Man Xornal.vigo.orgXornal.vigo.org Concello de Vigo Contacto
Discurso
Subscribirse


 
sábado, 14 de xuño 2003

Imprimir | Enviar

O pobo de Vigo espera en primeiro lugar que utilice a confianza que me outorgou temporalmente para administrar de forma xusta e eficaz os recursos colectivos. Toma de posesión

Por Ventura Pérez Mariño (Alcalde de Vigo)

Viguesas e vigueses, cidadás e cidadáns, amigos.

Antes de ler o discurso que traio escrito, hei de comezar expoñendo o meu sentimento. Non hai nada máis bonito que ser alcalde do pobo dun mesmo.

Hoxe comezo a traballar e o fago con preocupación pola responsabilidade que asumo e, ao mesmo tempo, cunha enorme emoción e gratitude.

Son moitas as persoas que me paran pola rúa e me din: non nos defraude. Estean seguros de que nada me preocupa tanto como non defraudalos.

Como representantes do pobo, por medio da votación que se realizou encargástesme a misión de gobernar, e gobernar é administrar bens do pobo e, por iso, a miña primeira tarefa é escoitar e dialogar e conseguir que ningunha causa nobre deixe de ser oída. Por iso oireivos e atendereivos as 24 horas do día. Por iso me dedicarei a iso as 24 horas do día.

Moitas veces, de forma constante, pregúntome ¿que quere?, ¿que agarda de nós, de min o pobo de Vigo?

Se non me equivoco, o pobo de Vigo espera en primeiro lugar que utilice a confianza que me outorgou temporalmente para administrar de forma xusta e eficaz os recursos colectivos. Agarda que os políticos nos entendamos, que deixemos para o xusto as nosas tensións e antagonismos e contribuamos co noso traballo á prosperidade da cidade e ao benestar dos cidadáns e tamén espera que fagamos unha política vital e creativa con maior participación e esixencia dos cidadáns. Espera tamén, como lle aconsella Quixote a Sancho cando se preparaba para gobernar a Insula Barataria que, cando puidese e debese ter lugar a equidade, non cargasemos con todo o rigor nos desfavorecidos, que se acaso hai que doblar a vara da Xustiza, non sexa co peso da dádiva senón co da misericordia.

Espera, fundamentalmente, ansía sentirse satisfeito co seu alcalde e coa súa corporación. Ansía saber que traballamos ao unísono, que deixemos de lado estériles loitase e que construamos un pouco cada día.

Por iso estou aquí, para traballar e gobernar para os vigueses e con todos os vigueses. A partir de agora as preocupacións dos cidadáns son as miñas preocupacións. Se aos vigueses lles preocupa a seguridade, a min tamén; se lle preocupa o lastimoso tráfico, a min tamén; se lles preocupa o paro, a pesar das estatísticas máis ou menos bondadosas, a min tamén; se lles preocupa o deterioro do medio ambiente e do litoral, a min tamén; se lles preocupa o descrédito da política e dos políticos, a min tamén; se lles preocupa a nosa anarquía urbanística, a min tamén. Eu son un máis con vós nos momentos de alegría e dor.

Por esta preocupación, preocupación colectiva, debemos encauzala na busca de solucións.

Encontrámonos fronte a dificultades e problemas e non o negamos. A relación de representantes obtida tralas eleccións nos indica a existencia dun pluralismo que debemos afrontar. Un goberno de coalición como o que acabamos de acordar non pode ser un goberno no que cada quen vaia polo seu lado. Imos conformar un goberno único do que forman parte dous partidos que, por que non dicilo, lograron un acordo non exento de dificultade. Un goberno do que tamén forma parte, con outras funcións, a necesaria e constructiva oposición.

Non son tampouco escasas as dificultades que presenta o actual estado da cidade e de sobra coñecidas. Pero iso non significa que haxa que derrubar o construído nin levantar un edificio en paralelo. Hai que aproveitar o que ten de positivo e recoñecer o traballo das anteriores corporacións significado por Lois Castrillo.

Miñas donas e meus señores, viguesas e vigueses, atopámonos hoxe ante unha nova etapa chea de esperanzas e estean absolutamente seguros que pese a todas as dificultades, coa súa axuda, con esforzo e boa vontade, tolerancia e diálogo, lograremos superala. Esta é a hora tamén de preguntarnos todos, non só o que o Goberno municipal pode facer por cada un de nós, senón o que todos unidos podemos facer por esta gran cidade que é Vigo.

O 9 de abril de 1865, no xulgado de Appomatox, ao sudoeste de Virxinia, o xeneral Lee rendíase ante o xerral Grant fundíndose nunha aperta, despois de catro anos de enfrontamentos e da morte de 500.000 combatentes. Unha nova realidade requeríao e esixíao. Por iso, Grant animou os soldados confederais desmobilizados a que tomasen as súas mulas e volvesen a casa e empezaran, tornando as armas en arados, a sucada de primavera.

Señores e señoras, rematamos a contenda electoral e é tempo de comezar a sementeira, propicio tempo de sementeira despois da necesaria contenda que nos converteu en representantes populares.

