Man Xornal.vigo.orgXornal.vigo.org Concello de Vigo Contacto
Discurso
Subscribirse


 
venres, 26 de xullo 2002

Imprimir | Enviar

O Museo do Mar pasará a formar parte da iconografía da nosa cidade ao igual que a batalla de Rande está fixada no imaxinario colectivo das nosas xentes. Inauguración do Museo do Mar de Galicia

Por Lois Pérez Castrillo (Alcalde de Vigo)

O edificio de Aldo Rosi e César Portela, dependente da Zona Franca de Vigo, supón un paso máis no achegamento da cidade ao mar. Ademais, servirá para reflectir, tamén nas vitrinas, a fonda relación de Vigo coa vida mariña.


En 1702 era Vigo unha pequena vila asomada á ría que leva o seu nome. Apenas uns centos de persoas se refuxiaban no interior dunhas murallas que constituían o maior fito arquitectónico dun pobo de pescadores.

Dende entón Vigo mantén unha carreira constante que co paso dos anos a levou a se converter nunha das cidades máis puxantes da fachada atlántica europea. Hoxe a imaxe de Vigo é a dunha urbe en continuo crecemento, que reafirma día a día o seu liderado demográfico e económico en Galicia.

Nesa carreira cara o progreso, Vigo tamén compite no terreo cultural. Nos últimos anos a nosa cidade albisca xa como unha realidade a posta en marcha dos grandes equipamentos que precisaba para dar acubillo á súa inxente producción artística e literaria e para dar unha acaída satisfacción á demanda dos seus cidadáns.

O enorme pulo da nosa urbe e a colaboración inter-institucional estanos permitindo superar o vello déficit de infraestructuras culturais que Vigo arrastraba. Estamos impulsando un novo modelo de cidade apoiado na creación destes novos equipamentos; un modelo no que a cultura, o lecer e o medio natural adquiren protagonismo para acompañar o crecemento da maior cidade de Galicia.

Vigo comeza a contar cunha completa rede de espacios culturais que farán máis acolledora a cidade para os que nela vivimos e moito máis atractiva para quen nos visita. Nesa rede de equipamentos este museo será unha peza significativa.

A capital europea da pesca, a sede da máis potente industria transformadora de productos do mar do continente, a que foi durante anos cidade de partida dos novos colonizadores de América tiña que recoller toda esa vocación mariñeira nun espacio cultural. O Museo do Mar cumpre con ese papel. Este vai ser o referente cultural de todo o mundo do mar de Galicia.

Ao percorrer as salas desta xenial obra arquitectónica ou cando ollo a súa silueta enxalzando a costa viguesa, non teño dúbidas de que o traballo do lamentablemente desaparecido Aldo Rossi e de César Portela, se convertirá co paso dos anos nun dos principais elementos simbólicos da nosa cidade. O Museo que se ergue sobre terreos cedidos polo Concello será un dos emblemas desta ría e ao mesmo tempo funcionará como unha ventá aberta ao mar que convidará aos vigueses e viguesas a achegárense a el, a ollar a ría dende a beira, a valorar e amar o noso mellor patrimonio natural.

O Museo do Mar pasará a formar parte da iconografía da nosa cidade da mesma maneira que a batalla que se desenvolveu hai trescentos anos na ría de Vigo está fixada no imaxinario colectivo das nosas xentes. Durante séculos Vigo foi coñecido no mundo por ser o escenario dunha magna confrontación bélica. Máis ca no significado estratéxico da batalla, o recordo daquel acontecemento histórico quedou fixado no extraordinario botín que a lenda e a literatura de Verne situaron no fondo da ría.

A exposición sobre a batalla de Rande é a mellor presentación para unha dotación cultural que dende hoxe se suma ao patrimonio cultural de Vigo e de Galicia. Unha dotación que ademáis contribúe a recuperar unha zona significativa do litoral da nosa cidade, engarzándoa nese ambicioso proxecto no que estamos empeñados e que consiste en rexenerar toda a costa dende Saiáns ata Teis convertendo a fachada marítima da cidade nun auténtico espacio de lecer para todos os cidadáns.

Cómpre pois que nos felicitemos todos por poder gozar xa desta obra que reforza a oferta cultural da nosa cidade, que enriquece o noso patrimonio arquitectónico e que contribúe a dignificar e revitalizar o noso litoral.


Outros discursos
Discurso do Alcalde Reconquista 2018

Bando Reconquista 2018

Bando Día da Constitución

Discurso do alcalde de Vigo
Día da Constitución 2017


Bando Día de Galicia

DIA DE GALICIA en VIGO


Ver todos


Volver á portada

© Gabinete de Prensa - Concello de Vigo 2003