Man Xornal.vigo.orgXornal.vigo.org Concello de Vigo Contacto
Discurso
Subscribirse


 
xoves, 27 de marzo 2003

Imprimir | Enviar

Se Vigo é a cidade con máis futuro de Galicia, é mercede a un corpo social vivo, con iniciativa, emprendedor e solidario. Acto da Reconquista

Por Lois Pérez Castrillo (alcalde de Vigo)

Ano tras ano, o Concello de Vigo, como máxima representación da cidade emanada da vontade popular e no seu nome, selecciona un grupo de persoas e colectivos para honralos co título de vigueses e viguesas distinguidos, e outorga o máximo galardón da cidade, a súa medalla.

Estas distincións pretenden ser un recoñecemento ao labor de toda unha vida, dunha traxectoria vital ou profesional a prol da sociedade viguesa, ou ben un aplauso cidadá a actuacións puntuais que representan en si mesmas os máis altos valores de Vigo e da súa xente. Eses cidadáns e cidadás, vigueses de nacemento ou de adopción, que co seu traballo, co seu compromiso, contribúen día a día a construir a nosa cidade; esa xente, é o maior valor que posúe Vigo, alén do potencial que supón a nosa posición xeográfica ou o noso privilexiado contorno natural.

Se Vigo é a cidade con máis futuro de Galicia, é mercede a un corpo social vivo, con iniciativa, emprendedor e solidario.

Vigo caracterízase por un especial dinamismo que lle proporciona a súa xuventude como cidade e o feito de que a maioría da súa poboación sexa menor de corenta anos.

Vigo é un lugar con iniciativa, resultado de ser punto de destino durante décadas de moitos milleiros de galegos e galegas e de persoas procedentes de distintos puntos do estado, que viñeron buscando na nosa cidade unha oportunidade de traballo, maior formación, comezar unha carreira empresarial ou mesmo formar unha familia. E tamén foi Vigo punto de partida alén do mar, que hoxe se reconvirte en porto de retorno para moitos dos que buscaron fortuna con distinta sorte noutras terras.

A idiosincrasia de Vigo é a dunha cidade emprendedora. Natural que así sexa nun povo que vive a diario a aventura de ver sair ao mar aos seus fillos, cada vez máis lonxe, ata chegar cos nosos barcos aos máis insospeitados lugares do mundo na busca de riqueza.

Vigo é tamén cidade solidaria, porque sempre soubo unirse para loitar polo seu, dende a xesta da Reconquista, ata esa outra fazaña, máis recente e máis notable se cabe, que foi a pelexa contra a marea negra. Todos e todas xuntos. Solidaria ademáis porque acolle a todo o mundo, aos que retornan á súa terra e aos que queren facerse sitio nunha sociedade que progresa, porque nesta cidade ninguén sobrou nunca nin imos desbotar ningunha aportación a ese continuo proceso no que estamos mergullados de construcción dunha cidade libre e acolledora para todos e todas.

Fronte a quen di pexorativamente que somos unha cidade de aluvión, afirmamos que somos unha cidade aberta e cosmopolita.

E sobre todo somos unha cidade amante da xustiza, porque sabemos o que é a marxinación; sabemos o que é estar illados pola carencia de infraestructuras de comunicación, sabemos o que supón que se nos impida pescar en augas internacionais, coñecemos as consecuencias dos peches traumáticos de factorías industriais…

Vigo recoñécese orgulloso no espello de persoas e colectivos que exemplifican valores como:

- O apoio desinteresado aos máis desfavorecidos.
- A repulsa activa contra a violencia de xénero.
- O traballo a prol dos dereitos individuais e colectivos.
- O esforzo por formar aos xoves e insertalos no mundo laboral
- O labor de difusión do noso patrimonio histórico e artístico co afán de protexelo para o goce das vindeiras xeracións.
- A defensa do noso mar, fonte do que somos e do que seremos.

E tamén sentímonos orgullosos de que hai 150 anos, nun baixo da rúa Oliva, uns vigueses comezaran a reflectir en papel prensa a realidade e os anceios da sociedade viguesa, e que durante todo este tempo acompañaran a evolución de Vigo non só como fedatarios, senon adquirindo o compromiso de contribuir ao seu continuo desenvolvemento. O destinatario da medalla da cidade, ao igual que cada un dos vigueses distinguidos, conforman os alicerces desta metrópole na que Vigo se está convertendo. Unha cidade que aspira a seguir medrando de forma sostíbel, reforzando o seu liderado na eurorrexión sen renunciar ao espírito humano e solidario que a define.

O noso reto para o futuro próximo é conseguir que o Vigo do traballo dispoña dunhas infraestructuras de comunicación acordes coas esixencias dos novos tempos e ofreza nas súas rúas, nos seus espacios públicos, nos seus servicios, a calidade de vida que demandan os seus cidadáns.

Entre todos e todas debemos consolidar esa imaxe que xa asocia Vigo co desenvolvemento económico, pero facendo que ese progreso sexa compatible coa conformación dunha cidade para os cidadáns, na que os servicios públicos sexan a garantía da igualdade, na que os servicios educativos e a oferta sanitaria pública se preste con calidade, na que se creen vivendas accesibles para todos, na que se apliquen políticas de integración social, de apoio aos máis desfavorecidos, de promoción da muller.

Esa é a cidade pola que todos e todas, sen distinción de ideoloxía, temos que seguir traballando. Un Vigo no que exista igualdade de oportunidades para as mulleres, para os xoves, para os discapacitados, para acceder ao traballo, á cultura, ao ocio. Unha cidade líder, que estea situada no mapa, que siga sendo o motor económico de Galicia, cabeza dunha área metropolitana, referencia na eurorrexión. Unha cidade sostibel, onde o crecemento económico estea asegurado, pero nunca en detrimento do medio ambiente, da calidade de vida, dos espacios públicos, da nosa ría. Medrar sen cercenar o noso futuro, ordenadamente e con respecto ao patrimonio histórico e natural.

Hoxe premiamos a persoas e colectivos que, dunha e outra forma, participan neste gran reto colectivo. Teño a certeza de que Vigo seguirá defendendo unido os seus valores máis senlleiros, os que a debuxan como cidade aberta e solidaria, amante do seu contorno natural, comprometida cun modelo sostido de desenvolvemento económico e urbano, e volcada decididamente coa vertebración e impulso socioeconómico de Galicia

Non quixera rematar a miña intervención pechando os ollos aos terribles sucesos que estamos a vivir. Ninguén pode ignorar ás persoas de toda condición que sofren nestes momentos o abafo mortal dunha guerra. Non o ignoraron os milleiros de vigueses que unha e outra vez sairon as ruas a manifestarse a prol da paz e contra a guerra. Vigo tamén é pois, na rememoración da xesta da Reconquista, unha cidade que clama pola convivencia en paz. Así debe seguir sendo por sempre.


Outros discursos
Día da Constitución Española

DISCURSO GALA VIGUESES DISTINGUIDOS 2015

DÍA DAS LETRAS GALEGAS 2015
Dedicado a Xosé Filgueira Valverde


Bando da Reconquista 2015

XXXVI ANIVERSARIO DA CONSTITUCIÓN ESPAÑOLA
(2014)


DIA DE GALICIA 2014


Ver todos


Volver á portada

© Gabinete de Prensa - Concello de Vigo 2003