Man Xornal.vigo.orgXornal.vigo.org Concello de Vigo Contacto
Discurso
Subscribirse


 
venres, 23 de xullo 2004

Imprimir | Enviar

Hai unha Galicia que vai máis alá das fronteiras políticas. Hai un sentimento, ilusión ou idea chamada Galicia que existe máis alá da xeografía. Bando do Día de Galicia

Por Carlos Núñez (Artista convidado)

Galiza para algúns, Galicia para outros. Hai moitas, unha por cada un de nós.

Cadaquén ve unha perspectiva diferente de Galicia e, moi a miúdo, a que calla como común denominador é a de alguén que mira dende lonxe, así a reinvención de Galicia dende a emigración galega. Galicia está en continua búsqueda de si mesma, cuñando continuamente tópicos, creando mitos ou tomando prestados os doutros para facelos definitivamente seus. Pero todos sabemos que eses tópicos veñen e van. Así somos, facemos noso o mundo moldeándoo ó noso gusto. Esa forza concéntrica, tan anterga como a nosa memoria, é, seguramente, a maior das herdanzas que temos. É como na nosa música:¿ Existe a música celta? ¿Que é Galicia? Ninguén nos vai dar unha definición científica, mais ninguén pode negarnos a vontade.

Hai unha Galicia que vai mais alá das fronteiras políticas. Galicia é unha ópera dos sentidos, onde agricultura, arquitectura, música, letras, cociña... van da man e interactúan. Hai un sentimento, ilusión ou idea chamada Galicia que existe mais alá da xeografía. Isto ocorreu con America Latina e a nosa emigración, isto está a ocorrer coa gaita actualmente en España, e isto vivímolo cos voluntarios do Prestige. Toda esa xente quere ser galega e Galicia non debe pechar as súas portas. É algo semellante ó que está a ocorrer en Francia concretamente na Bretaña, onde din que "être breton est un état de l’âme". É un sentimento máis alá do lugar de nacemento ou de residencia, quen sabe se unha moda.

Gústenos ou non, hai mesmo unha Galicia que vai mais alá da lingua galega que hoxe coñecemos. É algo que os nosos amigos irlandeses asimilaron hai xa moito tempo, así Irlanda ten dado algúns dos mellores escritores en lingua inglesa da historia. Non esquezamos que Galicia quizais apareceu como unha idea na ápoca dos conquistadores romanos, tempos en que, se cadra, había aquí varios pobos. A Galicia que hoxe coñecemos é a ordenación de múltiples realidades complexas.

Galicia, afortunadamente, tomou conciencia de si mesma nos últimos anos, con orgullo, e pouco a pouco vaise espallando este sentimento fóra. Pero non nos trabuquemos, o mundo é moi grande, e queda moito camiño por andar. Nas miñas viaxes, gústame pescudar exemplos desa presencia da pequena Galicia no ancho mundo que, en ocasións, nos inspiran a nosa propia imaxe. Sucede cando vemos plasmadas no noso himno a lenda de Breogán, tomada do Libro das Conquistas de Irlanda, cando descubrimos o derradeiro libro de cabalerías francés Ponthus, O Fillo do rei de Galicia ou "Le petit roi de la Galice de Victor Hugo… pode parecernos simplemente iso, libros de cabalería, pero viaxando descubrimos que, aínda hoxe, son vías de química humana que seguen a funcionar. Quen sabe se os nosos mitos, non son as probas dunha intuición ou dunha memoria colectiva e selectiva que vai escollendo o traxe a medida para nós mesmos.

Non obstante, Galicia actúa como a nai. Os galegos non deixamos de estudiala, de aprender da súa observación, mais no fondo pouco a podemos cambiar. Este espírito antergo da Terra sorprendeu a aqueles voluntarios do Prestige que representaban a confianza do home en sí mesmo, como paradoxicamente tamén o representou a orixe do desastre.

Galicia reinvéntase a través de figuras senlleiras que a ven e nola fan amosar con ollos novos, pero tamén é, como a súa música tradicional, a antítese do xenio creador individual. Na tradición os artistas somos parte indivisible dunha cadea. ¿Canto hai de Rosalía e canto da tradición oral que ela por primeira vez codificou na escrita?, ¿canto haberá da Igrexa e canto das antergas tradicións no Camiño de Santiago? É a continua reinvención de realidades preexistentes, e somos conscientes diso, quen sabe se de aí virá a nosa relativización das cousas. Por iso, sexa este 25 de xullo día do Apóstolo Santiago, de Galicia, de Galiza... ou sexa un día calquera, o máis importante é que, como di o lema: "Hoc misterium firmiter profitemur" : Disfrutemos deste sólido misterio.

