Man Xornal.vigo.orgXornal.vigo.org Concello de Vigo Contacto
Discurso
Subscribirse


 
domingo, 24 de marzo 2002

Imprimir | Enviar

Os máis novos son os que recibirán como herdanza a cidade que entre todos e todas estamos construíndo Día da Reconquista

Por Lois Pérez Castrillo (Alcalde de Vigo)

O Día da Reconquista, a festa local da cidade, conmemórase o combate dos cidadáns vigueses contra as tropas francesas. No seu discurso institucional, cando se entregan os premios de Vigueses Distinguidos, o alcalde evocou a solidariedade e reivindicou melloras na comunicación ferroviaria da cidade.

Case todos os grandes acontecementos que marcaron a historia dos pobos e as civilizacións tiveron persoeiros senlleiros como protagonistas. En Vigo conmemoramos cada ano un feito histórico en que o protagonismo foi compartido pola colectividade, xa que contou como actores principais ao conxunto de homes e mulleres que daquela formaban a nosa comunidade.

Deixando a un lado as discusións sobre o trasfondo ideolóxico daqueles sucesos, centrémonos na obra común que ao meu xuízo é máis relevante e que xustifica a celebración desta festa. A Reconquista foi un esforzo solidario, unha obra común dos vigueses e viguesas. Esa foi a súa virtude, o elemento que permitiu que as ilusións, as esperanzas, os desexos dos nosos devanceiros acadasen unha boa fin, e tamén a característica pola que case dous séculos despois seguimos enxalzando aquel episodio da nosa historia local.

O exemplo desa obra común que foi a Reconquista segue presente hoxe en Vigo. A nosa quere seguir sendo unha cidade solidaria, na que se valora o esforzo individual e colectivo a prol da comunidade, que aplaude aqueles cidadáns que entregan parte da súa enerxía vital a un xeneroso traballo de servicio ao conxunto dos demáis. Ese é o caso das persoas ás que hoxe imos distinguir.

Entre os galardonados deste ano temos bos exemplos desas cualidades que cómpre potenciar e agradecer. Velaquí tedes hoxe persoas que dedicaron a súa vida a difundir valores de tolerancia, de paz e de democracia; que fomentaron o coñecemento da cultura do noso país contribuíndo a reforzar a nosa identidade; que utilizan as novas tecnoloxías axudando a que Galicia non perda a carreira do progreso; persoas que promoven a creación de riqueza na nosa bisbarra; que promocionan o deporte e o asociacionismo, ou que se implican de forma directa na axuda aos máis febles.

Estes vigueses e viguesas distinguidos son un botón de mostra desa obra común que foi e continúa sendo Vigo, unha cidade á que o esforzo solidario de moitos homes e mulleres foi situando, chanzo a chanzo, nunha posición de preminencia dentro da eurorrexión.

Teño a profunda convicción de que Vigo ten ante si un magnífico futuro. O meu optimismo radica no convencemento de que traballando con espírito de colaboración, sen victimismos, sen complexos, Vigo pode acadar aqueles obxectivos que se propoña. Así o indica a evolución económica seguida nos últimos anos pola nosa área e así o reflicte o crecente interese por afincarse na nosa cidade de grupos industriais, de empresas comerciais e incluso de entidades de tipo cultural e social.

Somos o motor económico de Galicia, pero podemos ser, imos ser tamén, o seu máis activo centro cultural, o maior núcleo comercial e de lecer, un destino turístico de primeira orde e a sede dun importante complexo educativo e investigador. Estamos dando pasos trascendentes, que son froito dun clima de cooperación sen precedentes entre os axentes sociais da cidade, avances que se alimentan do inxente pulo que proporciona unha sociedade que se caracterizou sempre polo seu enorme dinamismo e que hoxe é consciente dos retos que os novos tempos lle deparan.

Para que este proceso siga o seu curso é imprescindible que as infraestructuras da cidade estean á altura dos tempos. Nestes momentos estanse a executar actuacións que suporán unha axuda notable no noso empeño por estructurar de forma racional a rede viaria da cidade. Outros proxectos de indubidable importancia avanzan nos prazos previstos e permitirán que pronto contemos con máis dotacións, que gocemos de máis edificios rehabilitados e que percibamos unha mellora xeral na cidade. O reto agora é o tren.

