Man Xornal.vigo.orgXornal.vigo.org Concello de Vigo Contacto
Discurso
Subscribirse


 
xoves, 06 de decembro 2007

Imprimir | Enviar

Discurso do alcalde co gallo do Día da Constitución

Por Abel Caballero Álvarez (Alcalde)



Bos días señores e señoras, Excelentísimas e Ilustrísimas autoridades.

Quixera agradecer a todos os asistentes a súa presenza neste acto que, como cada ano, ten o obxectivo de celebrar a Constitución española de 1978, que outorga e protexe os nosos dereitos fundamentais.

A Constitución española, elaborada hai 29 anos, destaca polo espírito de colaboración de toda a sociedade e polo consenso alcanzado na redacción dunha norma que rexe a nosa convivencia democrática.

A Constitución protexe os dereitos de todos os cidadáns, dereitos heteroxéneos que abarcan desde a dignidade da persoa ata a libre información, pasando polo dereito a un traballo e a unha vivenda digna.

Os cidadáns teñen a posibilidade de escoller libremente, a través dos comicios electorais, os cargos públicos que nos representan, encargados de protexer os nosos dereitos e obrigacións constitucionais. A vontade do pobo, manifestada a través do seu voto, é soberana e delimita as liñas de traballo para os próximos anos.

As autoridades públicas teñen a obrigación de promover e garantir todos estes dereitos, salvagardando os individuais, pero primando o ben común sobre o interese particular.

Baixo este criterio debemos traballar as institucións públicas, xa que así ampliaremos as liberdades, melloraremos o noso estado de dereito e benestar e, talvez o máis importante, cumpriremos co mandato que os cidadáns expresaron libremente nas urnas.

Hai escasos meses, durante a campaña electoral, tiven a oportunidade de expor as liñas mestras do que é hoxe, tras a decisión soberana dos cidadáns, o noso programa de goberno. Entre elas, o acceso a unha vivenda digna para todos os vigueses e viguesas e a creación de emprego.

O noso compromiso cos cidadáns, selado nas urnas, foi, é e será irrenunciable. Comprometémonos a garantir o acceso para todos a unha vivenda digna, e así o fixemos. O novo Plan Xeral inclúe a construción de 63.000 vivendas de protección oficial distribuídas por todo Vigo, residencias dignas e a prezo alcanzable, tal e como garante a Constitución.

Os poderes públicos teñen a obrigación de garantir este dereito, "Todos os españois teñen dereito a gozar dunha vivenda digna e adecuada. Os poderes públicos promoverán as condicións necesarias e establecerán as normas pertinentes para facer efectivo este dereito, regulando a utilización do chan de acordo co interese xeral para impedir a especulación. A comunidade participará nas plusvalías que xere a acción urbanística dos entes públicos". Con estas palabras textuais recolle a Constitución este dereito no seu artigo 47. Baixo este criterio traballamos, acorde ás leis, e porque así o decidiron os vigueses e as viguesas nas pasadas eleccións.

Ademais, a inclusión do 43% de vivenda protexida sitúa a Vigo á cabeza das correntes urbanísticas da España moderna. Esta medida está sendo amplamente aplaudida e apoiada por todo tipo de institucións: arquitectos, sindicatos, construtores, ademais das administracións públicas municipais, autonómicas e estatais.

Garantimos unha vivenda accesible a todos os cidadáns, en todos os ámbitos. Un Vigo igualitario e social. Un lugar no que os vigueses que así o queiran poderán establecerse na súa cidade, no seu barrio ou parroquia, sen ter que afastarse dos seus familiares e amigos, ou ata emigrar.
Pero nós plantexámonos ademais que retornen os que por carestía de vivenda tiveron que ir vivir a unha zona do contorno de Vigo e desexan voltar á súa cidade de orixe.

Este é o noso modelo de desenvolvemento para Vigo. Porque o crecemento dunha cidade non é incompatible coas garantías sociais que inclúe a Constitución. Como o dereito á vivenda e ao emprego.

O noso goberno marcouse como obxectivo principal reducir ao máximo a taxa de desemprego na cidade. Estamos desenvolvendo plans de emprego específicos para os sectores de poboación con máis dificultades de acceso ao traballo, como as mulleres, que representan case o 65% dos desempregados de Vigo. O dereito a un traballo está recollido na nosa Constitución no artigo articulo 35 "Todos os españois teñen o deber de traballar e o dereito ao traballo, á libre elección de profesión ou oficio, á promoción a través do traballo e a unha remuneración suficiente para satisfacer as súas necesidades e as da súa familia, sen que en ningún caso poida facerse discriminación por razón de sexo".

A nosa liña de traballo a este respecto está apoiada polas cifras. A outubro deste ano, o 2007 é o mellor ano dos últimos cinco no que a desemprego se refire. Pero isto é só o comezo.

