Man Xornal.vigo.orgXornal.vigo.org Concello de Vigo Contacto
Discurso
Subscribirse


 
martes, 28 de marzo 2006

Imprimir | Enviar

Bando da Reconquista

Por Francisco López Peña (Delegado do Estado no Consorcio da Zona Franca de Vigo)



Viguesas, vigueses:

¡Alimentemos o mito da Reconquista!

Vigo é moito máis que unha xeira de rúas e habitantes, é unha sociedade urbana. Somos un colectivo de persoas que temos unha historia e un proxecto común. Habitantes dun espazo que perciben como as melloras na súa cidade inflúen directamente no benestar dos cidadáns; de xeito que o progreso urbano fainos progresar a todos.

Na medida en que formamos un equipo somos quen de acadar obxectivos máis ambiciosos. Esta cohesión social conséguese co esforzo cotián feito por todos por acadar unha cidade mellor; do mesmo xeito, algúns feitos históricos fixeron que o espírito vigués se fortalecera fronte a unha grande adversidade. Este é o significado que tivo a Reconquista para Vigo, xa que, naquela altura, conseguiuse a unión de todos os vigueses e creouse un mito para todos nós: a cidade levantada que representa a súa unidade diante do invasor.

Vigo é unha tarefa común que aínda necesita do esforzo de todos. Somos unha cidade cun grande dinamismo, admirado polas terras do norte e do sur, pero as metas que podemos alcanzar son máis altas das que a primeira vista podemos albiscar. Se conseguimos resolver a falta de solo industrial, a ordenación do territorio e algúns problemas nas nosas infraestructuras, poderíamos dar un brinco cara adiante de tamaño tan espectacular que a nosa contribución ó desenvolvemento económico de Galicia levaríanos a un tempo mellor.

Aínda que hai cousas da cidade que non nos gustan, as posibilidades de mellora de Vigo son enormes. Soamente temos que ver os cambios experimentados nos últimos anos no centro e decataremonos do que pode cambiar a paisaxe urbana si nolo propoñemos. Temos que mellorar a nosa autoestima e convencernos que podemos conseguir unha cidade máis humana e cada vez máis admirada polos forasteiros.

Vigo ten que ser o cerne dunha grande área metropolitana, eixo do desenvolvemento de Galicia; para elo é moi importante a mellora das comunicacións cos municipios da comarca e particularmente co Morrazo. Os cintos de circunvalación supuxeron un grande paso adiante nas infraestructuras do noso Concello, pero agora estes téñense que conectar cos demais concellos do contorno para que os tempos de transporte diminúan ó mínimo, permitindo o intercambio e equilibrio de servizos.

Vigo soubo modernizarse a gran velocidade nos últimos cincuenta anos, hoxe ten aínda que dar una nova alancada e converterse en líder en investigación e innovación de Galicia. Temos unha Universidade que, aínda que nova, está gañando a cotío prestixio no ámbito tecnolóxico e ten que ser alí, cos vellos mestres e maila nosa mocidade, onde medre a árbore que enraíce o novo tecido industrial da cidade, unha cidade do coñecemento.

Viguesas e vigueses, temos grandes retos por diante que soamente podemos superar ca unidade de todos nós. Emporiso, o mito da Reconquista sigue a ser necesario.

¡Derrubar as murallas do vello castelo para que medre a cidade nova!.


Asdo: Corina Porro Martínez, Alcaldesa de Vigo


*Este bando foi redactado por Francisco López Peña
Delegado do Estado no Consorcio da Zona Franca de Vigo


Outros discursos
Día da Constitución Española

DISCURSO GALA VIGUESES DISTINGUIDOS 2015

DÍA DAS LETRAS GALEGAS 2015
Dedicado a Xosé Filgueira Valverde


Bando da Reconquista 2015

XXXVI ANIVERSARIO DA CONSTITUCIÓN ESPAÑOLA
(2014)


DIA DE GALICIA 2014


Ver todos


Volver á portada

© Gabinete de Prensa - Concello de Vigo 2003