Vigo necesita a súa conexión ferroviaria de alta velocidade coa meseta e con Portugal para non perder a carreira do progreso. A mellora do ferrocarril non é unha reivindicación calquera, é unha oportunidade histórica para resolver carencias seculares e un requirimento necesario para que a nosa área manteña un crecemento económico sólido que permita xerar emprego e riqueza no futuro. Se a nosa cidade non accede á rede de alta velocidade verá cernadas as súas posibilidades de crecemento e seriamente afectadas as súas espectativas de se consolidar como o núcleo urbano referente da fachada atlántica peninsular.

Está en xogo o futuro de Vigo e, neste caso, non só depende do noso esforzo senón de quen ten na súa man a capacidade da decisión política. Así o entenderon as forzas políticas e os axentes económicos e sociais da cidade, que expresaron publicamente a súa demanda de que a Alta Velocidade chegue a Vigo. As administracións coñecen o peso demográfico da nosa área e están obrigadas a entender o compromiso de Vigo no desenvolvemento da nosa comunidade e, por conseguinte, a poñer os medios para que a nosa cidade
continúe exercendo o papel de locomotora da economía galega.

Esta arela da cidade debe ter unha resposta e esa debe ser clara e explícita. Do contrario os vigueses e viguesas, como xa fixemos noutros momentos da nosa historia, teremos que alzar de novo a nosa voz, de forma democrática e pacífica, pero coa máxima firmeza, para defender o que consideramos de xustiza.

A unidade na defensa dos intereses comúns é o mellor sistema para acadar o noso obxectivo de facer de Vigo unha gran cidade. Cada un dos proxectos que estamos a executar ten esa finalidade: crear as mellores condicións para que se desenvolva o noso tecido económico, gañando ao mesmo tempo calidade de vida para todos e todas os que residimos nesta maravillosa cidade.

Fálase de Vigo como unha urbe traballadora. É, sen dúbida, unha das súas virtudes, pero eu quero que axiña comece a ser coñecida tamén como un lugar extraordinario para vivir. Traballo e calidade de vida, ese é o binomio que inspira as nosas actuacións. Vigo como cidade para o ocio e para o negocio.

Vigo como cidade con oferta de emprego e con servicios sociais; Vigo como espacio cultural aberto e como abeiro e núcleo propagador da nosa cultura e das nosas tradicións. O Vigo que estamos impulsando é a metrópole que medra asomada ao Atlántico conservando con agarimo os seus excepcionais recursos naturais.

A meirande parte das persoas homenaxeadas nesta edición da festa da Reconquista distinguíronse por un louvable traballo a prol da mocidade. Eles, os máis novos, son os que recibirán como herdanza a cidade que entre todos e todas estamos construíndo. Será unha cidade probablemente máis grande e complexa ca esta na que agora vivimos, pero máis fermosa se cadra e con máis dotacións e servicios dos que agora dispomos.

As próximas xeracións vivirán nun Vigo que, mantendo a súa identidade, será máis humano, máis amable, máis cosmopolita e no que gracias ao labor de xente como estes vigueses e viguesas distinguidos, seguirán imperando valores de solidariedade, de tolerancia e de respeto polas nosas tradicións.

A estas persoas que hoxe honramos e a todos os vigueses e viguesas anímoos a emular aquel esforzo colectivo da Reconquista traballando pola nosa obra común: unha cidade da que nos sintamos orgullosos.


Outros discursos
Día da Constitución Española

DISCURSO GALA VIGUESES DISTINGUIDOS 2015

DÍA DAS LETRAS GALEGAS 2015
Dedicado a Xosé Filgueira Valverde


Bando da Reconquista 2015

XXXVI ANIVERSARIO DA CONSTITUCIÓN ESPAÑOLA
(2014)


DIA DE GALICIA 2014


Ver todos


Volver á portada

© Gabinete de Prensa - Concello de Vigo 2003