Man Xornal.vigo.orgXornal.vigo.org Concello de Vigo Contacto
Discurso
Subscribirse


 
xoves, 24 de xullo 2003

Imprimir | Enviar

Vigo conta con infraestructuras pra o desenvolvemento da cultura e industrial, e pode arrastar a toda Galiza a ese equilibrio que necesitamos pra afirmar a nosa personalidade e os nosos dereitos históricos Bando do Día de Galicia

Por Isaac Díaz Pardo (convidado polo Alcalde)

Tal día como mañá, 25 de xullo do 1947, hai 56 anos, Castelao agardaba en Marsella o barco que o ía devolver a Buenos Aires, a el e á súa muller Virxinia. Viña de pasar un dos anos máis duros do seu exilio, na peripecia política do goberno Giral.


Castelao, o home que mellor conoceu a historia de Galiza e o noso posible destino, sabe xa do mal que leva no peito, pois acababan de llo revelar. Sabe que xa non voltará á súa terra nin voltará a ver á súa nai. Cheo de nostalxia e tristura, recorda que nesa data celébrase o Día de Galiza -no que os mellores galegos reivindicaban os nosos dereitos históricos-, e no seu ensoño percorre os camiños da nosa historia, e vai descobrindo a realidade do noso destino.

Castelao pon a debate a nosa historia fronte á nosa tradición, e ve que Galiza ten unha grande historia ao recoller as crónicas dos grandes nomes que tivemos, e así, vai describindo dende Prisciliano ate Valle-Inclán un desfile de sesenta e catro persoeiros nunha macabra Santa Compaña no que o derradeiro, Valle-Inclán, aínda fica descarnado.

Mais Castelao ve que se con estes 64 peroseiros pode construir unha gran historia de Galiza tamén pensa que ningún deles, nin todos eles xuntos foron capaces de erguer a intransferible autonomía moral de Galiza á categoría de feito endiscutible e garantizado.

Mais Galiza, segue pensando, conta afortunadamente pra a súa eternidade con algo máis ca unha historia fanada, conta cunha tradición de valor inponderable, que iso é o que importa pra gañar o futuro.

Facemos este recordo do pensamento do mestre de Rianxo dende Vigo, a cidade meirande e con máis pulo do sur da Galiza Lucense, que soña ao lado de Galiza Bracarense a historia que lle doía a Castelao.

Vigo, cantado por Martín Codax, Mendinho e Johán de Cangas, trovadores que van na imaxinaria Santa Compaña de Castelao, é un porto no que se contruiu moita esperanza na Galiza do noso tempo posibilitada pola bondade da súa ría, que non hai outra mellor no mundo. A Vigo viñemos a gardar ao noso pai polo ano 31. A Vigo viñemos polo ano cincuenta e tantos a embarcar pra Buenos Aires. Este particular recordo meu repítese dunha forma ou doutra na maior parte dos galegos, que vivimos unha esperanza atlántica, aínda que hoxe xa non é o mesmo, xa non ten o mesmo sentido.

Hai máis de 150 anos, Vigo está descobrindo a riqueza do seu, e acó veñen xente do extremo oriental da península, e acó se establecen, e deixan aínda hoxe apelidos que marcan a súa procedencia, e acó se crean importantes industrias que teñen que ver co mar, e a riqueza reclama unha arquitectura consonte coa súa condición social que crea un estilo ben definido hoxe valorado como un eclecticismo que ten carácter vigúes e que rematou co recordado arquitecto Manuel Gómez Román –que foi ademais secretario do Partido Galeguista, aínda atraendo a importantes arquitectos entre os que destaca Pacewicz, Genaro de la Fuente, Cominges ou Palacios entre outros. Vigo pasou así a ter en pouco tempo o mellor teatro de Galicia. De todo este desenvolvemento deixa testemuña o que hoxe é o decano da prensa española, o Faro de Vigo, cos seus 150 anos de vida.

No 1863 se publica na imprenta Compañel de Vigo Cantares Gallegos, de Rosalía de Castro a primeira gran obra que marca un fito na poesía galega. En Vigo se estreou a obra de Cabanillas a Villar Ponte O Mariscal. E a fonda presencia do movemento galeguista nesta cidade está ben documentada.

De Vigo saíu pra América Valentín Paz-Andrade, chamado dende a FAO polo inesquecible científico galego Osorio-Tafall, e dos estudios que fixo saíron as ideas das flotas conxeladoras e dos grandes arrastreiros que ían despegar a pesca das sobreexplotadas costa galegas. Isto fíxose realidade coa imponderable axuda dos fillos do lucense Antón de Marcos, é dizer Pepe Fernández e os seus irmáns.

En Vigo, logo da Guerra Civil, concretamente en 1950, nasce con gran dificultade pola situación política que se vivía a Editorial Galaxia, que vai concitar o movemento do galeguismo do interior. Tamén o gran centro de documentación bibliográfica, a Fundación Penzol, veu a Vigo, pois a Vigo veuse a refuxiar moito do galeguismo que ficara atrapado na terra.

Hoxe Vigo conta cunhas infraestructuras pra o desenvolvemto da cultura que non envidia a ningunha outra cidade española, e xunto co seu desenvolvemento industrial, pode arrastar a toda Galiza a saber levar polo bo camiño ese equilibrio que necesitamos pra afirmar a nosa personalidade e os nosos dereitos históricos, sen que o reconocemento da nosa diferencia impida a armonización e unidade dos povos da Iberia.

Pra rematar no que do Concello de Vigo se trata, temos que recordar ao derradeiro alcalde republicano de Vigo, inmolado na desfeita do ano 36: Emilio Martínez Garrido, e con el recordamos a tantos outros que por amar as causas xustas padeceron a mesma sorte. Hai que recuperar a memoria histórica pra que a historia non se repita, sen que iso supoña gardar algún resentemento que non temos.

Vigo, 24 de xullo de 2003



Outros discursos
Día da Constitución Española

DISCURSO GALA VIGUESES DISTINGUIDOS 2015

DÍA DAS LETRAS GALEGAS 2015
Dedicado a Xosé Filgueira Valverde


Bando da Reconquista 2015

XXXVI ANIVERSARIO DA CONSTITUCIÓN ESPAÑOLA
(2014)


DIA DE GALICIA 2014


Ver todos


Volver á portada

© Gabinete de Prensa - Concello de Vigo 2003