Man Xornal.vigo.orgXornal.vigo.org Concello de Vigo Contacto
Discurso
Subscribirse


 
mércores, 30 de marzo 2005

Imprimir | Enviar

Reconquista 2005

Por Corina Porro Martínez (Alcaldesa do Concello de Vigo)

Discurso da alcaldesa, Corina Porro, pronunciado con motivo da festividade Reconquista , o martes 29 de marzo, ás 20 horas no Teatro do Centro Cultural Caixanova.

Viguesas e vigueses:

A nosa cidade atópase nun momento decisivo para a súa reconquista. Reconquistar Vigo para os seus cidadáns é unha oportunidade que, como fixeran os nosos ancestros no 1809 (mil oitocentos nove), haberemos de abordar con confianza e decisión.

Proxectar unha cidade cara ao futuro supón entender o seu territorio e mellorar as condicións da calidade de vida dos seus habitantes, o que implica reflexionar sobre as relacións que existen entre a cidade e os seus cidadáns, para planificar o seu espacio e o seu tempo.

Fronte o tempo breve dos apremios cotidiáns o tempo longo do territorio invítanos a non cancelar o pasado. Pensar as cousas con detenimiento para que sexan útiles por moito tempo.

Dende a reunión dos intereses da cidade, o respecto mútuo, na procura de atopar espacios de encontro nas diferencias... a reinvención do noso propio futuro pasa, necesariamente, por entender a nosa tarefa como unha responsabilidade compartida.

Porque aínda que facer cidade, construir a súa forma física, pertence a un proceso permanente e dinámico, no que a sociedade no seu conxunto está implicada, vivimos as veces oportunidades únicas nas que temos nas nosas máns as ferramentas que nos permiten planificar e reinventar o mañana.

Os planes urbanos pertencen a esas oportunidades únicas, porque nelas maniféstase cómo se concibe a cidade nun contexto particular da súa evolución histórica.

Vigo, como cidade costeira que é, utiliza as súas enerxías para navegar e conquistar tesouros da mar infinita. En terra adentro os soños esgótanse e consumen o tempo dos homes. No noso imaxinario Vigo, por riba doutras consideracións, é unha cidade cosmpolita e moderna.

A cidade constrúese dende ese espacio no que a terra linda co mar e co esforzo de xentes diversas que son acollidas no seu seo.

A capacidade das xentes viguesas para vivir, convivir, estar e relacionarse enfróntase diante da carencia de verdadeiros espacios urbanos públicos no sentido clásico da palabra. É dicir, lugares abertos, onde o proxecto colectivo de convivencia e habitabilidade que é unha cidade se exprese libre e creativamente.

Reconquistemos prazas e rúas. Reconquistemos os referentes arquitectónicos que simbolizan a nosa memoria histórica.

E se a nosa historia transita entre a urbe e o mar reconquistemos tamén esa relación estreita e proveitosa que mantiñan os nosos ancestros co mar de Vigo.

Naqueles tempos da Reconquista a cidade atopábase vencellada certamente ao mar. O mar como recurso, o mar como sector productivo, o mar como soño e esperanza.

Os vigueses queremos dar a volta e mirar de frente ao océano. Ao mesmo que dende o seu profundo azul miraba aos vigueses de 1809 (mil oitocento nove) que hoxe rememoramos.

Temos oportunidades para que esa reconquista cívica non afogue a reconquista económica que tamén estamos obrigados a facer. A reordenación da área portuaria de Bouzas é outro deses elementos únicos aos que facía referencia ao inicio da miña intervención. Unha oportunidade que non pode fuxir das nosas máns como auga que non podemos reter.

Esa relación co mar pode ser real, non figurada, e debe ser aproveitada no noso beneficio e polo noso propio interese.

Nas derradeiras décadas do século XX (vinte) e particularmente en Europa, a construcción de grandes áreas territoriais xurde como resposta alternativa ao crecemento suburbano característico das áreas metropolitanas.

E temos aprendido que estes grandes proxectos requiren dunha amplia visión, de ilusión colectiva, de capacidade de liderazgo, de compromiso económico de creación de infraestructuras e de creatividade para o deseño dun marco de vida e traballo atractivo no ámbito de influencia da gran cidade.

Reconquistemos, pois, o espacio territorial que en verdade utilizamos os cidadáns. Reconquistemos o feito metropolitano.

