Man Xornal.vigo.orgXornal.vigo.org Concello de Vigo Contacto
Discurso
Subscribirse


 
mércores, 17 de maio 2006

Imprimir | Enviar

Bando do Día das Letras Galegas

Por Roberto Francisco Relova Quinteiro (Director do Conservatorio Superior de Música de Vigo)



SOBRE O MAR, AS MÚSICAS E AS PALABRAS

Non existe mar sen barco nin terra, non existe palabra sen música, non existe Galicia sen mares, nin palabras nin músicas. Desde a idade media aparece nos cancioneiros dos trobadores unha lenda que se estende por toda Europa, pola Europa das culturas e a dos camiños. A lenda de Tristán e Isolda, vinculada poeticamente coas viaxes, o mar e a fuxida do mundo a través da paixón amorosa. Afonso X o Sabio, nun descort que aparece escrito en 1260, e que figura no Cancioneiro galaico-portugués, de Colocci, escribe:

...ca ja París

d ´amor non foi tan coitado

nen Tristán

nunca sofreu tal afan.

Pouco tempo despois, o rei de Portugal Don Denis, utiliza o mesmo símil, dicindo nuns versos de amor:

... e o mui namorado

Tristán sei ben que non amou Iseu

quant´eu vos amo

Martín Códax une a paixón, os seus versos e a música mirando a un mar, ao mar de Vigo. Os barcos e as paixóns unen e rompen a harmonía dos pobos. Manuel Lugrís Freire emigrou a Cuba en 1883, coa amada máis fiel: a súa lingua galega, a súa lingua nai. Con ela cantou, reivindicou e dignificou a cultura da distancia. Tiña que ser na Habana, terra mensaxeira de mares, terra de poetas e testemuña do drama de galegas e galegos. A emigración dos nosos antepasados a Cuba a finais do XIX e principios do XX ten a súa orixe principalmente nas razóns económicas. Ao comezo emigraban familias completas, pero foi máis tarde cando comezaron a viaxar homes e mulleres individualmente. Para a mulleres soas e nesta segunda forma de emigración xérase un problema social considerado na época como un dos máis importantes: moitas delas vense obrigadas a exercer indesexables e inhumanos traballos. No século XXI, moitos destes países que no pasado eran receptores hoxe viven a viaxe de ida, agora son os que emigran e somos nós o que deberiamos exercer a lección aprendida dos nosos antepasados: a solidariedade. En Cuba, pronto se puxeron en marcha os mecanismos para defender os dereitos, a dignidade dos seres humanos que viaxaban en busca dun feliz horizonte. Pero tamén, do mesmo xeito que Lugrís Freire, loitaron por reinventar a nosa cultura, a nosa poesía e o noso teatro nun país alleo á nosa realidade. Por iso loitouse, para que na Habana se consolidase un centro galego inmerso no corazón dun pobo latino. Lingua galega, arte galega, dereitos dos emigrantes víronse unidos por asociacións, sociedades como "Solidariedad Pontevedresa" (1912), o Centro Gallego da Habana ( 1879) ou "Hijas de Galicia" (1917), que se crean para protexer, asesorar e difundir o patrimonio de Galicia e soñar cos pobos do outro lado do Atlántico. En Cuba sucédense eventos culturais de primeira magnitude, Manuel Lugrís Freire funda e dirixe o primeiro diario americano en galego: "A Gaita Gallega", a asociación "Hijas de Galicia" consolidouse probablemente coas súas máis de 60.000 socias galegas, como o primeiro movemento feminista en América. A nosa historia nos países da emigración é exemplo de vontade, de compromiso, de soños e ideais, de inxustizas, de dramas, pero é nosa, é a nosa historia, chea de orgullo, digna e solidaria.
A Real Academia Galega no emblemático ano 2006 homenaxea a un galego universal, Manuel Lugrís Freire, defensor dos nosos emigrantes, da nosa lingua e da nosa historia. As nosas mulleres e homes que se dedicaron á cultura galega merecen a homenaxe cotiá dos nosos pobos, educando aos nosos fillos nunha lingua de poesías, amores, loitas, reivindicacións. A lingua galega é o noso barco que viaxa por mil mares, que suca a imaxinación dos pobos, que nos une con países afastados. O galego xa non só chora, amou e ama, soñou e soña, viviu e vivirá, sempre que o noso século XXI reinvente unha cultura con memoria histórica, con profundo coñecemento e con forte bases educativas. A Galicia do século XXI é a dos novos creadores da fotografía, do audiovisual, da investigación, da creación musical, das artes plásticas, da literatura e do cine, dun novo teatro e danza.
A lingua galega e a música son patrimonio universal, e inseparables amantes, así o demostran os nosos compositores como Adalid, Bal e Gay, Gaos, Montes, Groba, Trillo, pero tamén músicos como M. Ravel que pon a súa música ao servizo dun poema da nosa nai Rosalía. Cada 17 de maio é a festa da cultura galega e cada ano celebramos e descubrimos apaixonadamente a mulleres e homes que nos axudan a construír o noso pasado e presente, que nos axudan a comprender a nosa historia. Elas e eles son monumentos vivos dunha cultura do mar, da terra, da nostalxia, do compromiso, da loita contra a inxustiza, exemplo de solidariedade , en definitiva da nosa Galicia. Que todos os días do ano sexan 17 de maio, e que todos os días celebremos a nosa lingua como o barco universal das culturas.


Outros discursos
Día da Constitución Española

DISCURSO GALA VIGUESES DISTINGUIDOS 2015

DÍA DAS LETRAS GALEGAS 2015
Dedicado a Xosé Filgueira Valverde


Bando da Reconquista 2015

XXXVI ANIVERSARIO DA CONSTITUCIÓN ESPAÑOLA
(2014)


DIA DE GALICIA 2014


Ver todos


Volver á portada

© Gabinete de Prensa - Concello de Vigo 2003