Man Xornal.vigo.orgXornal.vigo.org Concello de Vigo Contacto
Discurso
Subscribirse


 
xoves, 25 de xullo 2002

Imprimir | Enviar

Vigo reune as condicións para ser a cidade que lidere Galicia neste século, a que represente a nosa nación internacionalmente. Día da Patria

Por Lois Pérez Castrillo (Alcalde de Vigo)

O Día de Galicia celébrase en Vigo cunha tradicional recepción no Pazo de Castrelos. Este ano, o alcalde vigués quixo facer fincapé no papel que debe xogar Vigo na construcción de Galicia como país.


O 25 de xullo celebramos a Festa Nacional de Galicia. A tradición manda que, na véspera desa xornada, vigueses e viguesas de todos os ámbitos sociais nos reunamos nestes xardíns patrimonio da nosa cidade para lembrar que Galicia tamén posúe un valiosísimo patrimonio que debemos conservar: a súa identidade, unha cultura propia, unha lingua e un sentimento de nación.

Non é só a tradición a que nos convoca aquí. É sobre todo, o sentimento de pertenza a unha comunidade ben definida, a un povo que quere manter o seu lugar no mundo sen renunciar a aquelas características que lle son propias e que o fan existir como tal.

O amor por Galicia é a esencia que mantén unha festa que nós queremos converter tamén nun acto de reivindicación da nosa personalidade neste mundo globalizado no que nos toca vivir. A globalización da información e da economía xera inevitablemente desigualdades que compre combater. Algúns deses desaxustes inciden de forma moi negativa no noso país. O reto de Galicia é saber evitar os efectos negativos da globalización aproveitando todas as súas vantaxes.

Temos que inventar o noso papel no mundo explotando con intelixencia os nosos recursos e potencialidades. Como dicía hai un par de anos neste mesmo día e lugar Don Paco del Riego, temos que asimilar as novas correntes tecnolóxicas e da realidade política internacional para desenvolver e proxectar a nosa personalidade peculiar. Galicia ten ante si o futuro que saiba construir.

Nese proceso de busca do espacio para o desenvolvemento de Galicia no mundo, Vigo actúa como un elemento fundamental. Non é só que a nosa bisbarra sexa o polo de maior crecemento demográfico do país, nin que concentre boa parte da súa actividade económica. E que ademáis é unha das principais plataformas para a proxección internacional de Galicia polo seu sustrato industrial, polo seu dinamismo cultural, a súa capacidade comercial ou a súa vocación deportiva.

Vigo é a gran metrópole que pode representar a Galicia no exterior, pero para iso ten que asumir que ese liderado que xa ostenta sen discusión no terreo da economía se reforce tamén nos eidos político e social. Para iso é necesario que academos amplos consensos sobre algúns aspectos esenciais que condicionarán nos próximos anos o papel da nosa cidade.

Cómpre, por exemplo, que canto antes se plasme en lei un proxecto que xa está en avanzado proceso de xestación tras un rigoroso e extenso debate dos concellos do noso contorno. Refírome á constitución da Área Metropolitana, un instrumento clave para o crecemento racional de Vigo que debe ser observado por riba de criterios partidarios.

Ese consenso que reclamo para a creación da Área Metropolitana é o que debe guiar tamén a nosa alianza estratéxica co norte de Portugal. Cos nosos veciños lusos, apoiados na nosa afinidade lingüística e cultural, e nas nosas relacións económicas, podemos formar a suficiente masa crítica como para facer oir a nosa voz nos foros internacionais.

Para que Galicia se abra paso no futuro con garantías de éxito aínda é necesario un especial esforzo na modernización das súas infraestructuras de comunicación. O ferrocarril segue a ser unha asignatura pendente. Pendentes estamos de que se concrete ese proxecto de conexión directa de Vigo coa meseta a través da rede de alta velocidade, e do proxecto da saída sur ferroviaria que permitiría enlazar a nosa cidade facilmente con Portugal.

Cada vez máis necesaria se fai tamén a ampliación do aeroporto de Peinador e a instalación duns sistemas modernos que o permitan operar en igualdade de condicións cos outros aeródromos da eurorrexión. Convén lembrar que o aeroporto de Vigo rexistra un incesante crecemento de viaxeiros. É o que mellores perspectivas ten para se converter na gran base loxística de transporte aereo de Galicia e sen embargo funciona en condicións que lastran a súa competitividade. Urxe a aplicación de todas as medidas que se recollían no Plan Director aprobado polo Concello o pasado ano para que Peinador poida atender con eficacia unha demanda que en absoluto se cingue aos Concellos da nosa ría.

Outro consenso básico para relanzar Vigo é o que xa estamos logrando no decurso da elaboración do novo Plan Xeral de Ordenación Municipal. O acordo acadado entre institucións e axentes sociais debe seguir presidindo o proceso de definición do deseño da cidade. A finais deste ano disporemos xa dun documento que recollerá con claridade as pautas que permitirán manter un crecemento sostido de Vigo e impulsar o seu despegue como a gran metrópole atlántica na que anceiamos convertela.

Vigo reune as condicións para ser a cidade que lidere Galicia neste século; a que represente a nosa nación internacionalmente; a que ondee a bandeira azul e branca na comunidade plural de nacións. Velaí a tarefa que temos por diante e que, estou seguro, de que entre todos e todas podemos desenvolver.


Outros discursos
Discurso DIA DE GALICIA

Discurso do Alcalde Reconquista 2018

Bando Reconquista 2018

Bando Día da Constitución

Discurso do alcalde de Vigo
Día da Constitución 2017


Bando Día de Galicia


Ver todos


Volver á portada

© Gabinete de Prensa - Concello de Vigo 2003