Man Xornal.vigo.orgXornal.vigo.org Concello de Vigo Contacto
Discurso
Subscribirse


 
venres, 28 de marzo 2008

Imprimir | Enviar

Discurso do alcalde na Gala de Vigueses Distinguidos 2008

Por Abel Caballero Alvarez (Alcalde de Vigo)

Autoridades, señoras y señores.

Hoxe rememoramos o que fai case que dous séculos foi un arresto de forza desta cidade, un exemplo de liberdade, e unha mostra da unidade de Vigo e dos vigueses. Aquel 28 de marzo amosábase o forte carácter de Vigo: a súa forza e a súa liberdade, por enriba de todo.

Vigo é unha cidade irrepetible, e os vigueses e as viguesas somos por historia xente loitadora. Defensores das causas xustas e batalladores na procura do que por dereito nos corresponde.

Hoxe o facemos, por fortuna, desde a palabra e o diálogo, desde a constancia do noso esforzo e desde o noso traballo. Pero a grande meta mantense intacta e a finalidade última é a mesma que fai case 100 anos: queremos seguir a nosa senda, queremos exercer a nosa capacidade; queremos conquistar o noso espazo, queremos ser máis felices.

Estamos orgullosos da nosa fortaleza, que queda amosada de forma perenne, como as follas de olivo da cidade. Temos demostrado en Galicia, en España, en Europa a nosa capacidade, co noso particular estilo, con humildade, pero con aplomo. Con rigor e con constancia.

A unión da cidade nos concede unha forza tal que nos permite conquerir os máis ambiciosos obxectivos, fai dous séculos e hoxe tamén. Acadamos a nosa liberdade entón, e hoxe cada día traballamos para consolidala e ampliala, para crecer e para desenvolvernos.

A nosa individualidade, a vontade democrática popular, as institucións, todas as ferramentas da engrenaxe da liberdade temos o compromiso e o deber de alimentar os valores desta liberdade que tanto traballo nos costou manter.

Vigo é unha cidade viva, en continuo desenvolvemento. A mellor homenaxe aos heroes da Reconquista pasa por continuar co noso traballo para ampliar os nosos dereitos e as nosas liberdades.

Vigo cumpre o próximo ano 2009 douscentos anos. A cidade que naceu da liberación da represión e impulsou a independencia de España dos franceses, cumpre o seu segundo século de vida.

Esta cidade, que conxuga como ningunha terra e mar, converteuse entón no punto de partida da loita de toda España en aras desa liberdade. Vigo foi a primeira cidade en España que recuperou a súa liberdade, e de iso os vigueses estamos profundamente orgullosos.

E hoxe somos unha cidade dinámica, emprendedora, solidaria e acolledora; unha cidade xoven, con iniciativa e de futuro. E hoxe movémonos xa na globalización, porque ese si que é o noso espazo. Porque cando a globalización pareceu emerxer no mundo, aquí en Vigo a recibimos cun sorriso porque xa viviamos nela.

A unión fai a forza. Un dito que está na actualidade máis vixente que nunca. Demostramos que a unión de Vigo, xuntando as forzas de todos os vigueses e viguesas, é capaz de obter o que se plantexe.

Hoxe en día a cidade percorre o seu propio camiño na procura do lugar que lle corresponde en Galicia, en España e en Europa. E para acadalo temos que adiantarnos aos retos que afrontamos.

Vigo primeira cidade de Galicia, motor económico e industrial; a cuarta cidade exportadora de España. Temos a vocación de liderar Galicia, a súa economía, a súa tecnoloxía, o seu emprego, as súas infraestructuras e o seu peso.

Pero tamén temos a vocación de liderar, de liderar en serio a Eurorrexión Galicia Norte de Portugal, característica da Nova Europa Transnacional. Vigo é o seu centro, a cidade sobre a que pivota a economía, a sociedade e a xeografía dun territorio de máis de 7 millóns de almas.

E xa estamos no momento no que se nos escoita en Galicia e en España. Estamos en tempos nos que as grandes demandas de Vigo están en proceso de avance, de concreción.

O tren de Alta Velocidade que chegará a Vigo en tempo, e pronto se alzará unha nova e grande estación intermodal; e un aeroporto remodelado para cumprir a nosa grande meta, ser o primeiro aeroporto de Galicia; e un porto renovado que xa iniciou co proxecto Nouvel e Beiramar a súa andadura, e unha Ponte de Rande ampliada, e o Auditorio e o novo Plan Xeral, e tantos e tantos outros. Eran os soños de Vigo. Agora son realidades imparables.

Pero tamén existen as realidades que veñen mellorar a calidade de vida de todos os vigueses e viguesas, sen discriminacións. Son outras grandes metas. Desde o barrio de Teis ata Bouzas, desde Balaídos ata Cabral, os vigueses verán as súas rúas humanizadas, melloradas e visibles. É o Vigo da Reconquista, o de todos e para todos. Traballo de todos que terá o seu reflexo en todo Vigo.

