Man Xornal.vigo.orgXornal.vigo.org Concello de Vigo Contacto
Discurso
Subscribirse


 
venres, 01 de agosto 2008

Imprimir | Enviar

Discurso con motivo do Cristo da Vitoria

Por Abel Caballero (Alcalde de Vigo)

Excelentísima Corporación, Señor Obispo, Sr. Ortiz autor do Pregón do Cristo da Vitoria, Presidenta da Cofradía do Santísimo Cristo da Vitoria, Autoridades, ben queridos vigueses e viguesas.Para todos os que vivimos nesta cidade, hoxe é un día de ledicia, un día de celebración. Hoxe é o día Grande de Vigo.

Hoxe celebramos a Festa do Cristo da Vitoria. E como cada ano estamos aquí orgullosos e puntuais á nosa cita ineludible. Unha cita á que non faltamos dende hai dous séculos, dispostos a xuntarmos e amosar o espírito desta cidade exemplar.

Non cabe que fora doutro xeito.

Máis aló da profunda devoción que reúne a miles de vigueses en torno ao Cristo, esta Festa é símbolo e sinal de identidade dunha cidade plural e libre, que comparte crenzas e sentimentos diversos, individuais e colectivos, mais sempre dende o máis solemne dos respectos.

É precisamente este respecto o que multiplica a grandeza da Festa. Milleiros e milleiros de vigueses e viguesas estabamos aquí, ben seguro que representando outros tantos sentimentos, porque a relación de cada un de nós co Cristo da Vitoria é diferente, é particular e privada: só pertence á nosa intimidade.

Cada un de nós ten hoxe a voluntaria oportunidade de exteriorizar e compartir o seu sentir ao respecto do Cristo da Vitoria, que engrandece a Vigo porque nos acolle libremente, sen máis obriga que a expresión de respecto e tradición que todos profesamos.

O Concello, e mais este Alcalde, séntense comprometidos co Cristo da Vitoria que, máis aló da multitudinaria devoción relixiosa expresada e recoñecida, nos convoca nesta tradición secular entrañable e inequivocamente popular.

O Cristo da Vitoria é e debe seguir sendo un signo de unidade. De unidade entre todos, crentes ou non, e sempre debe quedar lonxe de calquera disputa. Só proximidade, respecto, relixión, tradición, cultura e unidade.

É posible que nunca cheguemos a coñecer con certeza o pasado da imaxe do Cristo, pero debemos dar por descontado que o seu futuro está ligado ao futuro mesmo da cidade, e que este non pode ser máis esperanzador.

Como sempre, no amencer do mes de agosto, volvemos á Concatedral cun espírito renovado, moderno, que expresa a vontade desta cidade de avanzar sen descoidar a lembranza das tradicións que máis nos unen.

Neste momento, temos o deber de expresar un agradecemento moi singular. No setenta e cinco aniversario da Confraría do Cristo da Vitoria, é de lei lembrar hoxe a adicación plena dos seus membros.


Todos eles traballan arreo para que o Día Grande de Vigo brille con esta intensidade vital que os vigueses somos quen de conseguir sempre que compartimos xuntos as nosas tradicións máis senlleiras.

A procesión do Cristo da Vitoria cumpre unha viaxe por un rueiro apaixonante da nosa cidade, que nos interna no Casco Vello, outrora esquecido e hoxe esperanzado.

O lugar dende o que xerminou o Vigo que coñecemos, vivirá un futuro xa moi próximo de recuperación e esplendor para o que mostramos, a maior das ilusións. O cerne da cidade reclamamos a atención, e a terá co esforzo que sexa preciso.

Baixa o noso percorrido cara ao Berbés dos amenceres de sal e peixe, fonte de traballo para xeracións e xeracións de vigueses que vivimos do mar, ao que tan intimamente ligado está o noso Cristo da Vitoria.

E o porto que simboliza a alma mesma da nosa cidade.

Cara ao mar os vigueses creamos a meirande industria pesqueira, cara ao mar saímos para traballar outras terras e cara ao mar desenvolvemos un tecido económico que sostén a Vigo ao timón de Galicia.