Son consciente, somos conscientes, de que o feito de ser investido non me fai, non nos fai, titulares do poder. Somos eventuais portadores do poder, pero o poder é do pobo. Estes escanos que ocupamos, os despachos que axiña ocuparemos non son nosos. O poder municipal non é noso. Todo iso é do pobo. O pobo é o titular. Nós somos os seus axentes, os seus delegados, os seus representantes.

Temos que, como dicía Adolfo Suárez, facer normal na política o que é normal na rúa, imos abrirlle a porta do sentido común con rigor, con realismo e tamén con ilusión.

Amigas e amigos, os cidadáns non sodes indiferentes ao comportamento político dos gobernos. A ética que debe seguir a nosa conducta debe ser examinada e xulgada sen benevolencia. Non pode manterse esa vella e falsa distinción entre ética da responsabilidade e ética do compromiso. O político debe ser responsable dos seus actos, anti si mesmo e ante os demais, e responsable do respecto ás conviccións que inspiraron estes actos porque esas conviccións que son compartidas cos cidadáns que os elixiron, precisamente porque as tiña, non pode abandonalas un político cando está exercendo o poder.

Un dos políticos máis destacados do século XX, Winston Churchill indicaba que a única guía dun home é a súa conciencia. O único escudo do seu recordo está na rectitude e na honradez das súas accións. É unha grande imprudencia, dicía, avanzar na vida sen ese escudo.
Con ese escudo das miñas conviccións, coa lei como bandeira e guía, inicio hoxe o meu traballo. Unha mestura de azar, destino e carácter, que segundo o pensador Dilthey é a vida e desde logo coa vontade dos votantes, que me puxeron neste lugar. Gracias.

Veño de asinar un contrato social. Un contrato social que é recíproco: por cada dereito unha obriga, por cada privilexio un deber. Para min é un privilexio e un honor traballar por e para a miña cidade, na que nacín, na que mamei o primeiro leite, na que dei as miñas primeiras patadas a un balón no barrio de Casablanca, cidade na que por vez primeira me namorei, na que naceron os meus fillos e na que vivo. E a cambio teño a obriga de desempeñar a miña función con total honradez e eficacia.

Permítanme que a estas alturas faga algunha referencia persoal. Teño o dereito e o deber de que a sociedade viguesa saiba da miña identificación co PSOE, sen prexuízo de ofrecer ao mesmo tempo a miña condición de independente.

Tamén quero neste momento de tanta importancia para min lembrar os meus pais e o meu sogro. Gracias polos seus ensinos e a súa transmisión do cariño, polo público estou aquí. E neste apartado hei de incluír a miña muller que me ampara e anima nesta bela travesía da política.

E tamén quero sinalar, e hanme perdoar a referencia partidista, o meu agradecemento ao PSOE e aos seus militantes que me deron a oportunidade de participar.

É unha gran responsabilidade a que agora asumo. Confío en ter forzas para afrontala. Se conto coa axuda de vostedes e dos cidadáns estou seguro de que entre todos temos que avanzar na consecución do que vostedes agardan dos seus representantes. O meu desexo e aspiración é cumprir co meu deber e nada hai máis grato para calquera persoa que o que na súa conducta coincidan desexo e deber.

Deste xeito, traballando con ilusión, con participación e con esixencia democrática na cidade verdecerá. O hoxe, dicía Machado, está aberto ao mañá, o mañá ao infinito; pero o mañá non está escrito, é tarefa de todos facelo.

O xa alcalde que lles fala só ten un interese e ese interese exprésase en poucas palabras, o ser útil aos intereses xustos dos cidadáns. Devolvamos a esperanza.

E ao fío da esperanza permítanme que remate cun poema dun vigués de adopción. Unha poesía é unha folerpa fráxil de sentimento fronte ao ardor dos discursos políticos. Pero a beleza do poema é eterna e perdura.

Con esta aspiración remato cun poema titulado "Unha palabra" do poemario de Celso Emilio Ferreiro "Viaxe ao país dos ananos".

Se tivesemos todos
unha palabra exacta, unha soamente,
unha verba acatada, obedecida,
unha canle de luz para un para un so nome
dunha cousa calquera
-terra, paz, liberdade,
hoxe, mañá, futuro, guerra, medo-
e soubemos todos pronunciala,
con idéntico sentido ao pé dun río,
entón si que é verdade
que a primeira verdade sería nosa
e que o grande perigo findaría.
Mías ¿onde atoparemos a palabra
unánime, de todos, como unha árbore
dun bosco comunal, nun claro día?
Esa palabra existe
e temos que buscala sen descanso,
día e noite, esperanza.

Esperanza. Vostedes teñen a palabra. Moitas gracias.


Outros discursos
Día da Constitución Española

DISCURSO GALA VIGUESES DISTINGUIDOS 2015

DÍA DAS LETRAS GALEGAS 2015
Dedicado a Xosé Filgueira Valverde


Bando da Reconquista 2015

XXXVI ANIVERSARIO DA CONSTITUCIÓN ESPAÑOLA
(2014)


DIA DE GALICIA 2014


Ver todos


Volver á portada

© Gabinete de Prensa - Concello de Vigo 2003