O noso compromiso co emprego ratifícase de novo no Plan Xeral, a nosa particular folla de ruta. Realizamos enormes esforzos para garantir a chegada de novas empresas á cidade e satisfacer a demanda dos sectores industriais xa existentes, e que consolidan a Vigo ano tras ano como motor económico e industrial de Galicia.

O chan industrial que inclúe o Plan cobre con garantías a necesidade empresarial para os próximos anos, o que sen dúbida xerará crecemento económico, desenvolvemento e benestar, pero tamén emprego para os vigueses, un dereito fundamental de todos os cidadáns.

O Plan marca as liñas do que será Vigo no futuro. Unha cidade igualitaria, de carácter social, de dereitos e de benestar, con capacidade de desenvolvemento e crecemento. Unha cidade para vivir e para traballar. Unha cidade que teña peso no conxunto de Galicia e de España. Que ocupe o lugar que lle corresponde.

E para logralo, necesitamos contar coas mellores infraestruturas. O AVE chegará a Vigo nos prazos previstos, isto é, no ano 2012. Con vontade e capacidade de xestión, logramos que unha demanda cidadá, cuestionada hai escasos meses, sexa hoxe unha realidade.

Nos últimos cinco meses, Fomento licitou o tramo de alta velocidade entre Vigo e Ourense por Cerdedo, o 21 de setembro , e o acceso norte, o pasado 7 de novembro .

A saída Sur farase por baixo da avda. de Madrid, e nas semanas próximas concluirase o proxecto da nova estación de ferrocarril. Ademais, a Unión Europea destinou, hai uns días, un importante investimento orzamentario ao AVE que unirá Vigo e O Porto. A isto refírome cando falo de pór a Vigo no lugar que lle corresponde.

Pero as infraestruturas aprobadas por Fomento nos últimos cinco meses non se limitan aos ferrocarrís. O Ministerio licitou o 10 de xullo o estudo informativo e do trazado do viario da nova autovía A-57 Vigo-O Porriño.

O 25 de outubro aprobouse a conexión da autovía Pontevedra-Alto de Confurco coa A-52 , e o 21 de novembro, a licitación do estudo informativo da conexión da A-57 coa rede viaria de Vigo e co acceso a Peinador.

Estas actuacións son firmes, incluídas no Boletín Oficial do Estado, que é onde se ratifican os compromisos.

O acceso está en marcha, e a ampliación do noso aeroporto, tamén. Peinador presenta un potencial de crecemento moi importante, o máis elevado de Galicia, que precisa unha ampliación urxente.

AENA xa asumiu este compromiso, e a construción dunha nova terminal en Peinador está en marcha. Esta nova terminal, que ademais do tráfico de pasaxeiros tamén propiciará o desenvolvemento do tráfico de mercancías, conta coas partidas orzamentarias precisas tanto para o seu desenvolvemento como para acometer as obras de acondicionamento que leva parellas (novos accesos, novo aparcadoiro, etc).

E este breve repaso polas infraestruturas debe concluír no Porto, referencia da historia da cidade.

Vigo debe ser cabeceira dunha Autoestrada do Mar. A puxanza económica da nosa cidade, a presenza da planta de PSA Peugeot Citroën e a capacidade loxística intermodal que desenvolvemos como consecuencia de todo iso así o demandan.

Pero na súa relación co porto, Vigo asume un momento clave da súa historia; recuperar de xeito eficaz e real un espazo litoral no que se garanta unha relación harmónica entre o cidadán e a actividade portuaria sen menoscabo de ningunha das partes.

Como alcalde ratifico o interese estratéxico que lle concedín no seu día como presidente do Porto ao proxecto de recuperación do litoral urbano. O acordo alcanzado coa Consellería de Política Territorial para a construción do túnel de Beiramar pon de manifesto a vixencia do noso compromiso cun proxecto que consideramos clave para o futuro de Vigo.

E garanto que levarán a cabo o Proxecto Nouvel e o Proxecto Beiramar, a pesar dos obstáculos que haberá que salvar. Porque a salvar obstáculos nesta cidade estamos afeitos.

E digo clave, referíndome tanto ao desenvolvemento económico como á mellora da calidade de vida que demandan os nosos cidadáns e que se sintetiza na idea dunha cidade para traballar, unha cidade para vivir.

No vixésimo noveno aniversario da Constitución española de 1978, os vigueses renovamos o noso compromiso co fomento da cidadanía como eixo da democracia e co fomento dunha sociedade de progreso, igualitaria, democrática e solidaria.


Outros discursos
Día da Constitución Española

DISCURSO GALA VIGUESES DISTINGUIDOS 2015

DÍA DAS LETRAS GALEGAS 2015
Dedicado a Xosé Filgueira Valverde


Bando da Reconquista 2015

XXXVI ANIVERSARIO DA CONSTITUCIÓN ESPAÑOLA
(2014)


DIA DE GALICIA 2014


Ver todos


Volver á portada

© Gabinete de Prensa - Concello de Vigo 2003