Con pulso firme e cunha incontestable capacidade de sacrificio, os vigueses e viguesas afrontamos con confianza calquera tempo de inquietude.

Este xeito de ser aprendémolo no Berbés, entre redes e barcos, ausentes en mareas longas e presentes sempre para defender o espírito activo e permanentemente inquedo de Vigo.

E non lonxe de alí, nun taller de fundición tamén ao borde do mar, don Antonio Sanjurjo deixou para nós un dos exemplos do espírito emprendedor de Vigo.

Grazas ao carro que armou na Fundición , o Cristo da Vitoria recorre cada ano as nosas rúas, notario da imparable evolución da cidade, incapaz de frear, incapaz de concederse a ela mesma un segundo de lecer na procura de maior benestar para todos os seus.

O noso viaxe xunto ao Cristo da Vitoria levaranos este ano pola rúa do Príncipe. Estendemos o percorrido da procesión do Cristo porque Vigo sabe conxugar mellor que ninguén o progreso das obras e as tradicións.

Estamos a facer un esforzo sen precedentes que nos obriga a transformacións de enorme transcendencia para o futuro de Vigo.

Esta é unha cidade en obra, porque vimos de emprender unha viaxe apaixonante cara ao futuro: porque queremos unha cidade para as persoas.

Vigo é unha cidade aberta, sen fronteiras. Os vigueses marchamos polo mundo en barcos que nos levaron ata os máis recónditos lugares da Terra.

E por iso aprendemos a abrir portas aos que agora veñen sumarse ao noso proxecto da grande cidade para Vigo. A xeografía nos di que Vigo remata en Candeán, en Zamáns, en Valadares ou en Saiáns. Mais a nosa capacidade de acollida borra tales fronteiras. Toda a área metropolitana e toda Galicia participa desta cidade, e a todos acollemos.

A procesión viaxará por un Vigo que evolucionará e que nos anos vindeiros vivirá a súa mellor etapa.

E así a ben seguro o Cristo da Vitoria verá medrar Vigo dende o seu privilexiado posto de vixía anual da cidade.

Camiñando á súa beira, iremos observando ano tras ano que a cidade muda non só na súa faciana, senón que modifica e prepara as súas arterias vitais para ser quen de facer fronte aos retos industriais, económicos e sociais que nos agardan.

Estamos moi orgullosos de que Vigo sexa o motor económico non só de Galicia, senón do noroeste peninsular; pero o estaremos aínda máis se conseguimos que Vigo sexa tamén o motor da solidariedade, da igualdade, do benestar.

E para a cidade, contar entre nós con auténticos campións da solidariedade representa un luxo de valor incalculable.
É un motivo de ledicia e de enorme orgullo poder recoñecer a un destes persoeiros que pasan polo mundo sen facer apenas ruído, pero deixan profundas pegadas que marcan unha senda da que non nos debemos desviar.

Quero hoxe facer especial mención a Carlos Ortíz, un home de ben que leva anos adicado ao Centro de Educación Especial San Francisco e a Fademga, cunha entrega exemplar.

Ambas as dúas entidades dignifican e ofrecen un proxecto vital de incalculable valor a todos os que precisan dunha atención educativa e formativa tan especial.

Estes modelos son os que nos deben guiar en cada paso, e deste xeito, afirmámonos na procura de metas en ámbitos que seguiremos explorando na cidade.
Vigo transfórmase con traballo e obra, mais tamén con novos ingredientes na receita para facer cidade: honestidade, solidariedade, igualdade de oportunidades, respecto ao medio.

Esta é a nosa forma de contribuír a crear a cidade na que queremos que sorrían os nosos fillos.

Queridos amigos e veciños, o noso respecto un ano máis á Festa e ao Cristo da Vitoria.


Outros discursos
Día da Constitución Española

DISCURSO GALA VIGUESES DISTINGUIDOS 2015

DÍA DAS LETRAS GALEGAS 2015
Dedicado a Xosé Filgueira Valverde


Bando da Reconquista 2015

XXXVI ANIVERSARIO DA CONSTITUCIÓN ESPAÑOLA
(2014)


DIA DE GALICIA 2014


Ver todos


Volver á portada

© Gabinete de Prensa - Concello de Vigo 2003