a súa competitividade. E todo está no BOE, como pedían as máis esixentes voces, e a prensa sempre crítica co poder, amigo Irago.

E isto e os novos viais da cidade, as novas humanizacións, os aparcadoiros, significan aforro enerxético e mellora da seguridade vial.


E pensando nas persoas, a saúde é unha prioridade. O Gran Hospital de Vigo, o Centro de Saúde de Navia e o Centro de Saúde de Bouzas, contan no futuro tanxible.
E pensando tamén nas persoas queremos que a nosa cidade se converta nun referente cultural.

O auditorio de Vigo é un proxecto ilusiónante que situará a Vigo na vangarda da oferta cultural e de servizos. O maior e o máis moderno da nosa Comunidade. Mostra que Vigo é unha cidade en marcha, unha cidade en movemento. Hoxe comprometemos o primeiro congreso médico, a celebrarse nel.

E a Biblioteca do Estado en Vigo será realidade no 2011.

Entre todos conseguiremos que Vigo sexa un referente tamén no eido cultural.

Vigo é e debe ser, tamén referente da sostenibilidade. E a depuradora é un fito imprescindible. Non podemos construír un modelo de cidade de costas á realidade climática da terra.

Hoxe Vigo está presente en todos os foros onde as cidades teñen que facer a súa achega na loita contra o cambio climático.

Dende marzo de 2008, Vigo preside a Rede de Cidades Españolas polo Clima. Decididamente, no que a respecto polo medio se refire, Vigo tamén está en marcha, liderando o Pacto Europeo dos alcaldes para reducir as emisións de gases do efecto invernadoiro.

Mostremos o orgullo da cidade que somos. Do que conseguimos. É o tempo de que nos coñezan, de que saiban quen somos. Segunda factoría de automóbiles de Europa, co primeiro porto de Pesca, coa metrópole do granito, coa mellor praia do mundo, centos de cruceiros nos visitan. O noso comercio, o sector turístico, non son tópicos de discurso. Teñen que ser feitos referenciados desde a acción das Administracións. Mostrémonos orgullosos aínda que sempre ambicionando máis. Porque así somos.

E, sobre todo, é o tempo da unidade. Da marcha xuntos, das mans tendidas. De preservar a identidade de cada un, pero de dar prioridade ao global, porque é de todos. E cando entramos nunha nova etapa, a do cumprimento dos grandes retos, da cidade, das zonas históricas, saibamos que é mérito de todos, é o mérito da cidade.

Amigos, amigas, comprácenos celebrar convosco este día. Comprácenos celebralo no Castrelos de colores da nosa cidade. E comprácenos compartir con todos este proxecto ilusiónante que é Vigo: unha cidade única, unha forza da natureza.

Moitas gracias


Outros discursos
Día da Constitución Española

DISCURSO GALA VIGUESES DISTINGUIDOS 2015

DÍA DAS LETRAS GALEGAS 2015
Dedicado a Xosé Filgueira Valverde


Bando da Reconquista 2015

XXXVI ANIVERSARIO DA CONSTITUCIÓN ESPAÑOLA
(2014)


DIA DE GALICIA 2014


Ver todos


Volver á portada

© Gabinete de Prensa - Concello de Vigo 2003