Man Xornal.vigo.orgXornal.vigo.org Concello de Vigo Contacto
Discurso
Subscribirse


 
venres, 23 de marzo 2007

Imprimir | Enviar

Discurso da alcaldesa con motivo do día da Reconquista 2007

Por Corina Porro Martínez (Alcaldesa do Concello de Vigo)



Viguesas e vigueses. Avanzamos cara a unha cidade que supera antigas fronteiras, vellas rivalidades. Vigo é hoxe un novo Vigo, é o resultado dunha tarefa compartida por todos, dunha responsabilidade común.

A historia nos fala de cómo os vigueses temos sido quen de reunirnos ao redor do interese común, da defensa da liberdade e da identidade propia. E isa é a conclusión máis importante de efeméride que hoxe recordamos.

Un propósito no que cabemos todos. Onde non existen personalismos. Todos e cada un dos vigueses fumos entón os protagonistas do feito histórico como o temos sido ao longo destes anos na transformación da cidade.

Hoxe, como en 1809 , as batallas as gaña ou as perde a cidade. Pero Vigo non é un campo de batalla. Vigo non é un movemento compulsivo. Vigo é unha cidade que se reinventa e se redescubre. Unha cidade que ten existido sempre na nosa conciencia e que imos descubrindo e construindo a medida en que lle retiramos os velos que a cubren.

Neste xogo de asombro e diversidade a cidade non é, entón, só o que vemos, senon o que está por ver. Na medida en que Vigo crece cobra novas dimensións espaciais, novas cores e formas.

E iste é un proceso longo, progresivo, que non se para nunca. Porque se o facemos, se repetimos os erros do pasado, entón copiamos un modelo vello, incapaz de adaptarse ao novo, ao que está a pasar agora.

E o que non se adapta fáltalle a vitalidade precisa para evolucionar e, entón, destrúese facilmente.

Non rachemos cos espazos de acordo que temos atopado. Non botemos pola borda o esforzo feito. Porque nas diferencias tamén é posible revelar o común, o que compartimos, o que é preciso manter para o futuro.

Se hoxe este novo Vigo é un espazo de referencia para quen o habitamos, se é un espazo de comunicación onde as dúbidas desaparecen e existe a certidume respecto do rumbo que queremos, entón, non destruiamos o que xuntos temos acadado, non pateemos o caldeiro co leite recollido.

Mañá Vigo dirá cómo desexa continuar a construir o seu futuro. E o dirá libre, dende a reflexión serena, sen medo nin incertidume.

Porque as convulsións, as tempestades, os arrebatos son sempre fríos, destructores e... pasaxeiros. E porque Vigo é unha cidade de seu. Que se sabe, que se coñece e que reclama, unha vez máis, unidade, responsabilidade, diálogo, consenso.

E erra quen cré que algunha vez abandonamos ese camiño. Erra quen considera que, no revoltallo, alguén gaña algo. Insisto, todos perdemos na medida en que quen perde é a cidade.

Exerzamos, xa que logo, o compromiso que temos asumido con Vigo. Con responsabilidade, con sentido de cidade.

Vigo olla ao futuro con confianza. Olla ao profundo azul do seu mar. Vigo, como Warhol, se interpreta a sí mesma, se define e se enorgullece da súa propia configuración como cidade, integrando nese novo Vigo ás súas parroquias, multiplicándose, extendéndose ao longo do conxunto do seu territorio.

Vigo, hoxe, non é unha construcción meramente técnica, conformada por cuadrantes, intervencións, obxectos, cables... Vigo, os vigueses, recibimos a luz do sol, respiramos o aire salado do mar, nos arrepía a brisa calma e fría deste inicio de primavera.

Nese camiñar pausado cara adiante, sexamos xenerosos e máis ambiciosos. Vigo constrúese sobre a súa historia pero, sempre, o fai cara adiante. Forma parte do noso carácter.

Porque na cidade os intercambios nunca se detienen. Sexa de día ou de noite. Os conceptos do tempo dependen da actividade dos cidadáns e dos espazos onde se relacionen: un bar, un hospital, unha plaza do mercado, unha rúa, un portal... Sempre adiante, coa mirada fixa nun futuro cheo de oportunidades para todos.

Non somos transeúntes en Vigo. Somos os seus cidadáns. Vigo é cousa moi seria. Por iso debemos mirar cara ao futuro e garantirnos a estabilidade necesaria na que se asenta o diálogo. Dende a flexibilidade, o interese común e o sentido de cidade faremos da heteroxeneidade que nos caracteriza unha fortaleza, unha oportunidade.

Hoxe, dicía, rememoramos o feito histórico da Reconquista da cidade, un día grande na memoria colectiva dos vigueses. Por iso, hoxe, distinguimos aos nosos concidadáns, a aqueles que dende a educación, o xornalismo, a investigación, a cultura, o deporte ou a solidariedade, merecen o recoñecemento da cidade polo labor feito.

Un traballo, as veces calado ou anónimo, que realizan cada día por Vigo e polos vigueses. Por iso, esta noite, a cidade lles rende homenaxe e lles outorga a consideración de Vigueses e Viguesas Distinguidos.

A medalla de ouro recoñece, este ano, ó labor da Rede de mulleres contra os malos tratos, unha tarefa de longo percorrido pero que, mercede ao esforzo destas mulleres, hoxe, o obxectivo de erradicar a violencia de xénero, está un pouco máis preto.

Ademáis, a visibilización dun asunto que nos afecta a todos, ao conxunto da sociedade, é un paso definitivo, que non ten volta atrás na concienciación como camiño indefectible.

Recibe tamén hoxe a máxima distinción da cidade, a medalla de ouro, a policía local de Vigo no seu 125 aniversario. Un recoñecemento a todos os seus axentes sen excepción.

Aos que conformaron, hai longos anos, o corpo; a aqueles que xa non se atopan entre nós; aos que están retirados hoxe e máis aos que forman parte dun corpo de policía municipal comprometido na súa vocación de servizo aos cidadáns.

E remato, señoras e señores. O compromiso con Vigo é o camiño na medida en que compromiso significa obriga contraída, palabra dada, fe empeñada.

Ese é o meu compromiso con esta, a miña, a nosa cidade.
VIVA VIGO.


Outros discursos
Día da Constitución Española

DISCURSO GALA VIGUESES DISTINGUIDOS 2015

DÍA DAS LETRAS GALEGAS 2015
Dedicado a Xosé Filgueira Valverde


Bando da Reconquista 2015

XXXVI ANIVERSARIO DA CONSTITUCIÓN ESPAÑOLA
(2014)


DIA DE GALICIA 2014


Ver todos


Volver á portada

© Gabinete de Prensa - Concello de Vigo 2003