Fagamos real a nosa vida cotidiana. A que vive Vigo en relación coa súa área. A realidade que racha cos límites territoriais para expandirse nas súas relacións sociais, culturais, económicas...as que en verdade vivimos cada día os máis de cincocentos mil habitantes deste amplio e rico espacio territorial.

A cidade que sexa será a cidade do diálogo. Da reflexión serena e compartida. Díxolle a cidade ao home: "de que sexas un home depende a miña existencia" O exercicio de cidadanía é, por tanto, unha obriga e un deber de todos.

Xuntos construiremos o que queiramos ser. Con erros e con acertos pero xuntos. Nunca existe un cen por cen de acordo pero sempre hai un espacio de encontro onde as dificultades atopan consenso. Nas nosas máns está o noso propio futuro.

E hoxe, no marco da nosa grande festa na que rememoramos aqueles acontecementos que hai case douscentos anos protagonizaron heroes coñecidos e homes e mulleres anónimos, recoñecemos, tamén, a quen no seu labor diario fai cidade.

Ao Xeral de Vigo, símbolo da cidade e dos seus habitantes. Aos vigueses e viguesas distinguidos, que co seu labor, calado, xeneroso, solidario, fan de todos nós cidadáns orgullosos de seren vigueses.

A inauguración do edificio do Xeral, icono da nova cidade daquel mil novecentos cincuenta e cinco foi, como todas as grandes actuacións estructurais, transformadoras, motivo de polémica cidadán. Os vigueses amosaban, xa entón, o seu espíritu participativo, e todos opinaban sobre a súa estructura, a súa beleza, o seu proxecto arquitectónico...ata sobre a que debería ser a súa denominación.

Marzide Odrizola entendeu ben Vigo cando realizou o seu proxecto para a Residencia. Él fixo o continente dun contido que foi máis aló do que podiamos esperar dun centro hospitalario.

O Xeral como principio e fin. O incio da vida de milleiros de vigueses e o adeus de tantos outros que nos deixaron. O Xeral como esperanza e superación de momentos críticos de tantas familias viguesas.

O Xeral como exemplo de vocación e entrega dos seus traballadores. Os de entón e todos os que teñen desenvolvido alí a súa vida profesional.

E quero destacar, especialmente, o labor das enfermeiras visitadoras, como así se chamaban, que dende o primeiro día entregaron, en moitos casos, a súa vida enteira ao coidado e atención aos enfermos.

Viviron internas no Xeral. Deixaron ás súas familias, á súa casa, o seu entorno... para exercer unha vocación vintecatro horas cada día do ano. A súa xenerosidade non pode ser esquecida.

Como tampouco podemos olvidar a huella que deixan na cidade os vigueses e viguesas que hoxe distinguimos. Homes e mulleres que nos invitan co seu exemplo a ser mellores. A abordar a nosa existencia dende unha visión máis solidaria, máis xenerosa, máis esforzada.

O seu compromiso con Vigo reflíctese na educación e formación, no deporte e na cultura, na solidariedade e na empresa... trazando un fiel reflexo dos vigueses de hoxendía.

Son O Colexio Jesús de Praga, o Doutor Teixeiro, a Escola Municipal de Danza, Raimundo Sendino, o Doutor Robles, Manuel Parcero, o Clube dos Leóns, Javier de la Gándara, Eduardo Fernández Davila, as Damas da Concepción e Bieito Ledo.

Gracias por facer de nós máis vigueses, máis cidadás, mellores persoas.

O latexar desta grande noite viguesa que hoxe compartimos nos brindou a oportunidade de reflexionar sobre o que fumos, o que somos e o que podemos chegar a ser.

Reconquistar Vigo é tamén construir cidade. Os vigueses estamos a facer ese camiño con valentía, esforzo e diálogo.

E temos que sentirnos orgullosos do que hoxe somos, da cidade que compartimos, do futuro que é posible, que non é un sono.

E o futuro, o noso futuro, chámase VIGO.


Outros discursos
Día da Constitución Española

DISCURSO GALA VIGUESES DISTINGUIDOS 2015

DÍA DAS LETRAS GALEGAS 2015
Dedicado a Xosé Filgueira Valverde


Bando da Reconquista 2015

XXXVI ANIVERSARIO DA CONSTITUCIÓN ESPAÑOLA
(2014)


DIA DE GALICIA 2014


Ver todos


Volver á portada

© Gabinete de Prensa - Concello de Vigo 2003