Man Xornal.vigo.orgXornal.vigo.org Concello de Vigo Contacto
Discurso
Subscribirse


 
venres, 08 de marzo 2002

Imprimir | Enviar



Don Paco foi valedor do galeguismo en tempos desfavorables
Homenaxe a Don Francisco Fernández del Riego

Por Lois Pérez Castrillo (Alcalde de Vigo)

O ex presidente da Real Academia Galega cedeulle en 1995 ao concello vigués a súa colección bibliográfica e artística, así como a Casa Galega da Cultura. O alcalde de Vigo agradécelle neste discurso a doazón e enxalza a figura do intelectual galeguista.

Eu sei que D. Paco, home que sempre fixo gala dunha proverbial modestia, non é amigo de recibir homenaxes. Sen embargo non ten máis remedio que aceptar o feito de que é unha persoa querida e admirada e recoñecer que os galegos e galegas estamos fondamente agradecidos polo labor que desenvolveu no decurso da súa vida a prol do país.

A miña presencia neste acto era obrigada non só pola simpatía e respecto persoal que sinto por D. Paco, un home que ben merece os calificativos de bo e xeneroso que reservamos para os mellores fillos deste país; tamén tiña que estar aquí como representante de Vigo. A nosa cidade débelle moito a Francisco del Riego. Nela impartiu o seu maxisterio durante décadas, espallando a mensaxe galeguista e mantendo aceso o facho da nosa cultura.

Vigo tenlle que agradecer tamén a D. Paco a valiosa doazón que nos permite hoxe dispoñer da magnífica Casa Galega da Cultura, unha dotación cultural da que a cidade ten que se sentir orgullosa. Vigo, que sempre foi o cerne do mundo editorial galego, é gracias a Francisco del Riego e a Fermín Penzol o depositario da mellor colección de libros e documentos impresos no país.

Son moitos os motivos polos que Paco del Riego se fixo acredor desta homenaxe que conxuga o agarimo dos seus compañeiros e amigos co recoñecemento das institucións. Sobre todos eses motivos a min gustaríame salientar un. D. Paco foi valedor do galeguismo en tempos desfavorables. Tivo que superar persecucións, incomprensións e non poucas dificultades. Pero sempre, aínda nos anos máis escuros, soubo manter un espírito íntegro que eu considero exemplificador para todos. Francisco del Riego é un home que permaneceu toda a súa vida fiel ao seu país e ás súas ideas. Ese valor, esa constancia, ese amor ao país que demostraron el e outros coma el é o que nos permite estar hoxe aquí reunidos, falando na nosa lingua e representando unhainstitución como é o Concello de Vigo. Gracias D. Paco.


Outros discursos
Discurso DIA DE GALICIA

Discurso do Alcalde Reconquista 2018

Bando Reconquista 2018

Bando Día da Constitución

Discurso do alcalde de Vigo
Día da Constitución 2017


Bando Día de Galicia


Ver todos


Volver á portada

© Gabinete de Prensa - Concello de Vigo 2003