E a economía. O corazón desta cidade. Que ten que ser mimada, porque somos o que somos polas nosas empresas, polos nosos traballadores, polo noso empuxe. Esa furia imparable de producir. E de facelo ben, no difícil mundo da competencia. E aí é onde nos gusta estar. Sen que se nos coarte nin se nos frene.

E na nosa puxanza ten moito que ver cos profesionais que tanto fixeron pola cidade. Vigo nomeou Vigués Distinguido de 2008 ao Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Industriais de Vigo. O seu indubidable prestixio, a súa iniciativa e innovación, e a súa aportación ao desenvolvemento e liderado desta cidade converten á este colectivo en merecedor da distinción, co gallo do seu 50 aniversario.

E coa educación dos vigueses falamos da Asociación de Antigos Alumnos de Don Bosco María Auxiliadora, Vigués Distinguido, entidade que fomenta e promove desde fai máis dun século a cidade social e solidaria que hoxe é Vigo.

E nos valores e na tradición máis arraigada da cidade tivo e ten moito que ver a Cofradía Cristo da Victoria, que este 2008 cumpre 75 anos, pero que maten viva en Vigo cada día, cada hora, unha devoción que se remonta ao século XVIII.

Cunha historia tamén dilatada, o pasado ano cumpriu os 100 anos, o Xornal A Nosa Terra faise acredora desta distinción grazas a súa loita pola nosa cultura, desde o periodismo e a literatura, na defensa do noso idioma e das nosas liberdades.

Viguesa distinguida neste 2008 é María Victoria Alonso, deportista de elite, subcampioa Europea con só 25 anos en Baloncesto en cadeira de rodas, e un exemplo do espírito de loita, sacrificio e superación dos que os vigueses desexaríamos emular.

E no espírito dos vigueses tamén reside a cultura e a tradición musical. Neste eido, Vigo condecora á Asociación de Amigos da Opera de Vigo, que celebra o seu 50 aniversario, por facer posible que Vigo e os vigueses disfrutemos de espectáculos de gran calidade e artistas de primeira liña no mundo.

E igualmente distingue a cidade á Asociación Corais Polifónicas de Vigo, que recolle e impulsa unha extraordinaria tradición musical viguesa que se perde nos tempos, e que traballa con miles de persoas por recuperar o seu espazo e divulgar a nosa cultura.

E neste 2008, a concesión da Medalla da Cidade de Vigo recala no Estaleiro Hijos de Barreras, nado en 1892. Unha industria que medrou paralela ao crecemento de toda a cidade, adaptándose aos tempos, superando as adversidades ata converterse hoxe nunhas das industrias punteiras do sector naval do mundo. Baixo o seu ala se desenvolveu o naval vigués, que goza na actualidade dun prestixio e recoñecemento mundial. Non é novo. Somos a primeira industria privada de construción naval de Europa.

As tecnoloxías, a innovación, a calidade do Estaleiro o permiten navegar entre os mares da competitividade mundial con soltura e eficacia, nun mundo globalizado ao que o noso sector naval non é esquivo, e erixiuse sobre as dificultades. Buques de Barreras, de Vigo, navegan todos os mares e océanos. Porque de barcos e de mar nesta cidade sabemos máis que ninguén.

A altura económica de Vigo debe ter e xa está tendo o seu reflexo nas posicións e nas altas esferas institucionais.

Toda Europa está a experimentar o impulso do municipalismo, vivimos o tempo das cidades como elementos chave para a calidade de vida dos seus habitantes.

E Vigo quere liderar ese novo auxe das cidades, estar na vangarda do municipalismo. Estamos a falar da calidade de vida, do desenvolvemento da cidade desde dentro, desde a nosa propia actuación. Sen depender de ninguén.

Estamos a falar do noso futuro, do que construímos cada día, reconquistando o noso espazo desde a nosa forza e coa liberdade por bandeira.

Con humildade, con aplomo, con traballo e con esforzo seguiremos levantando o Vigo que desexamos, a cidade que queremos. E debemos facelo dende o diálogo, dende a unidade, dende a man sinceramente tendida. Con xenerosidade, poñendo por diante sempre o ben común.

E así sentímonos orgullosos do que somos, pero o mellor desta cidade aínda está por chegar. Estamos no tempo. Estamos no camiño. Fagámolo xuntos, enarbolando un estandarte común: o espírito da Reconquista. O espírito de 1809. Espírito e valores actuais. Espírito e valores de hoxe.

Moitas grazas.


Outros discursos
Día da Constitución Española

DISCURSO GALA VIGUESES DISTINGUIDOS 2015

DÍA DAS LETRAS GALEGAS 2015
Dedicado a Xosé Filgueira Valverde


Bando da Reconquista 2015

XXXVI ANIVERSARIO DA CONSTITUCIÓN ESPAÑOLA
(2014)


DIA DE GALICIA 2014


Ver todos


Volver á portada

© Gabinete de Prensa - Concello de Vigo 2003