Man Xornal.vigo.orgXornal.vigo.org Concello de Vigo Contacto
Discurso
Subscribirse


 
luns, 28 de xullo 2003

Imprimir | Enviar

Esa é a nosa obriga como cidade: xerar capitais, valores, e unha ética pública cívica. Día de Galicia

Por Ventura Pérez Mariño (Alcalde)

Boas tardes ás cidadás viguesas e ós cidadáns e vigueses que tiveron a amabilidade de acudir a esta celebración. Boas tardes ós representantes veciñais, ós representantes institucionais e ás autoridades.


Quero expresar en primeiro lugar, no nome da Corporación e no meu propio, o agradecemento a Isaac Díaz Pardo por aceptar a realización do Bando co motivo do Día de Galicia e por desprazarse a esta nosa Cidade. Poucas persoas tan propias para este labor como Isaac. El, como artista, como intelectual e como empresario simboliza a excelencia. Ademais, xunto a súa creatividade, o seu tesón, o seu talento, é un cidadán exemplar no senso que vou sinalar. Un verdadeiro humanista, culto, imaxinativo e xeneroso. E hoxe Isaac é tamén un vigués máis.

Conmemoramos aquí anticipadamente o Día de Galicia, como decía Isaac. A importancia de Vigo en Galicia é cada día maior e a sorte dunha e a outra están inevitablemente unidas. Historicamente na cidade forxáronse os fundamentos sociais e políticos do que logo sería o Estado Moderno. Na antiga Mesopotamia, nas cidades gregas e romanas, pasando logo polas cidades italianas do Renacemento, o home foi adquirindo liberdade e coñecementos.

En Vigo gozamos dun excelente capital humano, estamos cheos de emprendedores, de xentes con ambición de crear riqueza e emprego. Así veu sendo, e segue sendo. Non podemos dicir o mesmo do capital construído: as infraestructuras das que dispoñemos non son as axeitadas para a potencia económica que ostentamos. É a nosa obriga, e niso estamos, facer chegar ás autoridades da Administración Central e Autonómica a necesidade de máis investimentos e apoio. Non é posible pensar que a nosa achega económica ó PIB galego se manteña sen una mellora substancial das infraestructuras, todo isto dentro dun marco de desenvolvemento sostible.

Temos tamén algunha carencia en capital social. Capital social que significa comportamento cívico e valores.

Na cidade debemos aprender e practicar a ética pública cívica entendida como o conxunto de valores e normas que comparte unha sociedade moralmente pluralista que permite ós distintos grupos, non só coexistir, non só convivir, senón tamén construír a súa vida xuntos a través de proxectos compartidos e descubrir respostas comúns ós desafíos ós que se enfrontan.

Ese conxunto de valores e normas non é estático, non se atopa dado dunha vez por todas, senón que se amplía e concreta cando os distintos grupos teñen a vontade decidida de descubrir os seus haberes comúns e de amplialos, porque comprenden que os retos comúns importa contestalos con respostas así mesmo compartidas. Así a ética cívica é a ética das persoas consideradas como cidadáns.

Ese conxunto de capitais, sen retroceder na súa mellora, constitúe a esencia da cidade.

Na miña opinión, esa debe ser a contribución da Cidade de Vigo á Comunidade Galega. Unha achega de capitais por cidadáns que xeren entre eles identidades que lles fagan sentirse parte dunha sociedade. Esa é a nosa obriga como cidade: xerar capitais (valores) e unha ética pública cívica. Os cidadáns de Vigo teñen que sentirse Vigo, conformar un proxecto común. E nesa tarefa, os políticos temos moita responsabilidade e moito que dicir. Ata un pobo de demos, que diría Kant, sabe que sen virtudes éticas todo o entramado será un castelo sen argamasa, un artificio sen cimentos.

O noso compromiso como cidadáns con Galicia, con España, pasa polo noso compromiso con Vigo. Hoxe e mañá Galicia será o que sexa a forza das súas cidades, e de forma especial, pola súa magnitude, a nosa. Todos, as mulleres e os homes da cidade, temos que asumir a nosa cota de responsabilidade, unha cota que se acrecenta nos que ostentamos representatividade pública.

Moitas gracias de novo a Isaac e a vostedes pola súa asistencia e comprensión.

Vigo, 24 de xullo de 2003


Outros discursos
Día da Constitución Española

DISCURSO GALA VIGUESES DISTINGUIDOS 2015

DÍA DAS LETRAS GALEGAS 2015
Dedicado a Xosé Filgueira Valverde


Bando da Reconquista 2015

XXXVI ANIVERSARIO DA CONSTITUCIÓN ESPAÑOLA
(2014)


DIA DE GALICIA 2014


Ver todos


Volver á portada

© Gabinete de Prensa - Concello de Vigo 2003