Man Xornal.vigo.orgXornal.vigo.org Concello de Vigo Contacto
Discurso
Subscribirse


 
venres, 23 de marzo 2007

Imprimir | Enviar

Bando da Reconquista 2007

Por Bernardo Vázquez Gil (Cronista Oficial da cidade de Vigo)



Viguesas e vigueses:

Outra vez axuntámonos co gallo da conmemoración da Reconquista que festexamos lembrando ós herois, teatralizando os bélicos momentos con remate de fraternal aperta de vigueses e galos, e premiando, tamén, cumpridamente, a quen serviron á cidade dando o seu cotián esforzo e o seu prestixio para elevar o seu rango.

E coido que facendo reflexións sobre a pegada que no Vigo de hoxe deixou aquela acción paradigmática. Porque, ¿se pode dubidar de que eses feitos históricos conformaron o modo de ser, o carácter e a personalidade desta cidade e dos seus habitantes?

Estabamos daquela, na tarefa, os nativos da vila, os da contorna e os de lugares máis lonxanos aínda, todos xuntos, coa convicción segura de acada-lo triunfo con esforzo, con sangue e con valor. A Reconquista foi, así, o resultado dunha nobre comunión solidaria na que se substituiron os intereses propios polo alto interese da comunidade.

E isto é o que convén que resaltemos hoxe: A impronta que deixou en nós aquela xeira: a constancia, o peso dun esforzo común e o entendemento de que hai que estar unidos para conseguir calquera tipo de victoria, sen pensar se daquela trabucámonos defendendo un monarca indesexable para manter ideas absoletas sen aceptar as novas leis modernas que ofertaban os inimigos galos.

Quizais convén reflexionar sacando as claras conclusións que abrochan deste exemplo que no deron os antergos vigueses protagonistas da famosa xesta.

Estarían a pedirnos que fagamos a nosa reconquista cada día pelexando coas armas da verdade, da razón contrastada para vencer ós posibles inimigos, os que paren e couten o desenvolvemento da cidade con actuacións erróneas, dolosas ou inconscientes.

Coido que eses gloriosos devanceiros esixirían de nós que a reconquista diaria debería basearse en condicionamentos permanentes:

Nun amor fondo a Vigo, a nosa nai nutricia que o é àra os nativos e os que se enraizaron, aínda que sintan, sempre, a arela inevitable da terriña natal. E, como consecuencia, traballar a cotío no noso quehacer que ó engrandecérmonos a Vigo engrandecemos.

Convivir cos demais nun mutuo exemplo de afectos para que vexan os alleos que o medrar dunha urbe como a nosa, procede da unidade dos veciños.

Non querer impoñer ideas propias coa forza nin coa violencia, pero si convencendo ós dubidosos co valor e co peso razonado, conseguindo a concordia que precisa Vigo para o desenvolvemento en liberdade.

Recuperar e acrecenta-las puras características viguesas, esas que herdamos dos nosos devanceiros: disciplina moral, constancia e seriedade no traballo, o respecto ó demáis, convivencial sentido, fe no futuro e orgullo, sempre, de ser vigués. Poñer, en suma, todo o afán para que Vigo nunca perda eses claros sinais de identidade que temos por cesión da nosa historia -que non son de hoxendía pois por esta bisbarra xa andabamos hai máis de dous mil anos-.

Insisto en que sintamos o orgullo de viguismo, de vivir nunha urba que se fixo a si mesma, cos esforzos de todos, con moi poucas axudas merecidas, quizais porque pensaban que era Vigo, unha cidade con autosuficiencia. Orgullo ó que hai que engadi-la firmeza de pedir, -esixir eu diría-, o que nos corresponde, en auténtica comunión cidadá recramando a supresión de sistemas e normas administrativas periclitadas totalmente.

Estes principios -recollidos nos cordiais contactos con vosoutros, viguesas e vigueses-, coido que son o sentido que ha de ter para nós a conmemoración da Reconquista.

Viguesas e vigueses: que a conquista e reconquista de Vigo, cada día, sexa sempre a nosa principal obriga para que hoxendía nós, e os nosos descendentes logo, poidan gritar, dende o berce ó xacigo, satisfeitos e orgullosos: ¡VIVA VIGO!


Outros discursos
Día da Constitución Española

DISCURSO GALA VIGUESES DISTINGUIDOS 2015

DÍA DAS LETRAS GALEGAS 2015
Dedicado a Xosé Filgueira Valverde


Bando da Reconquista 2015

XXXVI ANIVERSARIO DA CONSTITUCIÓN ESPAÑOLA
(2014)


DIA DE GALICIA 2014


Ver todos


Volver á portada

© Gabinete de Prensa - Concello de Vigo 2003