E non podemos deixar de falar de Vigo, que é a realización dunha desas Galicias das que vimos falando. Quizais Vigo sexa mais alá dunha cidade, unha área de influencia de seiscentas mil almas, ou unha administración, quizais sexa de por si, como digo, a realización dunha desas Galicias, onde xa dende tempos lonxanos o mar marcou o seu propio carácter.

Vigo é adoración dunha posta de sol nas illas Cíes. A memoria sumerxida dos galeóns de Rande. Din algúns que o noso maior museo está sumerxido na ría dende épocas prehistóricas.

Vigo é o comercio por vía marítima con pobos lonxanos , os vikingos na ría, os romanos; a chegada, expulsión e posterior redescubrimento dos franceses; a chegada do soño americano ( Para Vigo me voy), sen esquecer que Vigo é a última etapa do rego ourensán que dende a fonte das Burgas tamén quere chegar ó mar dos soños.

O senso industrial que nos trouxeron as conservas catalanas, a complicidade portuguesa, a atracción polo Morrazo, un dos nosos derradeiros paraísos; ningún vigués esquece a primeira visita á ría vista dende o outro lado, é dicir, dende a terra de "María Soliña".

Temos tantas cousas en común con tantos pobos… Teño comprobada a fascinación dos orientais pola nosa parte mais primitiva, dende os cultivos do mar ata a adoración do sol pasando pola relación durante a nosa vida cos nosos mortos ou a sorpresa de topar aquí as súas camelias. Os irlandeses vén aquí o espello da súa terra atlántica, unido ó soño do sol mediterráneo, as viñas, as laranxeiras, as oliveiras. Heminway, cun espíritu case hollywoodiense, cría ver dinosaurios nos montes, daquela deforestados, da nosa Ría.

É posible que Vigo sexa a Galicia o que America ó mundo, unha enerxía, un sistema que é posible canalizar ou, como din algúns, socializar, pero que, polo de agora, ninguén pode parar. Alguén dixo xa, Vigo é a porta do Atlántico, ou sexa, a porta do mundo nun país como Galicia no que ainda latexan saberes e formas de vida anteriores.

¿É posible que Vigo sexa un estado de ánimo como as propias cantigas de amigo o son? ¿Ou que ese corpo que nunca amara siga dentro de nós, nalgún recuncho da nosa alma que atopamos algunha vez cando nos concentramos contemplando a Ría?

Aínda que xa foron descubertos eses paraísos ocultos alén do mar, ese espíritu aventureiro e emprendedor segue aí. Vigo é de espírito novo como as cantigas de amigo de Martín Codax o son.

Vigo, como dicía un amigo arquitecto, mira ben. Así é xa dende os primeiros castros, é un mirador cara o mais alá e ten ese espírito soñador de paraísos.

Vigo atópase hoxe nesa encrucillada entre o disfrute paradisíaco de Martín Codax, da Ría, do amor, da xuventude e dos soños que van da man da natureza, e por outra parte ese espírito industrial da cidade que hoxe é froito do traballo e dan man do home. Precisamos dos dous como corpo e alma e para logralo, non hai máis camiño que a harmonia desas forzas. A batuta máxica que logre este concerto (milenario e futuro) que todos desexamos, devolveranos o tesouro das cantigas, a ilusion e o amor pola cidade.

Nun día como hoxe debemos reflexionar en clave aberta e universal e ir todos da man. O dilema do futuro de Vigo é o dilema do futuro de Europa e da humanidade toda tamén.

Quero rematar, lembrando o concerto de Castrelos de hai unha semana, que para min está moi vencellado a este Día. Castrelos é ese lugar de Vigo con historia persoal para tanta xente, celebrouse o primeiro festival celta de Galicia no 64, para min o primeiro encontro cos Chieftains no 84... e agora esta volta á casa do 2004. O máis importante de Castrelos foi reencontrarnos a nós mesmos. Foi un exemplo de traballo en equipo, incluido o público, mesmo os que estaban en Bouzas cos fogos, que tamén estiveron en Castrelos. Conseguimos poñer en concerto as forzas de Vigo. A música logrou a harmonía. Alí estaban, hai unha semana, en Vigo, seguramente, todas as Galicias.

Carlos Núñez

París, xullo 2004


Outros discursos
Día da Constitución Española

DISCURSO GALA VIGUESES DISTINGUIDOS 2015

DÍA DAS LETRAS GALEGAS 2015
Dedicado a Xosé Filgueira Valverde


Bando da Reconquista 2015

XXXVI ANIVERSARIO DA CONSTITUCIÓN ESPAÑOLA
(2014)


DIA DE GALICIA 2014


Ver todos


Volver á portada

© Gabinete de Prensa - Concello de Vigo 2003